Mundo
Duolingo duplica a súa oferta de cursos grazas á intelixencia artificial
Duolingo duplicou a súa oferta educativa cun total de 148 novos cursos, creados coa axuda de intelixencia artificial xerativa. Os sete idiomas máis populares poderán agora aprenderse nas 28 linguas dispoñibles na plataforma, ampliando así o acceso á aprendizaxe para máis de mil millóns de persoas usuarias potenciais.
Fonte: Veja
Alemaña destina 495 000 euros ao ensino do alemán en Romanía
A Embaixada de Alemaña en Bucarest anunciou a asignación de 495 000 euros destinados a apoiar o ensino da lingua alemá en Romanía. Con esta iniciativa, preténdese reforzar a educación en alemán no seo da comunidade xermanófona do país.
Fonte: Romania Insider
A Unesco celebra o quinto aniversario do Día Mundial da Lingua Portuguesa

O 5 de maio, a Unesco conmemora o quinto aniversario do Día Mundial da Lingua Portuguesa, instaurado no ano 2019. A efeméride será celebrada con múltiples actividades culturais e educativas en diversos países, poñendo en valor o papel do portugués como ferramenta de cohesión, diálogo intercultural e expresión da diversidade global.
Fonte: e-GLOBAL
Publícase a primeira tradución de "O Hobbit" en gaélico escocés
Por primeira vez, a obra clásica de J.R.R. Tolkien O Hobbit foi traducida ao gaélico escocés baixo o título A' Hobat. Esta edición, publicada pola editorial Evertype con sede en Dundee, contou coa tradución do profesor Moray Watson da Universidade de Aberdeen e inclúe as ilustracións orixinais de Tolkien.
Fonte: The National
A aprendizaxe de idiomas medra un 40 % entre a cidadanía británica
No inicio deste ano, a plataforma de aprendizaxe de idiomas Rosetta Stone rexistrou un aumento do 40 % no número de usuarios británicos, sendo o español o idioma máis popular. Este incremento suxire un renovado interese por aprender novas linguas no Reino Unido.
Fonte: The Yorkshire Post
O portugués gaña peso en Senegal e podería superar a Guinea-Bissau en número de falantes
O sociólogo e exministro de Educación guineano Dautarim da Costa expresa preocupación ante a posibilidade de que Senegal, país veciño con maior poboación e investimentos en educación, supere a Guinea-Bissau en número de falantes de portugués. Esta situación podería afectar á soberanía lingüística guineana.
Fonte: RFI
Arabia Saudita promove a lingua árabe a través dunha nova academia internacional
Arabia Saudita reforza o seu compromiso coa promoción global da lingua árabe mediante a creación da Academia Global Rei Salman. Esta institución lidera iniciativas educativas, culturais e tecnolóxicas para fomentar o uso do árabe no mundo e fortalecer a súa presenza en foros internacionais. Entre as súas accións destaca o "Mes da Lingua Árabe", celebrado en diversos países, en colaboración con embaixadas, universidades e centros educativos.
Fonte: Servimedia
Fanse 50 anos da primeira emisión da DW en portugués para África
Hai agora 50 anos, no ano 1975, a emisora alemá Deutsche Welle (DW) comezou a emitir un programa de radio en portugués dirixido aos cinco países africanos de lingua portuguesa. Xa nos anos 60, a emisora producira programas en portugués destinados a Portugal e ao Brasil.
Fonte: Deutsche Welle
A Dirección Xeral de Cooperación de Portugal lanza dous cursos de portugués para migrantes e lusodescendentes
A Universidade da Madeira (UMa) e a Dirección Rexional das Comunidades e Cooperación Externa (DRCCE) de Portugal lanzaron dous cursos en liña de lingua portuguesa destinados a lusodescendenes e migrantes para fortalecer os lazos culturais coa diáspora e apoiar a integración da comunidade estranxeira na Rexión Autónoma de Madeira.
Fonte: JM de Madeira
Unha nova plataforma de lectura axuda o alumnado a perfeccionar a súa pronunciación en lingua galesa

Unha nova plataforma chamada DarllenCo ofrécelle á cativada unha ferramenta para aprender a ler en galés e a pronunciar axeitadamente as palabras, mesmo cando as súas familias non dominan o idioma. Reúne xa máis de 52 000 persoas usuarias en Gales e no resto do mundo e conta co apoio dun fondo do Goberno galés para o desenvolvemento de tecnoloxías na lingua do país.
Boletín
Subscríbase ao boletín