Mundo

Luxemburgo introducirá a alfabetización en francés no ensino público en 2026

A partir do curso 2026/2027, o sistema educativo luxemburgués implementará progresivamente a opción de alfabetización en francés ensino preescolar, complementando a actual en alemán. Esta medida busca facilitar a aprendizaxe dos fillos e fillas de inmigrantes de fala francesa e estará en pleno funcionamento para o curso 2030/2031.

Fonte: Contacto

O Diario da República publicará documentos en lingua mirandesa​

O Diario da República de Portugal comezará a publicar documentos en mirandés grazas a un protocolo asinado entre o municipio de Miranda do Douro, a Casa da Moeda e a Asociación da Lingua e Cultura Mirandesas. Este acordo busca dignificar e recoñecer o segundo idioma oficial de Portugal.

Fonte: Mensageiro de Bragança

O Goberno da India asegura que ningunha lingua será imposta baixo a política nacional de educación

O Ministerio de Educación da India informou de que, segundo a Política Nacional de Educación (NEP), non se lles imporá ningunha lingua aos estados. As tres linguas que os estudantes aprendan serán elixidas polos estados e o propio alumnado, garantindo así a flexibilidade e o respecto ás linguas rexionais.

Fonte: The Pinnacle Gazette

A cidade de Leiría pon en marcha unha plataforma para facilitar a comunicación en lingua de signos

O Concello de Leiria implantou un novo servizo de interpretación en lingua de signos portuguesa para mellorar o acceso da comunidade xorda aos servizos municipais. O sistema funciona nos días laborables e permite que as persoas con discapacidade auditiva reciban asistencia na súa comunicación coas institucións locais.

Fonte: Sapo

A cidadanía mobilízase para garantir o futuro da Bressola en Perpiñán

Miles de persoas manifestáronse en Perpiñán para pedir máis apoio das autoridades francesas ás escolas inmersivas en lingua catalá da Cataluña Norte, que atravesan unha grave crise económica. Baixo o lema "Bressola viva, lingua viva", a marcha percorreu o centro da cidade, onde se escoitaron consignas a favor do ensino en catalán.

Fonte: Diari de la Llengua

O irlandés soa por primeira vez nas preguntas ao primeiro ministro británico en Westminster

Claire Hanna, líder do Partido Social Demócrata e Laborista de Irlanda do Norte, marcou un fito histórico ao empregar o irlandés durante a sesión de preguntas ao primeiro ministro no Parlamento británico. Coincidindo co día de San Patricio, Hanna abriu a súa intervención cun saúdo en irlandés, subliñando a relevancia de preservar e celebrar a lingua e a cultura irlandesas a nivel global.

Fonte: Irish Central

Lanzan un novo servizo de noticias en lingua polaca

Coincidindo coa presidencia polaca da Unión Europea, Euronews inaugurou o seu servizo de noticias en polaco, unha iniciativa que brindará unha oportunidade única para analizar o papel de Varsovia na configuración do futuro de Europa.

Fonte: Euronews

A ensinanza en éuscaro avanzou significativamente en Iparralde

Nos últimos 20 anos, a ensinanza en éuscaro en Iparralde medrou de forma notable. O número de escolas con educación bilingüe aumentou considerablemente, e cada vez máis centros apostan pola inmersión lingüística, fortalecendo así a presenza do éuscaro no sistema educativo e, por extensión, na sociedade.

Fonte: Ehige

O francés e o inglés están a desprazar as linguas locais en Benín

O crecemento do uso do francés e do inglés en Benín está a provocar a desaparición progresiva das linguas autóctonas. A percepción de que estes idiomas estranxeiros ofrecen mellores oportunidades laborais fai que as novas xeracións se distancien da súa identidade lingüística e cultural.

Fonte: Global Voices

Portugal crea unha estrutura para preservar a lingua mirandesa

O goberno portugués aprobou en Consello de Ministros a creación dunha misión dedicada á protección e promoción da lingua mirandesa. Esta entidade, con sede en Miranda do Douro, operará até 2028 e busca garantir recursos para a preservación desta herdanza cultural única, aumentar a súa visibilidade e promover a transmisión interxeracional.

Fonte: Observador

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder