Mundo

Un estudo mostra que o uso das variedades locais da lingua de signos está en declive no Reino Unido

Investigadores do University College de Londres demostraron que o uso das variedades locais da lingua de signos está ameazada no Reino Unido. Entre as razóns que explican esta tendencia está, por exemplo, a influencia da televisión e internet e os maiores índices de ensino da lingua de signos estándar.

Fonte: BBC

O Senado mexicano aproba o dereito á información en linguas indíxenas

O Senado de México aprobou reformas das leis Federal de Transparencia e de Dereitos Lingüísticos dos Pobos Indíxenas, para que esta comunidade teña acceso á información pública gobernamental na súa lingua orixinaria.

Fonte: El Economista

Un grupo de activistas a prol da lingua galesa ocupa o edificio do Goberno galés en Cardiff

Activistas da Sociedade da Lingua Galesa ocuparon o edificio do Goberno galés en Cardiff pola "falta de acción do primeiro ministro galés ante os datos do último censo que mostran un descenso no número de falantes de galés".

Fonte: Wales Online

Os falantes de linguas estranxeiras superan por primeira vez o número de falantes de sueco en Finlandia

A oficina estatística de Finlandia publicou datos provisorios que mostran que os falantes dunha lingua diferente do finés, o sueco ou o saami constitúen o 5,4 por cento da poboación do país, lixeiramente superior ao 5,3 por cento dos falantes de sueco.

Fonte: Uutiset

Unha iniciativa do norte de Portugal promove a tradución dos menús de restaurantes a linguas estranxeiras

A Asociación Comercial de Braga (Portugal), consciente do insuficiente domino das linguas estranxeiras dos profesionais do sector da restauración, lanzou un proxecto co que animan os restaurantes a presentaren os seus menús en linguas estranxeiras. Deste xeito, no ámbito deste proxecto, 36 restaurantes da rexión norte de Portugal ofrecen xa os seus menús en inglés, francés, español, alemán e portugués.

Fonte: Correio do Minho

Unha poetisa chilena defenderá o idioma mapuche desde a Academia da Lingua de Chile

A poetisa Graciela Huinao, da etnia huilliche-mapuche, quere converter a Academia da Lingua de Chile no seu próximo campo de batalla cultural e social. Tras ser designada membro correspondente da entidade reitora a respecto da defensa do idioma castelán no país, a escritora dixo que entende que a súa misión é tamén defender e promover a súa propia lingua, o mapuche ou mapudungun.

Fonte: Rotativo

Portugal perde un dos seus máximos expoñentes actuais da lingua portuguesa

O presidente da Asociación Portuguesa de Escritores, José Manuel Mendes, reaccionou “con amargura” á morte do escritor e tradutor Vasco Graça Moura, que considera un importante referente da lingua portuguesa.

Fonte: Jornali

As persoas que non falen neerlandés poderán perder as súas prestacións sociais nos Países Baixos

As novas leis que proporá en breve o Goberno dos Países Baixos obrigarán as persoas que cobran axudas sociais a acadaren un nivel básico de neerlandés se non queren perder o dereito á prestación.

Fonte: Iamexpat

Unha cincuentena de eurodeputados pechan a lexislatura defendendo as linguas e culturas minorizadas presentes en Europa

Con ocasión da última sesión do Parlamento Europeo, que precede as vindeiras eleccións do 25 de maio, o Intergrupo das Minorías Tradicionais (órgano integrado por 55 eurodeputados) consignaron o manifesto de Estrasburgo no que defenden as "linguas e minorías nacionais" incluídas na Unión Europea.

Fonte: Nationalia

Unha nova aplicación axuda os nenos irlandeses a aprenderen gaélico

A editorial educativa Folens e a empresa de contidos interactivos StoryToys publicaron conxuntamente unha nova aplicación denominada Mo Chéad Foclóir (O meu primeiro dicionario) co obxectivo de axudar os nenos irlandeses a aprenderen gaélico.

Fonte: Siliconrepublic

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder