Mundo
Fúndase a Academia Chinesa da Tradución
Un grupo editorial chinés fundou a Academia Chinesa da Tradución que aspira a converterse na principal plataforma de investigación de China para os estudosos e os profesionais da tradución, tanto no país asiático como no estranxeiro. O obxectivo é abrir a cultura chinesa ao mundo por medio da tradución.
Fonte: Ecns
O sueco é a segunda lingua con máis artigos na Wikipedia
A televisión pública de Suecia informou de que o sueco é agora a segunda lingua máis empregada na Wikipedia, por detrás do inglés.
Fonte: The Local
O romanés é a lingua nativa da maioría dos residentes estranxeiros en Italia
O romanés é a lingua materna da maioría dos residentes estranxeiros en Italia. Estímase que un total de 800 000 persoas falan esta lingua como idioma materno, o que constitúe un 21,9 % da poboación estranxeira.
Fonte: Balkans
O Concello de Alguer dá comezo á enquisa sobre usos lingüísticos da poboación
O Concello de Alguer (Italia) e a Dirección Xeral de Política Lingüística do Departamento de Cultura da Generalitat de Cataluña darán comezo á enquisa de usos lingüísticos da cidade de Alguer. Esta enquisa ten por obxectivo dar a coñecer os usos lingüísticos da poboación da cidade de Alguer e a vitalidade do catalán e coñecer así a situación real desta lingua no conxunto do seu ámbito lingüístico.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Inauguran unha escola para a aprendizaxe do chinés en Romanía
A subsecretaria do Ministerio de Educación romanés, Liliana Preoteasa, e o embaixador de China en Romanía, Huo Yuzhen, revelaron nun acto oficial o nome da escola que impartirá cursos de lingua chinesa en Bucarest. No acto tamén se presentaron as bolsas "O soño chinés" que permitirá a estudantes romaneses aprender chinés e a estudantes chineses aprender romanés.
Fonte: CCTV
Un 15 % dos profesores suspende a proba de avaliación docente en Portugal
Case 1500 profesores suspenderon o exame de avaliación de docentes contratados en Portugal, practicamente un 15 % dos candidatos. A proba tiña como obxectivo avaliar o raciocinio lóxico e crítico e a capacidade de comunicación correcta en lingua portuguesa.
Fonte: RTP
O Goberno de Gales destina unha partida orzamentaria á creación de centros de lingua galesa
O Goberno do País de Gales destinará unha partida orzamentaria de 1,25 millóns de euros á creación de novos centros para a aprendizaxe da lingua galesa. O ministro principal de Gales, Carwyn Jones, declarou que estes centros contribuirán a crear máis oportunidades de uso da lingua para os falantes.
Fonte: BBC
O xornal en liña "The Huffington Post" lanzará unha edición en lingua árabe
O xornal en liña The Huffington Post unirase ao ex-director de Al Jazeera para crear unha edición en lingua árabe destinada a un crecente número de lectores novos de Oriente Medio que empregan móbiles con conexión a internet.
Fonte: Financial Times
O primeiro ministro tibetano no exilio anima os funcionarios públicos a melloraren os seus coñecementos lingüísticos
Con motivo dun curso de formación que se está a desenvolver na cidade india de Dharamsala, o primeiro ministro do Goberno tibetano no exilio, Lobsang Sangay, animou os funcionarios públicos a melloraren os seus coñecementos lingüísticos.
Fonte: The Tibet Post
Un proxecto europeo achega a lingua portuguesa a inmigrantes en Lisboa
O proxecto europeo "Bazaar" permitirá que adultos inmigrantes poidan aprender portugués no Mercado de Fusão en Lisboa. "O noso obxectivo principal é proporcionar un primeiro contacto coa lingua e desenvolver o gusto pola aprendizaxe do portugués", así como "a comprensión da necesidade de aprender a lingua como factor de comunicación e integración social", afirmou á axencia Lusa o coordinador do proxecto en Portugal.
Fonte: Notícias ao Minuto
Boletín
Subscríbase ao boletín