Mundo

O British Council organiza a Semana da Lingua Inglesa en Tunisia

O British Council, órgano público británico centrado na difusión do coñecemento do inglés, organiza en Tunisia a Semana da Lingua Inglesa co fin de concienciar acerca da importancia da aprendizaxe deste idioma e do seu papel no mercado laboral.

Fonte: African Manager

O ministro principal de Gales admite que debe cambiar o ensino do galés nas escolas de lingua inglesa

O ministro principal de Gales, Carwyn Jones, admite que o xeito de ensinar o galés, nas escolas do País de Gales onde a lingua de instrución é o inglés, debe cambiar co fin de promover a lingua vernácula no ámbito laboral. Carwyn Jones e o ministro de Educación, How Lewis, recoñeceron que o galés se ensinaba nestas escolas como unha segunda lingua e que isto debía modificarse en resposta a un informe elaborado por un experto na materia.

Fonte: Wales Online

O presidente de Uganda apoia a protección das linguas locais

O presidente de Uganda, Yoweri Museveni, fixo un chamamento a líderes culturais do seu país para que se concentren na promoción das súas tradicións e linguas locais co fin de evitar a súa desaparición.

Fonte: New Vision

O Instituto Confucio colaborará con Portugal no ensino da lingua chinesa

O ministro portugués de Educación e Ciencia, Nuno Crato, dixo en Pequín que Portugal vai colaborar co Instituto Confucio no ensino da lingua chinesa na educación secundaria en Portugal. O ministro non quixo fixar unha data para a introdución da disciplina nos programas curriculares, mais adiantou como posibilidade un prazo de tres a cinco anos.

Fonte: Destak

O sitio web do Parlamento Europeo xa está dispoñible en gaélico irlandés

O sitio web do Parlamento Europeo xa está dispoñible en irlandés, anunciou a institución nun comunicado de prensa. A partir de agora todas as seccións máis importantes do Parlamento Europeo estarán tamén en irlandés, incluíndo o portal e os apartados Noticias, Sobre o Parlamento, Plenario, Comisións e Delegacións.

Fonte: The Irish Times

O Dalai Lama mostra a súa preocupación pola situación da lingua e a relixión tibetanas

O Dalai Lama, líder espiritual do Tíbet, declarou nos Países Baixos que tanto a lingua como a relixión tibetanas están ameazadas e engadiu que os dirixentes de liña dura presentes no Tíbet continúan atacando estes dous piares fundamentais do pobo tibetano.

Fonte: Daiji World

Lanzan unha base de datos actualizada de nomes de lugar e un servizo cartográfico en lingua irlandesa

Unha escola universitaria de Dublín lanzou unha base de datos actualizada dos topónimos de Irlanda e un novo servizo cartográfico en lingua irlandesa. O sitio web presenta unha interface renovada, máis fácil de usar e accesible e unha atractiva presentación visual.

Fonte: Business & Leadership

O Parlamento de Ucraína promete un "status garantido" para a lingua rusa

O Parlamento de Ucraína aprobou o Memorando de Paz e Entendemento, unha declaración que marca directrices para a saída do conflito no país. Alén de demandar a disolución dos grupos e de facer un chamamento á unidade nacional e á participación nas vindeiras eleccións, o texto abre a porta a outorgar de novo o status legal da lingua rusa, unha das principais demandas no leste e sur do país.

Fonte: Nationalia

Un grupo de traballo presenta un proxecto para simplificar a lingua portuguesa no Brasil

A comisión de Educación do Senado brasileiro creou un Grupo de Traballo Técnico que ten como obxectivo simplificar, perfeccionar e converter o portugués nunha lingua máis lóxica e comprensible. Todas as propostas serán avaliadas e presentadas no Simposio Internacional Lingüístico-Ortográfico da Lingua Portuguesa, que terá lugar en Brasilia.

Fonte: SRZD

O ministro de Educación de Portugal avala a obrigatoriedade dunha segunda lingua nas escolas

O ministro de Educación de Portugal, Nuno Crato, afirmou que a Unión Europea pretende incrementar a cooperación con universidades africanas e asiáticas, sobre todo con China, e aproba que o ensino dunha segunda lingua estranxeira nas escolas portuguesas sexa obrigatorio.

Fonte: Jornal de Notícias

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder