Mundo
Porto Editora publicará un novo dicionario de portugués con motivo do Día da Lingua Portuguesa
O próximo día 5 de maio celébrase o Día da Lingua Portuguesa e da Cultura na Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP). A Porto Editora publicará con motivo desta data unha edición actualizada do Dicionario Editora da Lingua Portuguesa.
Fonte: Diário Digital
Unha boa parte dos accidentes laborais nos Países Baixos están provocados por problemas de tipo lingüístico
Entre 10 000 e 20 000 accidentes laborais teñen a súa orixe en problemas de tipo lingüístico nos Países Baixos, declarou a fundación do ámbito do traballo Stitching van de Arbeid. Ademais, declara que entre un 5 % e un 10 % deses accidentes están causados pola falta de coñecementos suficientes de neerlandés.
Fonte: Dutch News
O candidato ás europeas do partido irlandés Fianna Fáil quere que a Unión Europea deixe de discriminar a lingua gaélica
O candidado ao Parlamento Europea do partido irlandés Fianna Fáil, Thomas Byrne, declarou que a Unión Europea debe rematar a discriminación que a lingua irlandesa está a sufrir en Europa. Segundo as súas palabras, as sucesivas derogacións que a Unión Europea fixo do recoñecemento do irlandés como idioma oficial non obrigan a traducir a esta lingua todas as leis e documentos oficiais.
Fonte: The Irish Times
Un estudo revela que Malta recibe menos estudantes de inglés
Un estudo realizado pola empresa Deloitte revela que se reduciu o número de estudantes de inglés en Malta respecto ao ano anterior. O informe tamén mostra que a estadía dos estudantes foi polo xeral máis longa.
Fonte: Times of Malta
Un estudo mostra que o uso de aparellos de pantalla táctil podería estar relacionado coa adquisición tardía da linguaxe
Un estudo realizado no centro médico Cohen Children de Nova York revelou que os nenos entre os 0 e os 3 anos que utilizaron aparellos electrónicos de pantalla táctil para xogar a xogos de contido non educativo mostraron un desenvolvemento lingüístico tardío.
Fonte: Daily Mail
O Instituto Portugués do Oriente en Macau lanza unha nova ferramenta para o ensino do portugués
Con motivo do Día da Lingua Portuguesa e da Cultura, o Instituto Portugués do Oriente (IPOR), situado en Macau (China), presenta un novo espazo en liña, a Árbore de Recursos da Lingua Portuguesa, que axudará ao ensino e aprendizaxe do portugués como lingua estranxeira.
Fonte: Público
Introdúcense novas linguas na selección de docentes de ensino primario do estado indio de Karnataka
O exame de selección de docentes de ensino primario do estado indio de Karnataka incluirá por primeira vez outras linguas como medio de instrución e non só o canarés e o inglés. Estas novas linguas son o urdú, o támil, o telugú, o hindi e o maratí.
Fonte: Deccan Herald
O Instituto Francés de Alxeria crea un novo portal para a aprendizaxe do francés
O Instituto Francés de Alxeria lanza un novo portal totalmente gratuíto dedicado á aprendizaxe da lingua francesa. O país africano, que ten o francés como primeira lingua estranxeira por diante do inglés, é o terceiro país francófono máis importante do mundo, despois de Francia e o Congo, segundo un estudo realizado en 2010 polo Observatorio da Lingua Francesa.
Fonte: Le Nouvel Observateur
O portugués mantense como lingua global malia as diverxencias normativas entre os diferentes países lusófonos
O feito de que os estados lusófonos non ratificaran o Acordo Ortográfico non reduce o poder do portugués como lingua internacional, mesmo se é desexable que haxa un entendemento entre todos os países en relación con este tema, declarou un investigador do instituto portugués de investigación ISCTE.
Fonte: Público
Cabo Verde conmemora os 800 anos da lingua portuguesa
A oficina postal de Cabo Verde uniuse ás conmemoracións dos 800 anos da lingua portuguesa coa emisión dun selo conmemorativo da efeméride con motivo do Día da Lingua Portuguesa e da Cultura na Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP). As actividades conmemorativas do oitavo centenario da lingua común nos oito países da CPLP (Angola, Brasil, Cabo Verde, Guinea-Bisau, Mozambique, Portugal, San Tomé e Príncipe e Timor Leste) terán lugar ata xuño de 2015, co obxectivo principal de reafirmar a importancia da lingua portuguesa no mundo.
Fonte: Portugal Digital
Boletín
Subscríbase ao boletín