Mundo
A comunidade kurda de Turquía maniféstase para demandar o ensino da lingua kurda nas escolas públicas
Organizacións kurdas de Turquía fixaron no calendario o Día da Lingua Kurda para demandar que esta lingua sexa introducida nos centros públicos de ensino. "Os nenos deben recibir a educación na súa lingua materna", declarou Osman Ozcelik, voceiro da organización Congreso da Sociedade Democrática (DTK).
Fonte: Rudaw
Unha nova canle de televisión en Finlandia retransmite programación en tres variedades da lingua saami
A comunidade saami de Finlandia conta agora cunha canle de televisión que ofrece programación en tres variedades diferentes da lingua saami. Cada ano aumenta a presenza da lingua saami nos medios de información en Finlandia grazas ao maior investimento de recursos na promoción da cultura nativa.
Fonte: Barents Observer
O sitio web do Vaticano está agora dispoñible en árabe
O sitio oficial do Vaticano está agora dispoñible en árabe, a última lingua dun total de dez. O sitio ofrece información sobre o papa, o Vaticano e a Santa Sé e está tamén dispoñible en dispositivos móbiles que empreguen os sistemas de Android e Apple.
Fonte: News.va
A BBC inaugura un novo servizo en liña en lingua galesa
A BBC lanzou un novo servizo en lingua galesa, Cymru Fyw, que incluirá noticias sobre asuntos de actualidade galesa e de fóra do País de Gales, así como as últimas novidades de programación en televisión e radio.
Fonte: Broadcastnow
Un festival potenciará as creacións musicais en lingua mirandesa
O Concello portugués de Miranda do Douro organizará este verán o "Festibal de la Cançon" (Festival da Canción) co obxectivo de estimular a produción musical en lingua mirandesa.
Fonte: Local.pt
Unha docente da Universidade da Sorbona apoia unha "política máis agresiva" para converter o portugués en lingua científica
A directora da Facultade de Linguas Estranxeiras Aplicadas da Universidade da Sorbona, Isabelle Oliveira, defendeu a adopción dunha "política máis agresiva" da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP) para converter o portugués nunha lingua técnico-científica, evitando a "anglicización" da estrutura mental dos lusófonos.
Fonte: Correio da Manhã
Microsoft anuncia o lanzamento dunha ferramenta de tradución en tempo real para Skype
A empresa de tecnoloxía Microsoft anunciou o seu proxecto de lanzar unha ferramenta de tradución en tempo real para o programa Skype. A nova función permitirá a comunicación entre persoas que non falen a mesma lingua.
Fonte: Techspot
O Concello de Toquio impulsará o uso de sinais en linguas estranxeiras durante as olimpíadas
O Goberno metropolitano de Toquio está desenvolvendo un proxecto co Goberno central xaponés para incorporar linguas estranxeiras a paneis e outras fontes de información para as olimpíadas de verán de 2020. Nun principio, ofrecerase información en inglés, ademais de xaponés, nos sinais dos aeroportos, estacións de tren, portos marítimos e aloxamentos, así como en sinais de tráfico e menús de restaurantes. Tamén se mellorará a información en chinés e coreano.
Fonte: Japan Times
Unha enquisa analizará as necesidades dos falantes máis novos de irlandés
A organización POBAL convida a comunidade de falantes de irlandés e outras partes interesadas a asistir á presentación dunha enquisa sobre as aspiracións e necesidades da xente nova respecto á lingua irlandesa en Irlanda.
Fonte: Ballymoney Times
Un estudo analizará datos primordiais para o futuro da lingua galesa
Un novo proxecto de investigación da Universidade de Bangor analizará por que os nenos e nenas que asisten a escolas de lingua galesa se mostran reticentes a utilizar este idioma fóra do centro educativo.
Fonte: Phys.org
Boletín
Subscríbase ao boletín