Mundo
Unha aplicación brasileira traduce contidos dixitais á lingua de signos
Hand Talk é unha aplicación gratuíta que converte contidos en audio, en texto dixitais e fotografados a "libras" (lingua brasileira de signos). A tradución pode facerse de tres maneiras: dixitando ou colocando o texto no campo determinado, gravando o audio ou fotografando un texto.
Fonte: Catraca Livre
Os debates do Parlamento Europeo desenvólvense maioritariamente en inglés
O inglés é a lingua non oficial da política europea. Así o revelan os datos extraídos dos debates celebrados no Parlamento Europeo que, entre 2008 e 2012, se desenvolveron maioritariamente en inglés. Os 764 deputados do Parlamento Europeo están obrigados a asistir ás sesións plenarias para debater asuntos lexislativos e, malia teren plena liberdade para falar en calquera das 24 linguas oficiais da Unión Europea, a maioría decide facer as súas intervencións en inglés.
Fonte: The Guardian
Estáncase a porcentaxe de postos bilingües no Concello de Ottawa
O mes de decembro pasado, o 16 % dos empregados públicos do municipio de Ottawa (Canadá) era bilingüe, a mesma porcentaxe que o ano anterior. Isto é o que revela o informe sobre os servizos en francés de 2013 que será entregado ao comité de finanzas e desenvolvemento económico do Canadá.
Fonte: La Presse
Un experto alerta sobre o risco de desaparición das linguas nacionais de Angola
O investigador e lingüista angolano António Ngula Chivinga afirmou en Luanda que se os gobernos non adoptan políticas de valorización e expansión das linguas nacionais de Angola, estas corren o risco de desaparecer.
Fonte: AngoNotícias
O Senado de California vota a favor dunha lei que permite o ensino bilingüe nas escolas
Os representantes do Senado de California (EUA) aprobaron unha nova lei que permitirá revogar a iniciativa que prohibe a educación bilingüe nas escolas do estado.
Fonte: Neon Tommy
Increméntanse as queixas sobre asuntos relacionados coa lingua francesa na cidade de Ottawa
Segundo revela un informe dos servizos en lingua francesa elaborado polo Concello de Ottawa (Canadá), o ano pasado rexistrouse no municipio un incremento do 81 % das queixas en materia lingüística.
Fonte: Ottawa Sun
A plataforma DStv lanza unha nova canle en lingua portuguesa
A plataforma DStv dá un importante paso para a súa internacionalización coa presentación dunha nova canle de televisión en lingua portuguesa, a Correio da Manhã TV ou CMTV, que se emitirá en Angola e Mozambique.
Fonte: Local.pt
A Comisaria da Lingua Galesa planea darlles máis prioridade aos sinais escritos en galés
Na actualidade, as autoridades locais do País de Gales son as que deciden que lingua (galés ou inglés) debe ir primeiro nos sinais públicos. Porén, unha investigación realizada pola Comisaria da Lingua Galesa, Meri Huws, confirmou que no futuro se dará prioridade á lingua galesa en detrimento do inglés.
Fonte: Wales Online
Radio Paquistán pecha as retransmisións en linguas rexionais
Radio Paquistán (PBC, polas súas siglas en inglés) pechou o servizo que retransmitía programación en nove linguas rexionais (panxabi, sindi, paxtún, baluchi, siraiki, potohari, balti, shina e brahui) que estaba en funcionamento desde 2008. Os programas trataban asuntos culturais e de interese nacional, rexional ou local.
Fonte: Dawn
A Universidade de Botswana ensinará lingua portuguesa
A Facultade de Ciencias Humanas da Universidade de Botswana (UB) está en proceso de aplicación dun programa de lingua portuguesa. O portugués converterase na terceira lingua estranxeira ensinada na universidade, despois do francés e o chinés, de acordo cun comunicado feito pola propia universidade.
Fonte: Diário de Notícias
Boletín
Subscríbase ao boletín