Mundo
Un estudo revela que os falantes de galés reciben a atención médica maioritariamente en inglés
Un estudo realizado pola oficina da comisaria da Lingua Galesa, Meri Huws, revelou que a maior parte dos falantes de galés reciben asistencia médica primaria en inglés. A investigación mostra que só o 28 % dos falantes de galés empregan a lingua cos seus médicos de cabeceira, dentistas e oculistas.
Fonte: BBC
Un grupo de bolseiros brasileiros traballa en Timor Leste para fomentar o ensino da lingua portuguesa
Un grupo de bolseiros brasileiros do Programa de Cualificación Docente e Ensino da Lingua Portuguesa (PQLP) está en Timor Leste para participar en accións destinadas ao ensino do portugués e á formación de docentes de diversas áreas e niveis. O equipo está formado por un total de 49 estudantes.
Fonte: Ventos da Lusofonia
O ministro de Educación de Australia aposta polo ensino das linguas estranxeiras nas escolas
O ministro de Educación de Australia, Christopher Pyne, defendeu a necesidade de aprender linguas estranxeiras nas escolas públicas do país. Na próxima década, o ministerio que representa quere que o 40 % dos alumnos do último ano do ensino secundario opte polo estudo dunha lingua estranxeira.
Fonte: ABC
Unha nova lei busca regular a difusión das linguas orixinarias do Perú
O Ministerio de Cultura do Perú publicou, con ocasión do Día Nacional das Linguas Orixinarias, os contidos da Lei 29735 en edición bilingüe e nas cinco linguas orixinarias máis faladas do Perú: quechua, aimará, ashaninka, awajún e shipibo. Esta norma busca regular o uso, preservación, desenvolvemento, recuperación, fomento e difusión das linguas orixinarias.
Fonte: Generacción
Un manifesto conmemora os 800 anos da lingua portuguesa
O "Manifesto 2014: 800 anos da lingua portuguesa" reunirá simbolicamente varios persoeiros de diversos países lusófonos para celebrar esta importante efeméride do portugués. A iniciativa será presentada na Feira do Libro de Lisboa e, en palabras dun dos seus dinamizadores, é un "grande abrazo entre todos os lugares nos que se fala o portugués".
Fonte: Porto Canal
Unha lingüista caboverdiana defende a necesidade de sensibilizar a poboación sobre a oficialización da lingua crioula
A lingüista caboverdiana, Amália Lopes, defendeu a necesidade de traballar coa sociedade civil caboverdiana para esclarecer as dúbidas que eventualmente existen sobre a oficialización do crioulo, co fin de acadar unha mellor comprensión e aceptación.
Fonte: A Bola
A Constitución de Nicaragua será traducida a tres linguas indíxenas
A Comisión de Asuntos Indíxenas da Asemblea Nacional de Nicaragua está ultimando os últimos detalles da tradución da Constitución Política de Nicaragua ás linguas maternas dos pobos indíxenas do Caribe: misquito, mayangna e creole.
Fonte: La Prensa
Un grupo de activistas acampa diante da Asemblea de Gales para demandar máis medidas que protexan a lingua galesa
Un grupo de defensores da lingua galesa acampou diante da Asemblea Nacional de Gales na baía de Cardiff para demandar a aprobación de seis medidas lexislativas que garantan a protección do galés.
Fonte: Daily Post
O Consello Federal de Suíza defenderá o ensino das linguas nacionais fronte ao inglés
O Consello Federal de Suíza non permitirá que un cantón sacrifique o ensino dunha segunda lingua nacional nas escolas primarias a favor do inglés, afirmou Alain Berset, membro do Partido Socialdemócrata.
Fonte: RTS
Macau continuará apoiando o desenvolvemento do ensino da lingua portuguesa
O xefe do executivo da Rexión Administrativa Especial de Macau (RAEM), Fernando Chui Sai On, prometeu seguir apoiando o desenvolvemento do ensino do portugués, co fin de fornecer un mellor ambiente educativo para os macaenses de orixe portuguesa.
Fonte: CRI
Boletín
Subscríbase ao boletín