Mundo

Un estudo revela que as habilidades para as matemáticas e as linguas están definidas polos mesmos xenes

As habilidades para as matemáticas e as linguas están determinadas polos mesmos xenes, segundo un estudo publicado na revista Nature. A investigación tamén salienta a influencia do medio para o desenvolvemento da persoa.

Fonte: Galileu

O italiano é a cuarta lingua máis estudada no mundo

Lingüistas italianos confirmaron que a lingua de Dante é a cuarta máis estudada no mundo, por diante de idiomas como o chinés, o xaponés e o alemán. As primeiras tres linguas máis estudadas son o inglés, o francés e o español.

Fonte: Corriere della Sera

A UE anula a norma alemá que obriga os cidadáns turcos a falar o alemán para reunirse cos seus familiares

O máis alto tribunal da Unión Europea (UE) anulou a norma da República Federal de Alemaña que establecía que os cidadáns turcos que quixesen reunirse cos seus cónxuxes tiñan que ter coñecementos básicos de alemán.

Fonte: Hurriyet Daily News

Colombia lanza un novo programa para fomentar o inglés como segunda lingua

O presidente de Colombia, Juan Manuel Santos, aprobou un novo programa denominado "Colombia Very Well" co fin de fomentar o bilingüismo español-inglés no país.

Fonte: Colombia Reports

A nova comisaria de linguas oficiais do estado de Nova Brunswick demanda un mellor servizo nas dúas linguas oficiais

A comisaria de linguas oficiais do estado canadense de Nova Brunswick, Katherine d'Entremont, presentou o seu primeiro relatorio anual. Nun documento de máis de 90 páxinas, a comisaria insta o goberno a ofrecer un mellor servizo nas dúas linguas oficiais (francés e inglés).

Fonte: ICI Radio-Canada

Un estudo mostra a diversidade lingüística da cidade australiana de Melbourne

Un estudo realizado por Fairfax Media revela que na cidade australiana de Melbourne se falan máis linguas que estados existen no planeta. Un total de 251 idiomas diferentes ao inglés fálanse en toda a cidade.

Fonte: The Age

Un grupo de deputados e funcionarios do Parlamento de Timor Leste recibe diplomas de lingua portuguesa

Un grupo de 15 deputados e 79 funcionarios do Parlamento de Timor Leste recibiu o certificado de asistencia do curso de lingua portuguesa, nunha cerimonia que tivo lugar na Asemblea Nacional do país asiático. Segundo declarou o presidente da institución, Vicente Guterres, "é preciso dominar a lingua portuguesa, que é ao mesmo tempo un símbolo de unión entre todos os timorenses e unha garantía da súa supervivencia como país independente".

Fonte: Notícias ao Minuto

O Instituto Nacional de Linguas Indíxenas de México busca salvar a lingua kiliwa

Só cinco persoas dominan hoxe o kiliwa, unha lingua indíxena en Ensenada, Baixa California. Por este motivo, o Instituto Nacional de Linguas Indíxenas de México traballa coa comunidade para que os actuais falantes llela ensinen aos seus fillos e netos coa fin de preservar a lingua con maior risco de desaparecer do país.

Fonte: Am de Querétaro

Un docente defende a introdución das linguas nativas no ensino nacional de Angola

En declaracións á axencia Angop, a propósito do ensino da historia de Angola desde os primeiros anos de primaria, o docente Paulo Óscar declarou que a introdución das linguas nativas desempeñará un factor preponderante e motivador no coñecemento da historia do país por parte do alumnado.

Fonte: ANGOP

Un grupo de parlamentarios do Reino Unido defende a mellora das habilidades lingüísticas dos británicos

Todos os partidos políticos do Reino Unido deben comprometerse coa mellora do ensino e a aprendizaxe das linguas modernas no Reino Unido, declarou un grupo de parlamentarios británicos.

Fonte: BBC

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder