Mundo
Venezuela investirá na preservación das linguas indíxenas
Venezuela mostrouse partidaria de recuperar as tradicións lingüísticas indíxenas despois da recente clasificación da lingua mapoio como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade. Este recoñecemento forma parte do esforzo do Goberno venezolano por "reivindicar os valores humanos e toda a diversidade cultural" do país, explicou o embaixador de Venezuela na Organización das Nacións Unidas (ONU). A constitución venezolana recoñece actualmente un total de 34 idiomas oficiais.
Fonte: Último segundo
Un 27 % dos profesionais brasileiros non posúe coñecementos de lingua inglesa
Un estudo elaborado polo portal brasileiro de emprego Catho revelou que o 27,1 % dos profesionais brasileiros afirma non ter ningún coñecemento da lingua inglesa. Unicamente o 12,2 % posúe un nivel fluído ou avanzado e só o 3,9 % fala e escribe a lingua con fluidez.
Fonte: A Crítica
A ONU procura voluntarios que falen portugués
A Organización das Nacións Unidas (ONU) procura profesionais que falen portugués para o seu programa de voluntarios, declarou a auxiliar de contratación internacional, Irina Daudt Rodrigues. Para poder presentarse á oferta é preciso falar un dos idiomas de traballo do programa: español, francés e inglés.
Fonte: EBC
O servizo de tradución automática Google Tradutor incorpora dez novas linguas
A ferramenta de tradución automática de Google integra constantemente novas linguas. A súa última actualización é importante porque incorpora o birmano, a lingua oficial de Myanmar, así como o malabar, unha das seis linguas clásicas da India que conta con 38 millóns de falantes.
Fonte: Tech Crunch
O servizo de correo electrónico Gmail xa está dispoñible en gaélico irlandés
Os usuarios do servizo de correo electrónico Gmail poden xa empregar o irlandés nas súas contas grazas a un importante labor de tradución levado a cabo por equipos de localización e tradutores voluntarios de todo o mundo.
Fonte: Irish Times
O ensino público do portugués no estranxeiro corre o risco de desaparecer
A diminución dos cursos de portugués no estranxeiro fornecidos polo Goberno portugués está a preocupar as comunidades e os profesores de lingua portuguesa, que se queixan dos recortes nun momento en que a emigración aumenta. A secretaria do Sindicato de Profesores das Comunidades Lusíadas (SPCL), Teresa Soares, declarou que os últimos datos amosan unha redución anual de 30 cursos de lingua portuguesa no estranxeiro.
Fonte: Observador
O proxecto "Native Scientist" levou ciencia en lingua portuguesa a París
O proxecto "Native Scientist", lanzado por dúas científicas portuguesas no Reino Unido, chegou á Escola Paul Bert, en Chaville, nos arredores de París, co obxectivo de aproximar o alumnado de familias portuguesas á ciencia e á lingua portuguesa. O proxecto, que naceu en 2012 e que xa chegou a 400 nenos e nenas do Reino Unido, pretende internacionalizarse en países onde existe unha importante comunidade de orixe portuguesa.
Fonte: Dnotícias
O Instituto da Lingua Portuguesa quere maior visibilidade en Cabo Verde
A nova directora executiva do Instituto Internacional da Lingua Portuguesa (IILP) afirmou que a institución vai procurar maior visibilidade en Cabo Verde, onde ten sede, utilizando, para tal, outras entidades que promoven o idioma de Camões.
Fonte: Sapo Notícias
O asistente virtual de Microsoft está dispoñible en catro novas linguas
Cortana, unha aplicación de Microsoft que funciona como un asistente persoal con intelixencia artificial, estará dispoñible a partir de agora en alemán, español, francés e italiano. A aplicación ofrece recoñecemento de voz, o que significa que a expansión para novos mercados require o dominio da lingua local de cada país.
Fonte: Público
O servizo de tradución en tempo real xa está activo en Skype
O servizo de tradución en tempo real de Skype (Skype Translator) xa está oficialmente dispoñible. A tecnoloxía presentada este ano permite a tradución en tempo real de conversas en linguas diferentes, de momento en inglés e español.
Fonte: Notícias ao Minuto
Boletín
Subscríbase ao boletín