Mundo

O navegador Firefox lanza a súa versión en lingua galesa

O popular navegador Mozilla Firefox, utilizado por aproximadamente un 20 % dos internautas de todo o mundo, incorporouse a unha lista crecente de ferramentas de busca que lanzaron unha versión en galés para usuarios de teléfonos intelixentes. Ademais de en galés, o navegador tamén estará dispoñible en armenio, fula, gaélico escocés, éuscaro e islandés.

Fonte: Wales Online

A Universidade do Miño fomenta o uso das TIC no ensino das linguas

O Instituto de Letras e Ciencias Humanas (ILCH) da Universidade do Miño, en Braga, acollerá as IV Xornadas ticLINGUAS. A iniciativa pretende debater e fomentar proxectos para o uso das tecnoloxías da información e comunicación (TIC) no ensino e a aprendizaxe das linguas materna ou estranxeira.

Fonte: Braga TV

Unha escola do sur de Finlandia quere converterse no primeiro centro bilingüe finés-sueco do país

Unha escola do sur de Finlandia está a punto de converterse na primeira do país en ensinar en finés e sueco. Actualmente os centros educativos finlandeses ensinan nunha das dúas linguas oficiais do país, finés ou sueco, e ofrecen o outro idioma como materia adicional.

Fonte: Uutiset

As produtoras audiovisuais en lingua gaélica recibirán máis apoio do Goberno británico

As produtoras de radiodifusión en gaélico de Escocia recibirán un millón de libras esterlinas adicionais do Goberno do Reino Unido para apoiar os servizos audiovisuais nesta lingua, anunciou o secretario de Facenda do Reino Unido, Danny Alexander.

Fonte: The Courier

O Instituto Camões apoia a celebración dun curso de literaturas en lingua portuguesa en Mozambique

O Instituto Camões anunciou que o Centro Cultural Portugués de Maputo (Mozambique) e a Universidade Eduardo Mondlane serán os encargados de organizar a 26 edición do Curso de Literaturas en Lingua Portuguesa na capital mozambicana.

Fonte: Notícias ao Minuto

Un programa selecciona profesores de lingua portuguesa nos EUA

A Fundación Capes divulgou a convocatoria para a selección de profesores asistentes de lingua portuguesa nos EUA para o curso 2014-2015. O obxectivo é incrementar o ensino do portugués en universidades estadounidenses e estreitar as relacións bilaterais entre o Brasil e os EUA.

Fonte: Portal Brasil

Unha universidade estadounidense recibe financiamento para salvar unha lingua falada en México

Un antropólogo da Universidade de Indiana (EUA) recibiu financiamento de dúas axencias federais para un proxecto que pretende preservar e revitalizar unha lingua ameazada falada por mil persoas nunha zona rural de México.

Fonte: Indiana University Bloomington

O ensino da lingua portuguesa está en expansión en Venezuela

O secretario de Estado das Comunidades Portuguesas manifestou “satisfacción” pola expansión do ensino da lingua portuguesa en Venezuela e pola forte influencia de Portugal, que fai que a maior parte dos alumnos siga a norma europea.

Fonte: Observador

Gabón podería contar en breve con catro linguas oficiais

No marco da preservación dos valores culturais de Gabón, especialmente as súas linguas vernáculas ameazadas en beneficio do francés, a lingua da colonización, o país africano podería oficializar en breve tres linguas nacionais: fang, omiene e teke.

Fonte: Gaboneco

As empresas líderes especializadas en videoxogos lanzarán produtos en lingua árabe

Os videoxogos constitúen unha industria a nivel mundial. Porén, a lingua que se emprega habitualmente é o inglés ou, se cadra, o francés. Co fin de facer fronte a esta situación, algunhas empresas como Sony ou Microsoft anunciaron que crearán produtos en lingua árabe para atender as necesidades dos clientes de Oriente Medio.

Fonte: The National

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder