Mundo

A Academia Portorriqueña quere protagonismo no Congreso da Lingua Española

A Academia Portorriqueña da Lingua Española quere desempeñar un papel importante na organización do VII Congreso Internacional da Lingua Española que se celebrará na illa caribeña durante a primavera de 2016. O director da Academia Portorriqueña da Lingua Española, José Luis Vega, salientou que o encontro será unha boa oportunidade para abordar a situación do español nos EUA e que non hai mellor sitio para analizar este status que Porto Rico, territorio onde ambos os idiomas son oficiais.

Fonte: KPMR News

O Corán estará dispoñible en 72 linguas na gran mesquita da Meca

Arabia Saudita está a piques de completar a tecnoloxía que permitirá descargar dentro da gran mesquita da Meca o Corán en 72 linguas.

Fonte: Arab News

A Universidade de Bangor ofrece un curso que permite desenvolver as habilidades lingüísticas en lingua galesa

O curso "O galés no ámbito laboral", impartido na Universidade de Bangor (País de Gales), ofrécelles ás persoas que non teñen coñecemento ningún de galés a posibilidade de desenvolver as súas destrezas lingüísticas e a aqueles que xa o falan a confianza suficiente para poder usalo na sociedade.

Fonte: Daily Post

A Unión Europea lanza unha aplicación con normas de tráfico en 22 linguas

A aplicación "GoingAbroad" está dispoñible en 22 linguas, para iPhone e iPad, e teléfonos Android e aplicacións de Microsoft Windows. Alén de fornecer toda a información necesaria sobre a seguranza viaria en todos os países da Unión Europea, a aplicación contén tamén un conxunto de seguranza viaria e un xogo de memoria.

Fonte: Transportes em revista

O portugués é a duodécima lingua máis falada nos EUA

En 2009, o número de falantes de portugués nos EUA ascendía a 682 323, o que converte o portugués na duodécima lingua máis falada no país. Así o conclúe un estudo encomendado pola Fundación Luso-Americana. A pesar de que Portugal foi o pioneiro da emigración ao país americano, agora son os brasileiros e os caboverdianos os que dominan os fluxos migratorios dos lusófonos.

Fonte: JornalI

O reitor da Universidade de Coímbra salienta a importancia do centro de ensino superior como símbolo da lingua e da cultura

O reitor da Universidade de Coímbra, João Gabriel Silva, destacou que Coímbra é unha marca de Portugal e do mundo lusófono e um símbolo central da lingua portuguesa e da súa cultura. "Coímbra é unha marca recoñecida no mundo, non só polo seu patrimonio físico, mais tamén polo que inmaterialmente representa", subliñou o reitor na sesión conmemorativa do primeiro aniversario da aprobación da Universidade como patrimonio mundial da UNESCO.

Fonte: Correio da Manhã

Un distrito hospitalario de Finlandia empregará unha versión simplificada de finés no seu sitio web

O distrito hospitalario de Satakunta, no oeste de Finlandia, cambiará a lingua do seu sitio web por un finés máis simplificado co fin de facilitar o acceso á información das persoas que están aprendendo a lingua e de aquelas que presentan dificultades de aprendizaxe ou de lectura.

Fonte: UUTISET

Un curso de linguas indíxenas brasileiras formará profesores do ensino público

A Universidade Federal do Oeste do Pará (Brasil) organizará un curso intensivo das linguas indíxenas mundurucu e nheengatu co obxectivo de formar profesores do ensino público.

Fonte: Globo

Chile acepta que o mapuche sexa lingua oficial dun municipio de Wallmapu

O Estado chileno recoñeceu ao Concello de Galvarino (Wallmapu) o seu dereito a usar o mapudungun, o idioma do pobo mapuche, como lingua oficial do municipio. Galvarino oficializara o idioma en agosto de 2013, mais solicitara un dictame á oficina competente de Chile (Contraloría General) sobre se a súa decisión era ou non procedente.

Fonte: Nationalia

Coalición por Europa reivindica o uso do galego, éuscaro e catalán en Europa

Os eurodeputados de Coalición por Europa, Izaskun Bilbao (PNV), Ramón Tremosa i Balcells (Converxencia Democrática de Cataluña) e Francisco Gambús (Unión Democrática de Cataluña), pediron este martes ao reelixido presidente do Parlamento Europeo, Martin Schulz, que permita o uso do éuscaro, catalán e galego nos plenos.

Fonte: Galicia Confidencial

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder