Mundo

Un festival de cinema divulgará a lingua neerlandesa en Lisboa

Do 16 ao 18 de xaneiro celébrase a terceira edición do festival "Cinema Bioscoop - Festival de Cinema en Lingua Neerlandesa" que ten como obxectivo a divulgación da lingua e a cultura dos países onde se fala. O encontro cinematográfico terá lugar en Lisboa, no Cinema São Jorge e na Cinemateca Portuguesa.

Fonte: Jornal Hardmusica

Un deputado de Macau defende máis lingua e cultura portuguesas na sociedade local

O deputado á Asemblea Lexislativa de Macau, Lau Veng Seng, defendeu a valorización da lingua e cultura portuguesas en Macau e considerou a comunidade portuguesa ou de orixe portuguesa un "compoñente moi importante no desenvolvemento do territorio".

Fonte: Dnoticias

Iníciase un período de consulta para a aprobación dunha nova lei sobre a lingua irlandesa en Irlanda do Norte

Proximamente iniciarase un período de consulta pública en Irlanda do Norte que pretende recadar propostas acerca da nova lexislación sobre a lingua irlandesa. A ministra de Cultura, Carál Ní Chuilín, declarou no parlamento que aprobará o borrador da nova lei a principios de febreiro.

Fonte: BBC

Google Tradutor introduce novos modos de tradución instantánea

A ferramenta de tradución automática Google Tradutor introducirá unha nova actualización que permitirá traducir contido oral en tempo real ou texto enfocado con cámaras de teléfonos móbiles.

Fonte: Sapo

O grupo editorial LeYa lanza unha aplicación sobre escritores de lingua portuguesa

O grupo editorial portugués LeYa lanzou a primeira aplicación dedicada exclusivamente a admiradores de escritores de lingua portuguesa. A ferramenta, que estará dispoñible en iPhone, iPad e Android, permitirá o acceso á biografía, á obra e a contidos audiovisuais sobre autores en lingua portuguesa publicados por este grupo editorial.

Fonte: Diário Digital

A Federación Portuguesa de Fútbol acepta a saída da lingua portuguesa do sitio da FIFA

A Federación Portuguesa de Fútbol viuse obrigada a aceptar a supresión do portugués do sitio da FIFA. O presidente da federación, Fernando Gomes, lembra que o portugués non está entre as linguas oficiais do máximo organismo do fútbol mundial.

Fonte: Sapo

O portal sobre a lingua portuguesa Ciberdúvidas cumpre 18 anos

O portal Ciberdúvidas, cuxa función é aclarar dúbidas relacionadas coa lingua portuguesa, acaba de cumprir 18 anos.

Fonte: Público

Italia celebra o Día do Dialecto e das Linguas Locais

A Unión Nacional "Pro Loco" de Italia (UNPL, polas súas siglas italianas) organiza a terceira edición do Día do Dialecto e das Linguas Locais co fin de sensibilizar acerca do valor do patrimonio lingüístico italiano.

Fonte: H24 Notizie

A lingua sarda poderá ensinarse nas escolas

Se as familias dos estudantes así o desexan, o sardo podería ensinarse nas escolas de Sardeña, grazas a un investimento de tres millóns de euros. Así o establece ademais a proposta de lei para o ensino do idioma insular que se presentou no Consello Rexional de Sardeña.

Fonte: L'Unione Sarda

O primeiro ministro de Guinea-Bisau quere que a Unión Económica e Monetaria de África Occidental fale portugués

O primeiro ministro de Guinea-Bisau pretende que o portugués se converta en lingua de traballo da Unión Económica e Monetaria da África Occidental.

Fonte: RFI

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder