Mundo
As empresas de Luxemburgo priorizan o francés na maioría das contratacións
Segundo a Axencia para o Desenvolvemento do Emprego de Luxemburgo (ADEM, polas súas siglas en francés) e a plataforma Moovijob, dous de cada tres empregos en Luxemburgo requiren o dominio do francés. A lingua converteuse nun filtro decisivo en sectores como a banca, o dereito, a tecnoloxía ou o comercio.
Fonte: Contacto
O Goberno de Gales presenta un novo plan para acadar o millón de falantes en 2050
A Comisaria da Lingua Galesa, Efa Gruffudd Jones, presentou un novo plan de cinco anos para contribuír ao obxectivo de acadar un millón de falantes de galés para o ano 2050. Segundo declarou á BBC, centrará o seu traballo no uso do galés no lugar de traballo, na sanidade, nos servizos sociais e entre a infancia e a mocidade. O plan busca que tanto organizacións públicas como privadas sitúen a lingua galesa no centro das súas actividades.
Fonte: BBC
O catalán será impartido na Rede de Escolas Europeas
O Consello Superior das Escolas Europeas aprobou a inclusión do catalán como materia nos seus centros educativos repartidos pola Unión Europea. Esta decisión, celebrada polo Goberno español, busca promover o uso e recoñecemento das linguas cooficiais españolas. As clases de catalán estarán dispoñibles para os alumnos que o desexen, e os gastos desta medida serán cubertos polo goberno de España.
Fonte: Diari de la Llengua
As escolas de Xibraltar reciben un libro que recolle a diversidade lingüística da súa xente
O ministro de Educación de Xibraltar presentou nas escolas o libro Gibraltarians and their language: 22 linguistic biographies, con 22 biografías lingüísticas de cidadáns locais. A obra, publicada pola Universidade de Vigo, destaca a riqueza multilingüe de Xibraltar e busca pór en valor o llanito, promovendo a educación multilingüe entre o alumnado.
Fonte: Sur in English
A Fundación Getulio Vargas impulsa a aprendizaxe do alemán grazas a un convenio co Instituto Goethe
A Escola de Comunicación da Fundación Getulio Vargas (FGV, polas súas siglas en portugués do Brasil) reforza o ensino da lingua e cultura alemás mediante un acordo co Instituto Goethe que facilita o acceso a cursos con descontos para estudantes e persoal.
Fonte: FGV
Donald Trump vincula os aranceis a España coas políticas lingüísticas no audiovisual galego
A administración de Donald Trump nos Estados Unidos xustifica a imposición de novos aranceis a España alegando, entre outras razóns, a existencia de cotas para o galego, catalán e éuscaro no sector audiovisual, recollidas na lei aprobada en 2022. O informe oficial considera estas medidas como barreiras comerciais que dificultan a entrada de contido audiovisual estadounidense no mercado español.
Fonte: Praza Pública
Níxer adopta o hausa como lingua nacional en detrimento do francés
O goberno militar de Níxer declarou o hausa como lingua nacional, en substitución do francés, nun novo xesto de ruptura co seu antigo colonizador. O francés e o inglés manteranse, porén, como linguas de traballo.
Fonte: Channels TV
O Parlamento británico estuda unha lei para impulsar o córnico nas escolas e na vida pública
A deputada Anna Gelderd presentou no Parlamento británico un proxecto de lei que recoñeza e promova o uso da lingua córnica en contextos educativos e institucionais. A iniciativa pretende preservar a identidade cultural de Cornualles e darlle máis visibilidade ao idioma.
Fonte: The Holsworthy Post
Flandres endurece os requisitos lingüísticos para integrarse na sociedade
O goberno flamengo esixirá agora un nivel máis alto de neerlandés oral (B1) para superar o seu programa de integración social. A medida pretende facilitar o acceso ao emprego e á vida social, e virá acompañada de máis formación lingüística para as persoas migrantes.
Fonte: Belga News Agency
Estudantes madeirenses chegan por primeira vez á final das Olimpíadas da Lingua Portuguesa

O arquipélago de Madeira participará por primeira vez na final nacional das Olimpíadas da Lingua Portuguesa, grazas á clasificación de dous estudantes que se clasificaron para a terceira e última fase do certame. Esta iniciativa ten como obxectivo fomentar o uso correcto e consciente do portugués entre o alumnado do 3.º ciclo do ensino básico e do ensino secundario.
Fonte: Dnotícias
Boletín
Subscríbase ao boletín