Mundo

Unha experta alerta da desaparición das linguas vernáculas da República Democrática do Congo

Unha profesora de lingüística da Universidade de Kinshasa alerta da tendencia á desaparición das linguas vernáculas na República Democrática do Congo, dados os baixos niveis de utilización no ámbito familiar, universitario e administrativo.

Fonte: Digitalcongo

O ensino do francés está ameazado no cantón suízo de Berna

O Consello do Jura bernés alerta que o ensino do francés está ameazado nos institutos de lingua vehicular alemá do cantón de Berna (Suíza). Un proxecto prevé manter só unha hora desta lingua no cuarto ano.

Fonte: 24heures

A Universidade do Miño abre a inscrición para dez cursos de linguas estranxeiras

O Centro de Linguas da Universidade do Miño acaba de abrir as inscricións para a quinta edición do Verán das Linguas. Durante o mes de xullo e setembro ofreceránse cursos nas seguintes linguas: alemán, árabe, checo, español, francés, inglés, italiano, xaponés, ruso e portugués como lingua estranxeira, impartidos por falantes nativos destes idiomas con formación e experiencia docente. Os cursos terán lugar nos centros universitarios de Gualtar (Braga) e Azurém (Guimarães).

Fonte: Braga TV

O Goberno do Reino Unido quere introducir a lingua chinesa nas escolas públicas

Milleiros de estudantes do Reino Unido recibirán clases de chinés mandarín grazas a un plan do Goberno británico que pretende introducir a "lingua do futuro" nas escolas públicas. Máis de 1200 profesores de chinés recibirán a formación necesaria para acadar este obxectivo.

Fonte: The Telegraph

Un estudo mostra que a perda de biodiversidade no mundo está directamente relacionada coa extinción das linguas

Un novo estudo mostra que existe unha relación directa entre a desaparición dos hábitats e a perda das linguas. Unha lingua de cada catro, das 7000 que se falan no mundo, está en risco de desaparición, mentres se incrementa a perda da biodiversidade cultural.

Fonte: The Guardian

Venezuela podería introducir o ensino do portugués nas escolas

Venezuela podería introducir o ensino da lingua portuguesa nas escolas, anunciou o secretario de Estado de Asuntos Exteriores e Cooperación de Portugal, Luís Campos Ferreira. O gobernante lembrou que en Venezuela hai "diversas empresas portuguesas" e que existen "volumes de negocio moi elevados".

Fonte: Correio da Manhã

O Instituto Internacional da Lingua Portuguesa presenta a Cabo Verde os proxectos de xestión conxunta do portugués

O Instituto Internacional da Lingua Portuguesa (IILP) presentoulles os seus proxectos para a futura xestión conxunta da lingua portuguesa á ministra de Educación e ao ministro de Ensino Superior, Ciencia e Innovación de Cabo Verde, así como a outros altos representantes do país. Os proxectos son o Vocabulario Ortográfico Común (VOC) e o Portal do Profesor de Portugués como Lingua Estranxeira (PPPLE).

Fonte: Ventos da Lusofonia

O Goberno rexional dos Azores promove cursos de portugués para estranxeiros

O Goberno dos Azores (Portugal) promoverá, no ano lectivo 2014/2015, a realización en varias illas de cinco cursos de lingua portuguesa para falantes doutras linguas residentes no arquipélago, anunciou o director rexional, Paulo Teves.

Fonte: Local.pt

A Universidade de Masachusetts ofrecerá estudos de catalán

A Universidade de Massachusetts ofrecerá un minor en estudos cataláns a partir do próximo curso. Un minor é unha formación complementaria dentro dos estudos de grao nunha área de coñecemento diferente da que constitúe o núcleo principal dos estudos.

Fonte: Generalitat de Cataluña

Unha asociación educativa ofrece un curso en liña gratuíto de bretón

A asociación do ámbito da educación Klub EduBreizh presentou o seu curso en liña gratuíto e interactivo (ou MOOC, polas súas siglas en inglés) de lingua bretoa. Os participantes poderán adquirir coñecementos básicos deste idioma durante as cinco semanas que dura o curso.

Fonte: France 3

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder