Mundo

A administración pública de Irlanda non conta con suficientes funcionarios capaces de falar irlandés

Os órganos públicos da República de Irlanda non contan con suficiente persoal que poida desempeñar as súas funcións por medio da lingua irlandesa, revelou un informe dun departamento gobernamental. A falta de habilidades lingüísticas de irlandés demostra que a administración pública non pode cumprir a norma do Tribunal Supremo da República de Irlanda que establece que todos os cidadáns teñen o dereito a realizar calquera trámite administrativo en irlandés.

Fonte: Independent

O Instituto Camões selecciona 15 profesores para un proxecto de cooperación en Timor Leste

O Instituto Camões está a seleccionar 15 profesores portugueses para integraren un proxecto de cooperación con Timor Leste destinado á formación de docentes de ensino básico, na área de lingua portuguesa, que ofrece unha remuneración bruta superior a 3500 euros.

Fonte: SIC Notícias

Deutsche Welle e a Oficina de Exteriores de Alemaña únense para crear un novo servizo multimedia en linguas estranxeiras

A Oficina Federal de Política Exterior de Alemaña e o servizo de noticias Deutsche Welle asinaron un acordo para crear un novo servizo multimedia en linguas estranxeiras que ofreza noticias diarias desde unha perspectiva alemá. O contido das noticias será publicado en alemán, inglés, español e árabe.

Fonte: Deutsche Welle

O francés será lingua oficial da Capital Europea da Xuventude en 2015

En 2012, a cidade romanesa de Cluj-Napoca foi designada Capital Europea da Xuventude 2015. Emil Boc, alcalde da cidade e o embaixador francés en Romanía, François Saint Paul, asinaron un protocolo que acordou converter o francés en lingua oficial do proxecto de capitalidade. Isto significa que todos os eventos que se organizarán o próximo ano serán comunicados tamén en francés.

Fonte: Romania-Insider

Publícase a versión portuguesa dun xornal dixital sobre China

A versión portuguesa do xornal dixital Diário do Povo foi concibida para fornecer información sobre os ámbitos da política, a economía, a sociedade, a educación, a ciencia, a cultura e o turismo aos lectores de zonas onde se fale o portugués, co fin de construír unha nova plataforma para a comprensión mutua e o intercambio de internautas de China e os países lusófonos.

Fonte: People Daily

"Corrupção" é a palabra do ano 2014 para os portugueses

A palabra do ano 2014 en Portugal é "corrupção". A escolla foi feita polos internautas portugueses por medio de votación directa no sitio Infopédia.pt durante todo o mes de decembro pasado. En segundo lugar ficou a palabra "xurdir" e en terceiro lugar a palabra "selfie".

Fonte: Diário Digital

A FIFA exclúe a lingua portuguesa da súa páxina oficial

A lingua portuguesa foi excluída da páxina oficial da FIFA desde o inicio do ano 2015 e deixa sen contidos nesta lingua a máis de 200 millóns de persoas que teñen o portugués como lingua nativa no mundo. Actualmente, a páxina publica contidos en inglés, francés, español, alemán e árabe.

Fonte: Sapo

Unha asociación do Porto vai ensinarlles portugués a 450 traballadores da Guinea Ecuatorial

A organización non gobernamental ADLML (Asociación de Desenvolvemento Local do Miño-Lima), con sede no Porto, vai ensinar este ano a lingua portuguesa a 450 traballadores da Guinea Ecuatorial, nun proxecto sobre o ámbito da formación profesional.

Fonte: Porto Canal

Sete programas compoñen a acción cultural do Instituto Camões en 2015

Sete programas en 66 países do mundo conforman o plan de acción cultural externa do Instituto Camões da Cooperación e da Lingua Portuguesa en 2015, que presentou en Lisboa a súa presidenta, Ana Paula Laborinho.

Fonte: Visão

Un lingüista publica un mapa detallado das linguas europeas en perigo de extinción

O lingüista Christopher Moseley elaborou recentemente un mapa detallado das linguas europeas en perigo de extinción. Son idiomas falados, en moitos casos, por menos de dez persoas e este ano 2015 poderían ser testemuñas da súa desaparición, porque os seus falantes xa son moi vellos.

Fonte: Vilaweb

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder