Mundo

Noruega elimina os requisitos de idioma para o persoal investigador

O goberno noruegués decidiu eliminar os requisitos de dominio do idioma noruegués para o persoal investigador que traballa no país. Esta medida busca atraer talento internacional e fomentar a colaboración científica e permitir que investigadoras e investigadores se centren no seu traballo sen a barreira do idioma.

Fonte: Research Professional News

O Museo da Lingua Portuguesa de São Paulo inaugura exposición sobre os falares e os acentos brasileiros

O Museo da Lingua Portuguesa, situado en São Paulo, inaugurou unha exposición temporal que explora os diversos acentos e formas de falar do portugués no Brasil. A mostra destaca a riqueza e diversidade lingüística do país, promovendo unha reflexión sobre as distintas variantes do idioma presentes nas rexións brasileiras.

Fonte: O Globo

O Goberno de Portugal reforzará o ensino da lingua chinesa

Durante unha visita a Macau, o ministro de Asuntos Exteriores, Paulo Rangel, anunciou a intención de fortalecer o ensino do chinés en Portugal, destacando a súa importancia para o futuro do país. Actualmente, o Instituto Confucio ofrece cursos de mandarín en varias universidades portuguesas, e prevese a apertura dunha nova delegación na Universidade dos Azores.

Fonte: Notícias ao Minuto

A Constitución do Brasil será traducida ás tres linguas indíxenas máis faladas do país

A carta magna do Brasil será traducida ás tres linguas indíxenas máis faladas do país suramericano, o tikuna, o kaiowá e o kaingang. Non é a primeira vez que isto acontece: en 2023, o documento tamén se traduciu ao idioma nheengatu, coñecido tamén como tupí moderno.

Fonte: Radioagência

 

A rede internacional TvBrics lanza un programa para aprender ruso

A rede internacional TVBrics lanzou un novo proxecto de televisión destinado á aprendizaxe do ruso como lingua estranxeira, segundo indicou Prensa Latina.

Fonte: La Radio del Sur

Unha campaña promoverá a atención en lingua galesa no ámbito da saúde mental

A campaña Mind Cymru busca promover que os pacientes de saúde mental no País de Gales poidan recibir atención na súa lingua materna. Un estudo revela que moitos destes doentes teñen dificultades para se expresaren en galés ao accederen aos servizos sanitarios, o que pode afectar a calidade da súa atención.

Fonte: North Wales Pioneer

A lingua irlandesa estará presente na sinalización da estación central de Belfast

A ministra de Infraestruturas de Irlanda do Norte, Liz Kimmins, anunciou que a lingua irlandesa aparecerá na sinalización física da Grand Central Station de Belfast e nas máquinas de billetes. 

Fonte: Department of Infrastruture

Andorra únese á petición para que o catalán se converta en lingua oficial na UE

Andorra sumouse á petición de Cataluña para que o catalán sexa recoñecido como lingua oficial da Unión Europea. Esta medida permitiría integrar máis facilmente a normativa comunitaria na lexislación andorrana, eliminando a necesidade de traducións desde outras linguas oficiais da UE.

Fonte: El Nacional

A UE reforza a diversidade lingüística na IA con novas iniciativas

A Comisión Europea presentou o Consorcio de Infraestrutura Dixital Europea da Alianza para as Tecnoloxías da Linguaxe (ALT-EDIC) e o Espazo de Datos Lingüísticos (LDS), dúas iniciativas clave para abordar a escaseza de datos lingüísticos en Europa. O seu obxectivo é facilitar o adestramento de modelos de intelixencia artificial multilingües, reforzando así a diversidade lingüística e a soberanía tecnolóxica da Unión Europea.

Fonte: eSMARTCITY

 

A China lanza unha plataforma global de servizos lingüísticos

A China lanzou unha nova plataforma global para facilitar a aprendizaxe de idiomas en todo o mundo. A iniciativa foi presentada no Foro para a Reforma e o Desenvolvemento da Educación en Linguas Estranxeiras nas institucións de educación superior. O proxecto busca mellorar o ensino de idiomas estranxeiros nas universidades.

Fonte: TV Bricks

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder