Mundo
O estudo de linguas estranxeiras será obrigatorio para o alumnado do ensino primario no Reino Unido
O Reino Unido está a piques de aplicar unha importante modificación no plan de estudos do ensino público. Entre outras moitas novidades, a partir do vindeiro curso, o estudo de linguas estranxeiras pasará a ser obrigatorio para o alumnado de educación primaria.
Fonte: Mail Online
Un grupo de lingüistas alerta da desaparición das linguas indíxenas de Nova Zelandia
Un grupo de lingüistas alertou que as linguas indíxenas de Nova Zelandia (linguas do Pacífico e maorí) están ameazadas polo descenso do número de falantes nativos. Algunhas delas poderían desaparecer nesta xeración se o Goberno neozelandés non fai nada para impedilo.
Fonte: Pacific Scoop
Un organismo lanza unha campaña no Quebec para promover o francés no traballo
O organismo quebequés "Impératif français" aproveitou a festa do traballo para lanzar a súa campaña anual "Eu traballo en francés". Por medio desta iniciativa difundiranse espazos publicitarios na radio e na televisión para instar os gobernos e os empresarios a fomentar o francés no ámbito do traballo no Quebec.
Fonte: La Presse
Activistas denuncian o escaso uso do galés nas redes sociais do municipio de Swansea
Activistas a prol da lingua galesa alertaron que o municipio de Swansea non está a empregar suficientemente o galés nas redes sociais e denuncian que non se está a cumprir o Plan da Lingua Galesa aprobado pola entidade local.
Fonte: South Wales Evening Post
O novo sistema operativo OS X Yosemite permitirá escoller o napolitano e o siciliano como linguas para os terminais
O novo sistema operativo de Apple, OS X Yosemite, permitiralles aos usuarios escoller o napolitano e o siciliano como linguas para os terminais, despois de que a Unesco aceptase estes idiomas como linguas maternas.
Fonte: Il Messaggero
Nace un novo portal cultural do mundo da lusofonía
Plataforma9 é un novo portal cultural do mundo lusófono que pretende converterse “no sitio de referencia para todas as persoas e institucións interesadas en recibir información fiable e actualizada de todo o que está a acontecer e é preciso saber na cultura e na investigación en e de lingua portuguesa”. No nome de Plataforma9 insírense os nove países da lusofonía: Portugal, Brasil, Angola, Mozambique, Guinea-Bisau, San Tomé e Príncipe, Cabo Verde, Galicia e Timor.
Fonte: Fundação Calouste Gulbenkian
O estado brasileiro de Espírito Santo quere preservar a lingua pomerana
Un idioma orixinario do norte de Alemaña, o pomerano, continúa vivo no interior do estado brasileiro de Espírito Santo, onde é lingua materna de moitas persoas. A elaboración dun dicionario e a impartición de clases nesta lingua inclúense entre as iniciativas que contribúen á súa preservación.
Fonte: DW
Un estudo revela que as zonas economicamente máis ricas rexistran maior perda de diversidade lingüística
Un relatorio elaborado pola Universidade de Cambridge revela que as zonas cun índice de desenvolvemento económico máis elevado son as que rexistran maior perda de diversidade lingüística. Segunda a investigadora do estudo, unha das razóns está en que "moitos falantes se ven forzados a adoptar a lingua dominante se non queren verse relegados económica e politicamente".
Fonte: Aljazeera
Máis de trescentos estudantes quedarán sen clases de portugués na cidade luxemburguesa de Differdange
O goberno da cidade luxemburguesa de Differdange decidiu pechar a oferta de cursos de lingua portuguesa e deixará máis de 300 estudantes sen clases de portugués. Membros da comunidade portuguesa de Luxemburgo lamentaron esta medida que achacan á necesidade imposta polo Instituto Camões de que os grupos teñan agora un mínimo de dez alumnos.
Fonte: Mundo português
Paraguai quere evitar a desaparición das súas linguas indíxenas
O guaná, con tan só catro falantes, é unha das linguas indíxenas que corren perigo de desaparecer en Paraguai. O país suramericano afronta o desafío de preservar os seus 20 idiomas orixinarios e non quere perder parte dunha cultura ancestral que historicamente foi deixada de lado polas súas institucións.
Fonte: Yahoo Notícias
Boletín
Subscríbase ao boletín