Mundo

A intelixencia artificial podería devolverlle a voz á lingua ainu, case extinguida, no Xapón

Máis dun século despois da colonización, a lingua ainu estivo a piques de desaparecer. Hoxe, grazas a vellas gravacións, a intelixencia artificial podería axudar a salvar este idioma do norte do Xapón da extinción.

Fonte: BBC 

Gales impulsa medidas para reforzar a lingua galesa nas súas zonas máis tradicionais

O Goberno galés anuncia un plan para frear o declive do idioma nas áreas onde tradicionalmente ten maior presenza, como Anglesey, Gwynedd, Carmarthenshire e Ceredigion. As medidas inclúen mellorar o acceso á educación en galés e ofrecer máis orientación no uso da lingua en ámbitos como a vivenda, a economía e o desenvolvemento comunitario.

Fonte: BBC 

O portugués segue sendo unha lingua minoritaria en Guinea-Bissau

Segundo o ministro de Educación de Guinea-Bissau, menos do 5 % da poboación emprega o portugués no seu día a día. A maioría comunícase en crioulo, o que evidencia a escasa presenza social do portugués fóra do ensino. O Goberno traballa en iniciativas para aumentar o uso da lingua oficial no país.

Fonte: Forbes África Lusófona

Nace unha ferramenta dixital para explorar a prensa literaria en portugués

O Programa de Posgrao en Letras da Universidade Federal do Rio Grande (FURG) presentou un dicionario electrónico que recolle información sobre autores, xornais e publicacións literarias de diferentes países lusófonos. O recurso pretende facilitar o acceso e estudo da tradición xornalística literaria en lingua portuguesa.

Fonte: FURG

Créase un novo premio para a poesía traducida ao inglés que busca aproveitar o crecemento da literatura internacional

As editoras Fitzcarraldo Editions, Giramondo Publishing e New Directions lanzan un premio para recoñecer a mellor colección de poesía traducida ao inglés. O galardón busca dar visibilidade a voces poéticas innovadoras de todo o mundo e ampliar a diversidade na poesía en inglés.

Fonte: The Guardian

Andorra suaviza as esixencias de coñecemento de catalán para o persoal sanitario

O Goberno de Andorra propón flexibilizar os requisitos de catalán para persoal sanitario e permitirá autorizacións provisionais de até dous anos a quen estudase no país, aínda sen ter o certificado oficial.

Fonte: Diari de la Llengua

A BBC lanza un novo servizo de noticias en lingua polaca

Co obxectivo de contrarrestar a desinformación crecente nos medios de comunicación, a BBC acaba de crear un novo servizo de noticias en lingua polaca.

Fonte: BBC

Rusia eliminará a lingua ucraína do currículo escolar

Segundo un borrador do Ministerio de Educación, o goberno ruso planea suprimir as ensinanzas de lingua e literatura ucraína no currículo escolar nacional, incluído nos territorios ocupados de Zaporizhia e Xersón. Destacan que até agora eran obrigatorias para os nenos ucraínos nestas rexións, mentres que noutras zonas eran opcionais. 

Fonte: The Moscow Times

Lanzan o primeiro chatbot multimodelo de IA para a lingua portuguesa

A Universidade de Lisboa presentou Evaristo.ai, o primeiro chatbot multilinguaxe, multimodal e multiheterónimo en portugués, baseado en IA aberta. Permite escoller o modelo e a personalidade. Ademais, garante a privacidade dos usuarios e non comercializa os seus datos.

Fonte: Business.it

O Parlamento de Escocia aproba unha lei histórica para potenciar o gaélico e o scots

O Parlamento de Escocia aprobou por unanimidade unha lei que fai oficiais o gaélico e a lingua esocesa ou scots, permitindo que as familias soliciten a escolarización nestas linguas. A norma busca frear o estado crítico do gaélico e prevé crear áreas de significación lingüística para protexer e expandir o seu uso.

Fonte: Diari de la Llengua

 

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder