Mundo

A proposta española sobre linguas cooficiais esperta reaccións en toda Europa

O intento do Goberno español de que o galego, o catalán e o éuscaro sexan recoñecidos como linguas oficiais na Unión Europea provocou respostas diversas entre os países membros. A pesar da disposición de España a asumir os custos, varios estados pediron máis tempo para analizar as implicacións legais e orzamentarias, o que adiou a decisión.

Fonte: Euronews

O Quebec propón garantir o dereito a acceder a contidos dixitais en francés

Un comité asesor do goberno do Quebec propuxo crear un dereito fundamental para acceder a contidos culturais en francés nas plataformas dixitais, ante a crecente dominancia do inglés en servizos como Spotify ou Netflix. Entre as recomendacións inclúese establecer cotas mínimas de contido en francés e modificar os algoritmos para favorecer resultados nesta lingua.

Fonte: Slator

Un obradoiro en Graz impulsa a inclusión educativa das linguas de signos en Europa

O Consello de Europa, a través do Centro Europeo de Linguas Modernas (ECML), organizou en Graz un obradoiro centrado en mellorar o acceso á educación para persoas usuarias de linguas de signos, especialmente aquelas en situacións vulnerables como crianzas xordas, persoas migrantes ou refuxiadas. O evento reuniu expertos de 25 países para desenvolver directrices e recursos que promovan unha educación inclusiva e de calidade en linguas de signos.

Fonte: Consiglio d'Europa

Intelectuais kurdos reclaman que a nova constitución siria garanta o dereito a estudar en kurdo

Durante un seminario en Kobani, diversos académicos e expertos abordaron a inclusión do kurdo como lingua oficial na futura constitución siria. Defenden que a lingua é clave para a identidade do pobo kurdo e que debería recoñecerse o dereito a recibir ensino nesta lingua vernácula. A proposta insírese nun proxecto máis amplo para unha Siria plural e descentralizada, onde se respecten os dereitos lingüísticos e culturais de todas as comunidades.

Fonte: HawarNews

Flandres encarece os cursos de idiomas estranxeiros

O goberno de Flandres decidiu triplicar o custo dos cursos de idiomas estranxeiros en centros de formación para adultos. A medida non afecta aos cursos de neerlandés para persoas non nativas nin á lingua de signos flamenga, que incluso verá reducido o seu prezo. A ministra de Educación, Zuhal Demir, xustificou a medida argumentando que estes cursos non ofrecen garantías de emprego e considerounos actividades de lecer.

Fonte: The Brussels Times

A oficialidade do galego, o catalán e o éuscaro na UE adíase por falta de consenso

A Unión Europea volve adiar a decisión sobre a oficialidade do galego, o catalán e o éuscaro. A falta de acordo unánime entre os 27 Estados membros impide que prospere, por agora, a proposta presentada polo Goberno español no Consello de Asuntos Xerais, polo que as tres linguas deberán continuar á espera da súa oficialidade en Europa.

Fonte: Praza Pública

L'Alguer afianza o recoñecemento oficial do nivel C1 de catalán

O Concello sardo de L'Alguer consolida a certificación oficial do nivel C1 de catalán grazas á colaboración institucional e educativa. Esta iniciativa reforza o ensino da lingua e promove a súa presenza cultural e social na cidade sarda.

Fonte: Diari de la Llengua

O Goberno de Andorra impón sancións por incumprir a Lei do Catalán

O Goberno de Andorra impuxo dúas sancións e abriu trinta expedientes por incumprimentos da Lei do Catalán desde que rematou a moratoria en xaneiro. A medida busca garantir o uso do catalán na atención ao público, aínda que algúns partidos consideran que a aplicación das sancións é insuficiente.

Fonte: Diari de la Llengua

Praga acolle un encontro sobre lingua e cultura chinesas

Oito estudantes universitarios participaron na selección nacional checa da "Ponte Chinesa", onde demostraron os seus coñecementos de chinés e talentos artísticos. Dúas alumnas foron recoñecidas pola súa destacada actuación.

Fonte: Xinhua Portugués

São Paulo inaugurará un centro para catalogar linguas e culturas indíxenas

O estado de São Paulo abriu un Centro de Documentación de Linguas e Culturas Indíxenas, coordinado polo Museo da Lingua Portuguesa e o Museo de Arqueoloxía e Etnoloxía da Universidade de São Paulo (USP). Este centro busca documentar e difundir as linguas e culturas vernáculas brasileiras, promovendo a participación activa das comunidades indíxenas.

Fonte: EBC

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder