Mundo

A oficialidade do galego, o éuscaro e o catalán na UE volverá tratarse na próxima reunión do Consello de Asuntos Xerais

A petición de España para que o galego, o catalán e o éuscaro sexan linguas oficiais na Unión Europea volverá tratarse o 18 de xullo no Consello de Asuntos Xerais. Aínda que varios estados apoiaron a proposta, outros seguen a mostrar reservas políticas, legais e económicas, malia o compromiso de España de asumir todos os custos e aplicar a medida de xeito progresivo a partir de 2027. A unanimidade segue a ser requisito imprescindible para a aprobación.

Fonte: Swissinfo

Publícase unha guía coas axudas destinadas ás linguas minorizadas de Francia

A Delegación Xeral para a Lingua Francesa e as Linguas de Francia publicou unha guía que recolle as axudas do Ministerio de Cultura ás linguas rexionais. A publicación recoñece a riqueza lingüística do Estado e o deber de protexer estas linguas, algo que contrasta coas restricións reais que sofren, como a limitación do seu uso institucional e a falta de financiamento para o seu ensino.

Fonte: Diari de la Llengua

A maior diversidade lingüística do mundo atópase en Nova York onde se falan máis de 700 linguas

O seke, unha lingua en perigo de desaparición orixinaria do norte do Nepal, atopou un inesperado refuxio nos edificios comunitarios de Brooklyn, onde parte da súa comunidade emigrada procura mantela viva. Nova York, cidade cunha diversidade lingüística sen precedentes, serve como último bastión para moitas linguas ameazadas, mais tamén se enfronta a riscos crecentes que poderían acelerar a súa extinción. Iniciativas como a da Endangered Language Alliance traballan contra reloxo para rexistrar e preservar este patrimonio inmaterial antes de que desapareza sen deixar pegada.

Fonte: National Geographic

Os dispositivos Android inclúen a capacidade de usar un novo teclado en zapoteco

Motorola e a Fundación Lenovo impulsan a inclusión do zapoteco nos dispositivos Android a través dun teclado desenvolvido en colaboración con comunidades de Oaxaca. Esta iniciativa tecnolóxica busca preservar a diversidade lingüística e serve de exemplo global sobre o papel da innovación no recoñecemento cultural. A dixitalización de cinco variantes do zapoteco confirma que a tecnoloxía pode contribuír á supervivencia das linguas ameazadas e fortalecer o seu uso entre as novas xeracións.

Fonte: Gadget Dominicana

Apróbase unha declaración de emerxencia en materia cultural e lingüística dos idiomas orixinarios arxentinos chaná e charrúa

A Cámara de Senadores declarou a emerxencia cultural e lingüística das linguas chaná e charrúa, co fin de protexer e revitalizar estas expresións orixinarias. A lei recolle accións concretas como a difusión nos medios públicos, a edición de materiais didácticos e o recoñecemento formativo ao profesorado que promova estas linguas. A existencia dun falante vivo da lingua chaná, considerada extinta hai dous séculos, reforza a importancia desta medida.

Fonte: AIM Digital

Unha xornada aborda a inclusión do guaraní no ámbito dixital

No marco do Día da Aceptación Universal, celebrouse en Asunción unha xornada pioneira centrada na inclusión do guaraní no ámbito dixital. A iniciativa, impulsada polo NIC.PY e a ICANN, puxo en valor a necesidade de garantir que os dominios e correos electrónicos funcionen correctamente en calquera lingua. A xornada abordou retos técnicos e culturais para incorporar o guaraní nas plataformas dixitais como acto de inclusión e recoñecemento lingüístico.

Fonte: La Nación

Abre o primeiro centro de ensino de chinés en Cusco

O Instituto Confucio da Universidade Ricardo Palma abriu en Cusco o seu primeiro centro de ensino de chinés, nun esforzo por afondar os vínculos culturais e educativos entre Perú e China. Con actividades que combinan tradicións asiáticas e andinas, máis de 50 persoas estudan lingua e cultura chinesas nun centro que tamén ofrecerá cursos adaptados ao turismo co obxectivo de reforzar a preparación local para acoller visitantes chineses.

Fonte: CGTN

Preséntase en Oaxaca unha nova edición dos Premios CaSa destinados a textos en linguas orixinarias

A edición 2025 dos Premios CaSa foi presentada en Oaxaca como mostra do compromiso coa diversidade lingüística ao recoñeceren creacións literarias en oito linguas indíxenas. A iniciativa, impulsada polo artista Francisco Toledo, suma xa quince anos de traxectoria e consolidouse como referente nacional na promoción das linguas orixinarias.

Fonte: Instituto Nacional de Lenguas Indígenas

Celébrase en Guinea-Bissau o I Congreso Internacional do Ensino da Lingua Portuguesa

O ensino da lingua portuguesa xunta na Guinea-Bissau ao longo de tres días persoas expertas de varios países lusófonos co obxectivo de fortalecer a cooperación científica e contribuír á mellora do sistema educativo guineano.

Fonte: Observatório da Língua Portuguesa

Vilnius amplía as clases de lituano nas escolas primarias a partir de 2026

O Concello de Vilnius decidiu que, a partir do próximo curso, as escolas primarias de minorías nacionais terán polo menos seis horas semanais de lingua e literatura lituana, co obxectivo de mellorar o dominio do idioma vernáculo e os resultados académicos.

Fonte: LRT

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder