Mundo

O ministro principal de Gales anuncia un plan para incrementar o número de falantes de galés

O ministro principal de Gales, Carwyn Jones, anunciou no festival nacional Eisteddfod un novo plan para incrementar o número de falantes de galés a un millón en 2050.

Fonte: BBC

Un sitio web da Universidade de Oxford realizará un estudo sobre usos lingüísticos

O sitio web Oxford Dictionaries, da Universidade de Oxford, creou a iniciativa #OneWordMap que pretende reunir opinións sobre palabras da lingua inglesa e realizar un estudo posterior por país.

Fonte: The Bookseller

Unha iniciativa do estado de California podería implantar a educación bilingüe nas escolas

A Asociación de Profesores de California quere levar adiante a iniciativa gobernamental que pretende implantar a educación bilingüe nas escolas do estado.

Fonte: The Sacramento Bee

A Bienal do Libro de São Paulo dedicará un espazo á lingua portuguesa

A 24 edición da Bienal Internacional do Libro de São Paulo dedicará un espazo expositivo de 120 metros cadrados ao Museo da Lingua Portuguesa.

Fonte: Notícias ao Minuto

O novo goberno indíxena da rexión canadense de Sahtu quere aprobar leis para protexer a súa lingua nativa

O novo goberno indíxena deline, na rexión de Sahtu, no noroeste do Canadá, quere aprobar leis que garantan a protección e promoción da lingua sahtu, falada polo 70 % da comunidade.

Fonte: Nationalia

O curso xeral de lingua portuguesa do Instituto do Oriente rexistra un incremento no número de alumnos

O curso xeral de lingua portuguesa do Instituto Portugués do Oriente (IPOR, polas súas siglas en portugués) incrementou en 2016 o seu número de alumnos.

Fonte: Ponto final

Publícanse axudas para a promoción da lingua friulana

A Axencia Rexional para a Lingua Friulana publicou tres partidas orzamentarias para a promoción do friulano en tres eidos: edición, investigación e espectáculos.

Fonte: Udine20

Regúlase o uso da lingua de signos en Angola

A nova Lei das accesibilidades de Angola regula o uso da lingua de signos angolana e establece que os órganos públicos e privados deben a partir de agora ofrecer servizos de interpretación en actos públicos.

Fonte: Jornal de Angola

Australia ofrece un clima propicio para o rexurdimento das súas linguas indíxenas

O lingüista australiano Murray Garde declarou que a pesar da terrible perda lingüística dos últimos séculos en Australia, os tempos actuais presentan un clima propicio para o rexurdimento das súas linguas indíxenas. Segundo opina, unhas 20 linguas aborixes terían oportunidades de sobrevivir se se aplican as políticas de promoción axeitadas.

Fonte: The Guardian

A emisora nacional de radio da India emitirá programas en lingua baluchi

O Goberno da India aprobou a emisión de programas en lingua baluchi na emisora nacional india All India Radio (AIR, polas súas siglas en inglés). Os espazos radiofónicos nesta lingua destinaranse principalmente ás persoas que viven na provincia paquistaní de Baluchistán.

Fonte: The Huffington Post

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder