Mundo
O inglés, o francés e o alemán continúan a ser as linguas máis aprendidas na Unión Europea
En 2012, o inglés foi a lingua máis comunmente estudada polo alumnado europeo de ensino secundario, cun índice do 97,1 %, moi por diante do francés (34,1 %), o alemán (22,1 %) e o español (12,2 %). A importancia do inglés na Europa dos 28 queda tamén confirmada ao ser a primeira lingua estranxeira de referencia para o ensino en case todos os estados.
Fonte: Prague Post
A comisaria de linguas de Nunavut recoñece que a lingua inuktitut está en inferioridade respecto ao inglés e ao francés
Aínda que goza do mesmo status respecto ao inglés e o francés en Nunavut, territorio autónomo do Canadá, a lingua inuit (ou inuktitut) está nunha "situación de inferioridade" respecto ás outras dúas, declarou a comisaria de linguas de Nunavut, Sandra Inutiq.
Fonte: Nunatsiaq Online
Luxemburgo investiga a importancia do portugués no éxito escolar dos emigrantes
A Universidade de Luxemburgo iniciou un estudo que permitirá investigar a importancia da lingua materna na aprendizaxe de linguas estranxeiras e no éxito escolar dos emigrantes portugueses. O estudo contará coa participación dunha centena de nenos e nenas portugueses que viven no país.
Fonte: RTP
O Instituto Portugués do Oriente asina un acordo para o ensino do portugués na cidade chinesa de Shenyang
O Instituto Portugués do Oriente (IPOR) asinou un acordo de cooperación coa escola secundaria da cidade continental chinesa de Shenyang para o ensino da lingua e cultura portuguesas naquela institución.
Fonte: Mundo Português
O Goberno estoniano creará unha canle pública de televisión en lingua rusa
O Goberno estoniano prevé a creación dunha canle de televisión en lingua rusa para dentro dun ano. O novo espazo formará parte de ERR, a empresa pública de radiodifusión de Estonia.
Fonte: Baltic Business News
A lingua chinesa prospera no Brasil
A medida que se fortalecen os vínculos entre China e o Brasil, cada vez máis brasileiros se interesan pola lingua e cultura chinesas. Malia as dificultades, todos os indicios apuntan a que a lingua asiática está entrando nun período próspero no Brasil, despois da recente creación da primeira escola bilingüe portugués-chinés no estado de Río de Janeiro.
Fonte: China Daily
Un bebé recibe por primeira vez un nome mirandés en Portugal
Nace un bebé en Lisboa que promete facer historia ao converterse na primeira persoa que recibe oficialmente un nome propio mirandés, polo menos desde o recoñecemento desta lingua como segundo idioma oficial de Portugal, hai agora 15 anos. Chámase Lhuzie e a atribución do seu nome pode abrir as portas a quen queira dar nomes mirandeses aos fillos.
Fonte: Jornali
O Goberno tunisiano aposta polo turismo e o ensino do portugués para reforzar os lazos con Portugal
A aposta polo turismo e o ensino do portugués son dúas maneiras de afondar as “sólidas relacións” entre Portugal e Tunisia, afirmou o secretario de Estado de Asuntos Exteriores tunisiano. No ámbito estritamente lingüístico, o Goberno do país africano declarou que pretende introducir o ensino do portugués na educación secundaria.
Fonte: Mundo Português
Un hospital de Gales destina unha sala para os pacientes que queiran expresarse en lingua galesa
O hospital Ysbyty Cwm Rhondda designou unha sala específica para ofrecer asistencia médica aos pacientes que queiran expresarse en lingua galesa. Trátase dunha medida dun proxecto piloto que se está a aplicar no val de Rhondda, no sur de Gales.
Fonte: Wales Online
O portugués continúa a ser a quinta lingua máis usada en internet
A lingua portuguesa é a quinta máis usada en internet, nunha lista das dez máis empregadas divulgada pola empresa estatística Internet World Stats. A lingua inglesa continúa no primeiro lugar e o chinés ocupa a segunda posición mais con menor distancia respecto á última avaliación. Na terceira e cuarta posicións están o español e o árabe. Esta última protagonizou o maior incremento desde o ano 2000.
Fonte: Público
Boletín
Subscríbase ao boletín