Mundo

Unha nova lei en Senegal permitirá elixir alcaldes que estean alfabetizados en linguas nacionais

Unha nova lei aprobada por deputados do Parlamento de Senegal anula a obrigatoriedade de que os representantes políticos locais saiban ler e escribir en francés e permite elixir alcaldes que estean alfabetizados unicamente en árabe ou noutras linguas nacionais.

Fonte: SeneNews

Seleccionan no Perú 272 beneficiarios que se formarán como educadores de linguas indíxenas

O Ministerio de Educación do Perú, a través do Programa Nacional de Bolsas, deu a coñecer a relación dos 272 beneficiarios que se formarán como educadores de linguas indíxenas como o quechua e o aimará.

Fonte: Andina

Un alcalde dun municipio noruegués defende a necesidade de que os refuxiados aprendan saami

O alcalde do municipio saami de Kautokeino en Noruega, Klemet Erland Hætta, declarou que os refuxiados que cheguen ás súas terras deben aprender a lingua saami e non noruegués para que se poidan integrar na comunidade.

Fonte: The Local

Os países lusófonos queren reforzar a presenza do portugués no mundo

A Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP) pretende reforzar a influencia e a posición do portugués no sistema mundial como idioma común e lingua materna de millóns de persoas en todo o mundo, declarou nunha entrevista, Gilvan Muller, director executivo do Instituto Internacional da Lingua Portuguesa (IILP).

Fonte: Voz da Rússia

A cidade de Udine incluirá a lingua friulana na celebración do Día da Liberación italiana

Por primeira vez, os carteis e manifestos que a cidade friulana de Udine emprega para a celebración do 25 de abril, Día da Liberación italiana, estarán tamén en lingua friulana.

Fonte: Il Friuli

O Goberno ucraíno promete reforzar os dereitos para os falantes de lingua rusa no país

O presidente e o primeiro ministro interinos de Ucraína ofreceron reforzar os dereitos constitucionais de uso da lingua rusa nun esforzo por calmar as protestas separatistas dalgunhas rexións do leste do país.

Fonte: Reuters

O Goberno do estado de Alasca recoñece oficialmente 20 linguas nativas

O Goberno do estado de Alasca (EUA) aprobou un proxecto de lei que recoñece simbolicamente 20 linguas nativas como idiomas oficiais do estado.

Fonte: Newsminer

Os empresarios noruegueses demandan traballadores que falen alemán

Un informe elaborado por unha organización empresarial de Noruega mostra que as empresas norueguesas demandan tres veces máis solicitantes de traballo con coñecementos en alemán que aqueles que dominan outras linguas máis populares como o español. En Noruega, o español é a quinta lingua máis demandada polo sector empresarial, por detrás do inglés, o alemán, o polonés e o francés.

Fonte: The Foreigner

China impide a celebración dun acto de promoción da lingua tibetana

As autoridades chinesas impediron no último momento a celebración dunha competición en lingua tradicional tibetana nunha localidade da provincia chinesa de Sichuan polas "implicacións políticas" que podería ter.

Fonte: Radio Free Asia

Rusia facilitará a concesión da cidadanía a falantes de lingua rusa

O presidente ruso, Vladimir Putin, aprobou modificacións lexislativas que facilitarán a concesión da cidadanía aos falantes de lingua rusa que vivan en ex-repúblicas soviéticas.

Fonte: Yahoo Notícias

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder