Mundo
Rusia suxírelle a Ucraína que se converta nunha federación neutral co ruso como lingua cooficial
Ante a crise internacional xerada arredor de Ucraína, Rusia propón que este país eslavo se converta nun estado federal que se declare "neutral militar e politicamente" e onde o ruso sexa recoñecido coma "segunda lingua oficial", a carón do ucraíno.
Fonte: Nationalia
O sitio oficial de turismo de Alasca estrea páxina en español
TravelAlaska.com, o sitio web oficial de turismo do estado de Alasca (EUA), acaba de estrear a súa páxina en lingua española e complementa as versións en inglés, alemán, xaponés, coreano e chinés.
Fonte: Los Angeles Times
Unha manifestación esixirá unha lei que garanta dereitos para os falantes de irlandés en Irlanda do Norte
Unha manifestación percorrerá as rúas de Belfast para esixir que se aprobe unha lei que garanta os dereitos lingüísticos dos falantes de gaélico en Irlanda do Norte. A marcha está organizada polo grupo en apoio da lingua irlandesa Conradh na Gaeilge.
Fonte: BBC
Unha nova ferramenta de tradución de Microsoft axuda a que máis xente se poida comunicar en lingua galesa
Microsoft e a Asemblea de Gales presentaron un novo sistema de tradución que aspira a incrementar o uso da lingua galesa nas novas tecnoloxías. O sistema integra ferramentas e aplicacións que recoñecen e traducen texto doutras linguas ao galés.
Fonte: BBC
Un grupo de traballo do Goberno de Gales declara que un maior uso do galés podería axudar a impulsar a economía
Un informe elaborado por un grupo de traballo do Goberno de Gales afirma que un maior uso da lingua galesa en produtos elaborados en Gales podería axudar a impulsar o comercio e a economía. Ademais, o informe suxire tamén que as empresas que reciban axudas públicas deberían mostrarse dispostas a "ofrecer servizos bilingües".
Fonte: BBC
Crimea terá tres linguas oficiais: o ruso, o ucraíno e o tártaro
A rexión de Crimea e Rusia asinaron recentemente un acordo sobre a adhesión da primeira á Federación Rusa. De se confirmar a incorporación, a nova república terá tres linguas oficiais: o ruso, o ucraíno e o tártaro, declarou o presidente ruso Vladimir Putin.
Fonte: Ria Novosti
O Goberno de Canadá retira a designación bilingüe de postos públicos da Axencia Tributaria Canadense
O Goberno de Canadá informou a decenas de funcionarios federais da Axencia Tributaria Canadense que a designación bilingüe do seu posto, pola que cobraban 800 euros anuais, será agora revogada e pasará a ser monolingüe en inglés. Algúns partidos políticos xa presentaron queixas perante o Comisario de Linguas Oficiais.
Fonte: La Presse
Unha organización benéfica recibirá financiamento para promover a lingua córnica
Unha organización benéfica recibirá financiamento do Goberno británico para contribuír a "salvar a lingua córnica". O viceprimeiro ministro do Reino Unido, Nick Clegg, declarou que "o córnico é unha parte importantísima do patrimonio de Cornualles e agora achegamos a nosa contribución para a súa protección".
Fonte: BBC
O Goberno de Hungría creará un instituto para a promoción da lingua húngara
O húngaro é unha lingua do grupo ugrofinés emparentada unicamente en Europa co estoniano e co finés e que conta con arredor de 15 millóns de falantes. O Goberno de Hungría pretende agora crear o Instituto Estratéxico da Lingua Húngara que promoverá o uso correcto do idioma.
Fonte: The Wall Street Journal
As escolas surafricanas ofertarán algunhas linguas da India
Case dúas décadas despois de que as linguas indias fosen suprimidas do currículo en escolas públicas de Suráfrica, o hindi, o támil, o guxaratí, o telugu e o urdú serán ofertadas novamemente co fin de atender as demandas da importante comunidade de orixe india do país africano.
Fonte: The Economic Times
Boletín
Subscríbase ao boletín