Mundo

Permítese o uso das linguas nacionais no Parlamento do Senegal

Dous días despois do cumio da Organización Internacional da Francofonía, as linguas nacionais poden agora utilizarse na Asemblea Nacional do Senegal. Un deputado de cada tres non fala francés ou non o domina con precisión, mais a partir de agora todos os representantes da cámara poderán expresarse nas seguintes linguas: wólof, diola, mandinga, pular, serere, soninqué e francés.

Fonte: Points Choids

Un total de 6,5 millóns de persoas falan unha lingua indíxena en México

En México hai 106 millóns que teñen o español como idioma principal. Porén, hai outros 6,7 millóns de persoas que utilizan algunha lingua indíxena para comunicarse. A maioría destas persoas reside en cinco estados (Oaxaca, Chiapas, Veracruz, Puebla e Iucatán) que concentran case o 60 por cento dos falantes indíxenas, segundo cifras do Instituto Nacional de Linguas Indíxenas (Inegi).

Fonte: ADN Sureste

A Universidade do Ulster alerta que moitas empresas buscan titulados con coñecementos lingüísticos no estranxeiro

A Universidade do Ulster alertou que a falta de titulados en linguas estranxeiras está forzando as empresas internacionais que operan en Irlanda do Norte a contratar traballadores no estranxeiro. O xefe de linguas modernas da universidade, David Barr, declarou que a causa do problema é a non obrigatoriedade de cursar idiomas no ensino secundario.

Fonte: BBC

A nova Constitución de Marrocos recoñece o árabe e o tamazight como linguas oficiais

Con motivo dunha conferencia organizada pola Coalición nacional pola lingua árabe, o ministro marroquí de Relacións co Parlamento e a Sociedade Civil, El Habib Choubani, declarou que a nova Constitución de Marrocos recoñece o árabe e o tamazight como linguas oficiais do reino e protexe os outros dialectos que se falan no país.

Fonte: Atlas Info

Medra o número de estudantes de portugués nas escolas comunitarias e de ensino regular nos EUA

O número de estudantes de portugués nas escolas comunitarias e de ensino regular dos Estados Unidos ascendeu a 17 836 no ano lectivo 2014-2015, segundo cifras do Instituto Camões. En total, son 2580 alumnos máis en relación ao ano lectivo anterior.

Fonte: Jornali

O Ministerio de Educación italiano convoca prazas de auxiliar de lingua italiana no estranxeiro

O Ministerio de Educación italiano convoca, para o ano académico 2015-2016, 272 prazas de auxiliar de lingua italiana no estranxeiro. As persoas escollidas para desempeñar esta función axudarán os docentes de lingua italiana en institucións educativas dos países de destino. O obxectivo dos auxiliares será espallar o coñecemento da lingua e cultura italianas no estranxeiro.

Fonte: Tecnica della Scuola

Unha campaña defende a introdución de subtítulos na televisión gaélica para motivar a aprendizaxe da lingua

As persoas interesadas en aprender gaélico escocés poderían beneficiarse coa introdución de subtítulos nos programas da televisión pública BBC Alba. A iniciativa recibiu o apoio do sitio web Gàidhlig TV, que promove a aprendizaxe da lingua.

Fonte: The Scotsman

O Plan nacional de desenvolvemento de México prevé o ensino de 68 linguas indíxenas

O director de Políticas Lingüísticas do Instituto Nacional de Linguas Indíxenas de México, Antolín Celote Preciado, indicou que o Plan nacional de desenvolvemento prevé incorporar ao sistema educativo o ensino das 68 linguas indíxenas que se falan no país.

Fonte: Almomento

Un grupo de investigadores presenta un estudo que analiza os 550 anos de historia do gaélico na Universidade de Glasgow

Un grupo de académicos presentou os resultados do estudo "Historia do gaélico na Universidade de Glasgow" que analiza a presenza da lingua gaélica no centro de ensino superior desde o século XV, 450 anos antes de que o gaélico se convertese en materia de estudo na universidade.

Fonte: Stornoway Gazette

"Epígrafe" foi a palabra máis buscada no dicionario Priberam da lingua portuguesa en 2014

A palabra "epígrafe" foi a máis consultada en 2014 no dicionario Priberam. Este servizo recibiu máis de 70 millóns de visitas de todo o mundo. Despois de "epígrafe", as palabras máis procuradas en Portugal foron "resiliência" e "paradigma" e no Brasil, que liderou as buscas do dicionario, "rebu" foi a palabra máis consultada, seguida de "ressabiado" e "ascensão".

Fonte: Computerworld

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder