Mundo
Diminúe o número de falantes de linguas indíxenas en México
Aínda que no ano 2010 vivían en México pouco máis de 6 millóns de falantes dunha lingua indíxena, esta cantidade foi diminuíndo, revelou a directora da Facultade de Filosofía e Letras, María de los Ángeles Corona Castellanos, polo que considerou necesario desenvolver accións que permitan o seu rescate e ensino co fin de preservar a identidade ancestral.
Fonte: La Jornada de Oriente
O partido galés Plaid Cymru aposta por incrementar o número de horas de ensino de linguas nas escolas primarias
O partido galés Plaid Cymru defende que o alumnado de primaria debería recibir ensino en tres linguas e presentou un informe que analiza modelos europeos de ensino onde está normalizada a aprendizaxe de varias linguas en idades temperás. Os membros deste partido apostan tamén por mellorar o ensino da lingua galesa nas escolas.
Fonte: BBC
Crimea mantén a oficialización do ruso, o ucraíno e o tártaro na redacción da súa nova constitución
O Parlamento de Crimea aprobará en breve a súa nova constitución, adaptada ao marco legal da Federación Rusa e, aínda que non prevé ningunha autonomía territorial para os seus pobos, manterá a tripla oficialidade do ruso, ucraíno e tártaro.
Fonte: Nationalia
Publícase un dicionario dunha lingua aborixe de Australia
Despois de dúas décadas de investigación, en breve publicarase un dicionario da lingua badimaia, falada pola comunidade do mesmo nome no oeste de Australia. O traballo no dicionario comezou en 1990 e está baseado na información recollida aos últimos falantes nativos desta lingua.
Fonte: ABC
O número de estudantes universitarios de estudos lingüísticos rexistra mínimos históricos no Reino Unido
Un informe mostra que o número de alumnos que están a cursar unha carreira universitaria do ámbito lingüístico no Reino Unido é o máis baixo nunha década. Só entre os anos 2010 e 2013, o número de admisións en licenciaturas de linguas caeu un 22 %.
Fonte: The Guardian
O Ministerio de Educación de China estuda regular o uso de voces estranxeiras
Segundo o diario People's Daily, o Ministerio de Educación de China e o Comité Nacional de Linguas están traballando nunha regulación para estandarizar o uso de palabras de orixe estranxeira na sociedade.
Fonte: ECNS
Un xuíz posiciónase a favor das empresas con nomes anglófonos que operan no Quebec
Un xuíz declarou que as empresas do Quebec que empreguen sinais cos seus nomes comerciais escritos nunha lingua diferente ao francés non están incumprindo a Carta da Lingua Francesa. Esta resolución produciuse despois de que algunhas multinacionais levaran aos tribunais a Oficina Quebequesa da Lingua Francesa por obrigalas a mudar os seus nomes ante o risco de perderen o dereito a operar na provincia.
Fonte: Montreal Gazette
O Ministerio de Educación do Brasil crea unha comisión que comporá o Instituto Internacional da Lingua Portuguesa
O Ministerio de Educación do Brasil creou a Comisión Nacional do Instituto Internacional da Lingua Portuguesa da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP) que se ocupará de definir políticas multilaterais para atender a crecente demanda de ensino de portugués no mundo.
Fonte: Portal Brasil
O Goberno de Escocia decide apostar pola promoción da lingua escocesa
O Parlamento de Escocia decidiu apostar pola promoción da lingua escocesa ou Scots, idioma que, segundo o censo de 2010, ten polo menos un millón e medio de falantes. Entre as iniciativas destácase a creación dunha rede de coordinadores en lingua escocesa que ofrecerá apoio ao profesorado para poder introducilo no ensino.
Fonte: The Economist
O Parlamento Nacional de Timor Leste emprega a lingua portuguesa
O Parlamento Nacional de Timor Leste utilizou de novo a lingua portuguesa no debate semanal que ten lugar todos os martes. A decisión de desenvolver este debate en lingua portuguesa foi tomada co fin de conferir respecto á lingua oficial do país e mellorar a produción oral neste idioma por parte dos parlamentarios.
Fonte: Jornal Digital
Boletín
Subscríbase ao boletín