Mundo

Investigadores defenden en Dubai a necesidade de aprobar leis que protexan a lingua árabe

Investigadores e educadores procedentes de países de fala árabe defenderon, con motivo da terceira Conferencia Internacional sobre a Lingua Árabe celebrada en Dubai, a necesidade de redactar e aprobar leis que protexan esta lingua.

Fonte: Gulfnews

Deputados galeses do Parlamento do Reino Unido piden que se poida falar galés nos debates da cámara

Parlamentarios galeses do Partido Laborista e do Partido de Gales demandaron o dereito a se expresaren en lingua galesa nos debates do Parlamento do Reino Unido que aborden temas relacionados co País de Gales.

Fonte: BBC

Unha serie animada ensinaralles linguas orixinarias a nenos bolivianos

Unha serie animada ensinará os idiomas orixinarios de Bolivia a nenos e nenas en idade escolar. O actor Juan Carlos Aduviri e o animador Iván Castro realizan un proxecto que busca fomentar a aprendizaxe do aimará, o quechua e o guaraní a través da técnica da animación por computador.

Fonte: La Prensa

Un grupo de rapaces e rapazas bolivianos traduce o Facebook ao aimará

Un grupo de rapaces e rapazas bolivianos está traducindo os contidos do Facebook ao idioma aimará, co fin de que este se converta nunha das linguas oficiais da rede social, informou o coordinador da comunidade virtual Jaqi-Aru, Rubén Hilari, responsable do proxecto.

Fonte: Msn Notícias

O colectivo Terzo da Fala promove o ensino do galego en Buenos Aires

No 1949 da rúa Moreno de Buenos Aires está o Centro Lalín. Aquí todos os mércores, desde o 2009, fálase en galego. Un galego máis que correcto, matizado por un delicioso acento porteño. Os alumnos destes cursos agrupáronse baixo o nome de Terzo da Fala, con resonancias épicas e militares que lle sentan ben a este grupo entusiasta e reivindicativo.

Fonte: La Voz de Galicia

A lingua e a cultura mirandesas contarán cun organismo de promoción e divulgación

A lingua e a cultura mirandesas terán, por primeira vez na súa historia, un organismo de promoción e divulgación: a Asociación da Lingua e Cultura Mirandesas (ALCM). Este novo organismo pretende ampliar o estudo da lingua mirandesa e da súa vertente cultural alén da súa área de influencia.

Fonte: Porto Canal

Unha empresa revela as linguas que se falan nos diferentes estados dos EUA

Unha empresa do ámbito dos medios de comunicación utilizou os datos obtidos no censo dos EUA para analizar as linguas máis faladas en cada estado. Así, por exemplo, despois do inglés, a lingua predominante é o español en case todos os estados, mentres que as linguas orixinarias, como o navajo, ocupan unicamente o terceiro lugar en estados como Arizona.

Fonte: Ktar

A primeira ministra letoa promete manter o ensino da lingua rusa nas escolas

A primeira ministra letoa, Laimdota Straujuma, prometeu manter o ensino da lingua rusa en todas as escolas públicas de fala rusa en Letonia. Porén, isto fai só referencia ás materias relacionadas con contidos lingüísticos, históricos e culturais.

Fonte: Itar-Tass

O número de publicacións en lingua kurda cuadriplícase en seis anos

Nos últimos seis anos, o número de publicacións en lingua kurda cuadriplicouse en Turquía, sobre todo no xénero de ficción para adultos. Segundo datos presentados pola Axencia Turca de Estatística, o número total de publicacións en kurdo pasou de 101 en 2008 a 413 en 2013.

Fonte: Hurriyet Daily News

O presidente da República portuguesa defende a importancia do portugués como "vantaxe competitiva"

Con motivo do seminario "Saber portugués", organizado polo Instituto Camões na Universidade de Estudos Estranxeiros de Shanghai, o presidente da República portuguesa, Cavaco Silva, defendeu a importancia da lingua portuguesa como "vantaxe competitiva" no país asiático.

Fonte: Visāo

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder