Mundo
Unha universidade estadounidense ofertará unha licenciatura en portugués
A Universidade de Massachusetts, na cidade de Lowell, Estados Unidos, está a unir esforzos para dar inicio a unha licenciatura en portugués. A institución de ensino declarou que, ao longo dos próximos tres anos, profesores portugueses serán convidados para desenvolver o programa.
Fonte: A Bola
Agrupacións a prol do irlandés envíanlle unha carta ao Parlamento de Irlanda do Norte para pedir respecto cara á lingua
Dúas asociacións de defensores da lingua irlandesa presentaron unha carta conxunta no Parlamento de Irlanda do Norte en Stormont para demandar un trato xusto e respecto cara á lingua irlandesa despois das últimas mostras de desprezo dalgúns deputados da cámara.
Fonte: BBC
Máis do 90 % dos rusos recoñece a necesidade de aprender idiomas
Un estudo recente do Centro Ruso de Análise da Opinión Pública revelou que o 92 % dos rusos recoñece a necesidade de aprender linguas estranxeiras na escola. O inglés, o alemán e o chinés lideran os cursos de linguas estranxeiras entre a poboación.
Fonte: Gazeta Russa
O Instituto Goethe reafirma a importancia do alemán para a integración social en Alemaña
Ao longo dun ano, o Instituto Goethe debateu o futuro da lingua alemá na iniciativa Alemán 3.0. Segundo o secretario xeral desta institución, Johannes Ebert, os debates evidenciaron a importancia do multilingüismo en Europa, especialmente en Alemaña, que é un país de inmigración e defendeu que dominar o idioma continúa sendo fundamental para a integración profesional e social dos traballadores estranxeiros.
Fonte: DW
O Goberno do Canadá debe ter en conta a realidade das comunidades francófonas na elaboración das súas políticas migratorias
Un informe elaborado polo Comisariado de Linguas Oficiais do Canadá defendeu que o Goberno federal debe ter en conta a realidade das comunidades francófonas á hora de elaborar as súas políticas en materia de inmigración. O documento mostra un desequilibrio respecto á lingua falada polos cidadáns doutros países que chegan ao Canadá e insta o Goberno a corrixilo.
Fonte: La Presse
Un poeta galego conquista Islandia
O poeta galego, Elías Portela, puxo rumbo hai 13 anos cara a Reiquiavik cunha bolsa Erasmus e hoxe é un dos compositores líricos máis representativos da cultura islandesa. Baixo o pseudónimo de Knörr fixo camiño na literatura nacional do país. Tanto é así que a que era primeira ministra Jóhanna Sigurðardóttir dixo que a súa obra Sjóarinn með Morgunhestana undir Kjólnum (O mariñeiro con cabalos matutinos baixo o vestido) era das súas favoritas. O seu traballo estendeuse por todo o país grazas á difusión das redes sociais e á aparición nunha prestixiosa revista nacional.
Fonte: Praza Pública
O antigo presidente de Portugal defende que a CPLP podía aproveitar mellor a vantaxe de ter unha lingua común
O antigo presidente da República de Portugal, Jorge Sampaio, considerou na sesión de apertura das Conferencias de Lisboa que a Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP) "podía aproveitar mellor" o feito de ter unha lingua común, defendendo máis políticas concertadas de cooperación para o desenvolvemento.
Fonte: Notícias ao Minuto
China formará 30 000 docentes de chinés para estranxeiros
Qiu Yuanping, xefa da Oficina de Asuntos Chineses no Estranxeiro do Consello de Estado de China, declarou, con motivo dunha conferencia, que o país asiático formará 30 000 docentes de chinés como lingua estranxeira antes de finais de 2017 co fin de fomentar a lingua e cultura chinesas no estranxeiro.
Fonte: Business Standard
O Consello Nacional de Educación de Turquía quere ofrecer lingua otomá nos centros de ensino secundario
O Consello Nacional de Educación de Turquía presentou unha proposta que pretende introducir materias de lingua turca otomá nos centros de ensino secundario. A iniciativa orixinou un importante debate sobre a necesidade de aprender esta lingua e algúns membros declararon que esta opción debe ser opcional e non obrigatoria.
Fonte: Hurriyet Daily News
Un tradutor de lingua de signos axudará á integración da comunidade xorda en Portugal
Unha empresa de nova creación da Universidade do Miño (Portugal) está a desenvolver un tradutor para a lingua de signos portuguesa que poderá axudar a resolver moitos dos problemas cos que se atopan no seu día a día os cidadáns xordos portugueses.
Fonte: Correio do Minho
Boletín
Subscríbase ao boletín