Mundo

O Goberno do País de Gales destinará 1,6 millóns de libras á promoción da lingua galesa

O ministro principal de Gales anunciou que un total de 1,6 millóns de libras esterlinas se destinará ao fortalecemento e promoción da lingua galesa nos próximos dous anos.

Fonte: BBC

O servizo de almacenamento de arquivos Dropbox está dispoñible en catro novas linguas

O servizo de almacenamento de arquivos Dropbox está agora dispoñible en catro novas linguas: tres europeas (dinamarqués, sueco e neerlandés) e unha asiática (tailandés).

Fonte: Betanews

Directores de institutos austríacos apoian a introdución da materia de lingua turca no ensino

Unha enquisa realizada a 50 directores de instituto austríacos desvelou que a maioría (tres cuartos do total) apoia a introdución da materia de lingua turca no ensino secundario e universitario. A ministra do Interior austríaca, Johanna Mikl-Leitner, declarou que se podería introducir esta materia como lingua estranxeira nas escolas, aínda que asegura que o alemán debe seguir sendo a prioridade.

Fonte: World Bulletin

Estudantes de secundaria de Iparralde maniféstanse para poder examinarse en éuscaro

Un grupo de cincuenta estudantes de secundaria manifestouse na cidade vascofrancesa de Baiona para reclamar o dereito a poder realizar os seus exames de bacharelato en éuscaro xa que é esta a lingua que se emprega nas súas clases ao longo de todo o ano académico.

Fonte: Sud Ouest

A compañía aérea TAP e a Gulbenkian de París fomentarán a cultura e a lingua portuguesas

A compañía aérea TAP e a Fundación Calouste Gulbenkian de París uníronse para promover a lingua portuguesa en Francia por medio dun acordo de colaboración para o ano 2014.

Fonte: Publituris

A presidencia de Timor Leste na CPLP vai impulsar a lingua portuguesa no país asiático

Timor Leste asumirá a presidencia da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP) durante o cumio de xefes de Estado e de Goberno de Dili. O lingüista timorense Benjamim Corte Real afirmou nunha entrevista que a presidencia servirá para impulsar o interese pola aprendizaxe da lingua portuguesa no país.

Fonte: Público

As empresas británicas buscan cada vez máis traballadores que falen chinés con fluidez

As empresas británicas incrementaron a procura de traballadores que falen chinés mandarín con fluidez, revelou a maior organización de empregadores do Reino Unido. O estudo, efectuado pola Confederación da Industria Británica, conclúe que o coñecemento de linguas europeas continúa a ser o máis demandado. Porén, aumenta a procura de candidatos con coñecementos en linguas que posibiliten a entrada noutros mercados.

Fonte: Porto Canal

Apple traballa para ofrecer o asistente persoal Siri en portugués

A empresa Apple traballa para aumentar o número de linguas do asistente persoal Siri. O persoal de 9to5mac informou que recentemente a empresa engadiu tres idiomas máis á lista de traballo: ruso, tailandés e portugués (do Brasil). O asistente persoal Siri interpreta as preguntas do usuario e ofrece respostas baseándose en información obtida na internet. Trátase dun incrible avance no campo das tecnoloxías de recoñecemento de voz.

Fonte: Showmetech

O Goberno indio decide dar prioridade ao hindi fronte a outras linguas do país

O primeiro ministro indio, Narendra Modi, designou recentemente o hindi como idioma prioritario para as redes sociais oficiais, unha decisión que está suscitando as queixas dos gobernos rexionais onde se falan outras linguas. A constitución india recoñece un total de 22 linguas, aínda que as empregadas na burocracia federal son o hindi e o inglés. Esta última é a máis utilizada nas redes sociais ata o momento.

Fonte: El Occidental

Organízase unha carreira popular en Gales para apoiar a lingua galesa

Un total de 1000 corredores de todas as idades participaron na carreira "Ras yr Iaith" (Carreira da Lingua), no oeste de Gales, para apoiar a lingua galesa e promover o seu uso. A carreira transcorreu polas vilas de Machynlleth, Aberystwyth, Tregaron, Lampeter, Aberaeron, New Quay, Llandysul e Newcastle Emlyn e rematou na localidade de Cardigan.

Fonte: Carmarthen Journal

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder