Mundo

Sinema Cymru abre unha nova convocatoria para impulsar o cinema en lingua galesa

O programa Sinema Cymru, unha colaboración entre S4C, Ffilm Cymru Wales e o Goberno galés, abriu unha segunda rolda de financiamento para apoiar longametraxes independentes en lingua galesa con potencial internacional. O obxectivo é, entre outros, fortalecer e incrementar a presenza do galés no cinema global. 

Fonte: Busnes Cymru / Business Wales

Lanzan un plan para revitalizar o uso do irlandés nunha cidade irlandesa

O ministro irlandés Dara Calleary presentará o Plan Lingüístico 2025–2032 para Castlebar, recoñecida como cidade servizo da Gaeltacht. Este plan busca promover o uso do irlandés na vida pública e social da vila, beneficiando tanto a comunidade local como as zonas de fala irlandesa próximas.

Fonte: Connaught Telegraph

Varios estados mostran reticencias á oficialidade do catalán na UE

A votación prevista para o 27 de maio no Consello de Asuntos Xerais da Unión Europea sobre a oficialidade do catalán, o éuscaro e o galego está en risco debido ás reticencias dunha decena de estados membros. A pesar do apoio de países como Portugal, Bélxica e Hungría, outros como Suecia, Finlandia e Lituania expresaron dúbidas. O Goberno español comprometeuse a asumir os custos asociados e presentou un memorando para evitar un efecto chamada.

Fonte: El Diari de la Llengua

Falantes das linguas kurda e saami demandan recoñecemento fronte á asimilación

Durante o 2.º Simposio da Lingua Kurda celebrado en Van (Turquía), defensores das linguas kurda e sami reclamaron o seu recoñecemento oficial para combater as políticas de asimilación cultural. As persoas participantes subliñaron a importancia de garantir o dereito á educación nas linguas maternas e de preservar a diversidade lingüística fronte ás presións uniformizadoras dos estados.

Fonte: MedyaNews

Unha institución guatemalteca promove o idioma achí mediante audiolibros subtitulados

A Academia de Linguas Maias de Guatemala (ALMG) está a promover a revitalización do idioma achí mediante a creación de audiolibros subtitulados en achí e español. Con esta iniciativa, queren reforzar a identidade cultural da comunidade e animar a xente a ler e aprender na súa propia lingua.

Fonte: Agencia Guatemalteca de Noticias

Vietnam impulsa un programa pioneiro para formar docentes de vietnamita como lingua estranxeira

A Universidade de Hanoi lanzou o primeiro programa formativo dirixido á capacitación de profesorado de vietnamita como lingua estranxeira. O curso está aberto a estudantado local e internacional interesado en traballar na docencia, a tradución ou o turismo.

Fonte: VietnamPlus

Unha asociación lembra que o ensino do catalán é obrigatorio en todas as escolas da Cataluña Norte

A Asociación para o Ensino do Catalán (APLEC, polas súas siglas en catalán) lembra que a normativa francesa establece a obriga de ofrecer ensino en catalán en todos os centros educativos da Cataluña Norte. Por iso, anima as familias a escolleren esta opción para garantir a presenza e continuidade da lingua.

Fonte: Diari de la Llengua

Unha empresa líder do transporte por estrada en Europa incorpora o catalán como lingua de uso

A empresa líder en transporte de autobuses en Europa, FlixBus, anunciou a incorporación da lingua catalá na súa páxina web e aplicación móbil. Esta medida permitirá aos usuarios acceder a información e atención ao cliente en catalán, reforzando así o compromiso da empresa coa diversidade lingüística.

Fonte: El Diari de la Llengua

Londres celebra o Día Internacional da Lingua Chinesa con actividades culturais

Case 100 estudantes e docentes de todo o Reino Unido reuníronse en Londres para conmemorar o Día Internacional da Lingua Chinesa 2025. Durante o evento, os participantes exploraron o patrimonio vivo da cultura chinesa a través de recitais de poesía, demostracións de artes marciais e caligrafía tradicional, destacando a riqueza e diversidade desta lingua milenaria.

Fonte: China Daily

A Universidade de Andorra ofrece unha bolsa para investigar sobre a lingua e cultura portuguesas

A Universidade de Andorra, en colaboración co Instituto Camões, abriu unha convocatoria para unha bolsa de investigación sociolingüística centrada na lingua e cultura portuguesas no contexto andorrano. O proxecto, supervisado polo Grupo de Investigación en Linguas (GREL), está dirixido a investigadores interesados en temas relacionados co portugués en Andorra. 

Fonte: CPLP

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder