Mundo

O Brasil ten cinco linguas con máis de 10 000 falantes

Cinco das máis de 150 linguas indíxenas faladas no Brasil contan con máis de 10 000 falantes, segundo os datos do censo de 2010 do Instituto Brasileiro de Xeografía e Estatística (IBGE). De acordo con estes datos, as linguas máis usadas no Brasil son o tikuna (34 000 falantes), o guaraní kaiowá (26 500), o kaingang (22 000), o xavante (13 300) e o yanomami (12 700).

Fonte: EBC

A lingua portuguesa aínda resiste no principal mercado de Macau

No Mercado Vermello, o máis emblemático de Macau, a lingua chinesa é a raíña, mais aínda hai quen recorre ao portugués para atraer clientes. Hai máis de 30 anos que a vendedora Ana Wong ten o seu negocio no mercado, un dos máis antigos da cidade e o único clasificado como patrimonio cultural de Macau. O seu portugués, que hoxe non vai alén dos nomes dos legumes e dos prezos, aprendeuno en clases nocturnas, que frecuentou antes da transferencia administrativa da cidade. Antes de 1999, os clientes que dominaban o idioma eran "moitos", mais agora son só "dous ou tres".

Fonte: Notícias Sapo

O Museo da Lingua Portuguesa de São Paula homenaxea a escritora Agustina Bessa-Luís

O Museo da Lingua Portuguesa, en São Paulo, inaugurou unha exposición en homenaxe a Agustina Bessa-Luís, con 20 paneis ilustrados con textos e fotografías, sobre a vida e a obra da escritora. O director do museo, António Carlos Sartini, declarou que a mostra, organizada polo propio museo, o Instituto Camões e o Consulado Xeral de Portugal en São Paulo, é unha oportunidade para que os brasileiros coñezan a autora, que non é moi lida no Brasil.

Fonte: Observador

O Servizo Público de Saúde de Gales quere promover o uso da lingua galesa entre os profesionais médicos

O ministro de Sanidade do Goberno do País de Gales, Mark Drakeford, prometeu fomentar o uso da lingua galesa entre os médicos e dentistas e defende que os pacientes reciban servizos en lingua galesa antes de esperar que estes os soliciten de antemán.

Fonte: BBC

O ministro principal de Gales declara que o Centro da Lingua Galesa de Llanelli é clave para a supervivencia do galés

O proxecto de creación do Centro da Lingua Galesa de Llanelli, no sur de Gales, foi considerado polo ministro principal de Gales, Carwyn Jones, como primordial para a supervivencia do galés. O proxecto recibiu un apoio de diñeiro público que ascende a 70 000 libras esterlinas.

Fonte: Llanelli Star

China declara que os funcionarios deben falar as linguas das minorías étnicas

Os funcionarios da maioría Han que vivan en rexións onde existen outras etnias deben facer o esforzo por falar as linguas nativas, declarou o Goberno chinés. China conta con máis de 50 grupos étnicos e moitos posúen os seus propios trazos culturais e van desde etnias con moita poboación, como os tibetanos ou os mongois, ata outras moi minoritarias con linguas en perigo de desaparición, como os evenques.

Fonte: The Straits Times

Os docentes de ensino de portugués en Alemaña reciben presións para aumentar a hora lectiva de ensino

O Sindicato de Profesores das Comunidades Lusíadas (SPCL) afirma que o Instituto Camões está a exercer presión sobre os docentes de ensino de portugués no estranxeiro para que aumenten a hora lectiva destes cursos en Alemaña. “É unha situación realmente anómala o que está a acontecer en Alemaña cos profesores de lingua e cultura portuguesas baixo a tutela do Camões – Instituto da Cooperación e da Lingua Portuguesa, porque tres meses despois de comezar o ano académico, apareceu unha circular que decretaba que a hora lectiva era de 60 minutos (actualmente é de 45)”, informou á Axencia Lusa a secretaria xeral do sindicato, Teresa Duarte Soares.

Fonte: Mundo Português

Un estudo revela que a influencia dunha lingua se mide pola capacidade que esta ten de relacionarse con idiomas diferentes

Os resultados publicados na última edición da revista Proceedings of the National Academy of Sciences mostran que, ao contrario do que se podería pensar, a influencia internacional dunha lingua mídese principalmente polo seu nivel de relación con outros idiomas, e, en particular, pola súa capacidade de mediación comunicativa entre linguas que doutra forma non conseguirían "falar" entre si.

Fonte: Público

A comisaria da Lingua Galesa declara que investigará os servizos en galés das entidades bancarias

Ante o incremento das queixas no uso da lingua galesa por parte das entidades bancarias, a comisaria da Lingua Galesa, Meri Huws, declarou que iniciará un proceso regulamentario de revisión sobre os servizos que estas entidades ofrecen no País de Gales.

Fonte: Daily Post

O corso convértese en lingua oficial de Facebook

O corso xa é unha das 122 linguas oficiais de Facebook. A rede social, con 1300 millóns de usuarios, fai agora un chamamento aos corsos para que asuman a tradución dos seus contidos. Unha vez rematada a tradución, o corso será, despois do bretón, a segunda lingua rexional de Francia presente en Facebook.

Fonte: Le Figaro

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder