Lusofonía

A creación literaria en portugués amplía horizontes con traducións a 41 idiomas

A iniciativa LATE (Liña de Apoio á Tradución e á Edición), promovida pola Dirección Xeral do Libro, Arquivos e Bibliotecas do Ministerio de Cultura de Portugal e polo Instituto Camões, destinará este ano axudas a 152 obras de máis de 80 autores e autoras en lingua portuguesa para seren traducidas a 41 idiomas, coa colaboración de 103 editoriais de 43 países. Entre as linguas de destino destacan o español, o italiano, o francés, o árabe e o inglés e incluiranse obras de autores clásicos como Camilo Castelo Branco e Fernando Pessoa.

Fonte: Comunidade Cultura e Arte

O presidente de Portugal reafirma na ONU o obxectivo de que o portugués sexa lingua oficial en 2030

O presidente de Portugal, Marcelo Rebelo de Sousa, destacou nunha entrevista á ONU News que o portugués debe converterse en lingua oficial das Nacións Unidas, meta xa apoiada polo Brasil e polo conxunto da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa. Subliñou que o portugués é unha das linguas máis faladas do mundo, con especial relevancia no hemisferio sur e no ámbito dixital.

Fonte: ONU News

O Premio Literario Nortear de relato curto para escritores novos impulsado pola Xunta recae en Diana Teixeira

Diana Teixeira, natural de Felgueiras e de 31 anos, é a gañadora da edición 2025 do Premio Literario Nortear de relato curto para escritores novos. A autora conquistou o xurado co relato Voltar e Não Ser. Memórias de uma raia interior.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

O Museo da Lingua Portuguesa inaugura a mostra Atlânticos

O Museo da Lingua Portuguesa de São Paulo abre ao público a exposición Atlânticos, que reúne obras de seis artistas do Brasil, Angola e Portugal. A mostra fomentará o diálogo cultural e artístico no ámbito da lusofonía. Poderá visitarse até o 2 de novembro.

Fonte: Radio Agência

O presidente de Mozambique chama á unidade dos países de lingua oficial portuguesa

Daniel Chapo inaugurou en Maputo a 14ª sesión da Asemblea Parlamentaria da CPLP facendo un chamamento á unidade entre os países de fala portuguesa. Durante o seu mandato á fronte da organización, que durará dous anos, comprometeuse a priorizar o fortalecemento democrático, o reforzo da mobilidade e o compromiso pola educación e a diversidade cultural entre os diferentes estados que integran a lusofonía.

Fonte: Xinhua

O portugués segue sendo unha lingua minoritaria en Guinea-Bissau

Segundo o ministro de Educación de Guinea-Bissau, menos do 5 % da poboación emprega o portugués no seu día a día. A maioría comunícase en crioulo, o que evidencia a escasa presenza social do portugués fóra do ensino. O Goberno traballa en iniciativas para aumentar o uso da lingua oficial no país.

Fonte: Forbes África Lusófona

Morre Fernando Venâncio, lingüista que defendía a irmandade entre galego e portugués

O lingüista, escritor e tradutor Fernando Venâncio faleceu o 30 de maio en Mértola, Portugal, aos 80 anos. Foi un firme defensor da proximidade entre o galego e o portugués, autor de obras como Assim nasceu uma língua e colaborador habitual na prensa cultural. A súa figura é clave na divulgación e análise da historia e identidade lingüística lusófona.

Fonte: Nós Diario

Valentín García agradece o traballo de ‘Ponte... nas ondas!’ no reforzo dos lazos coa lusofonía

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na presentación da foliada das letras galego-portuguesas «Agora cantamos nós». Trátase dunha iniciativa que organiza «Ponte... nas ondas!», a quen agradeceu o seu traballo no reforzo dos lazos coa lusofonía.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

San Tomé e Príncipe acolle a sesión solemne do Día Internacional da Lingua Portuguesa

O 5 de maio de 2025, San Tomé, capital de San Tomé e Príncipe, acolleu a sesión solemne do Día Mundial da Lingua Portuguesa e da Cultura na CPLP. O evento contou con intervencións institucionais, actuacións do músico brasileiro Vinícios Terra, danzas tradicionais a cargo do grupo Legi Tela e un desfile de moda da deseñadora Antonieta Almeida.

Fonte: Forbes

Fanse 50 anos da primeira emisión da DW en portugués para África

Hai agora 50 anos, no ano 1975, a emisora alemá Deutsche Welle (DW) comezou a emitir un programa de radio en portugués dirixido aos cinco países africanos de lingua portuguesa. Xa nos anos 60, a emisora producira programas en portugués destinados a Portugal e ao Brasil.

Fonte: Deutsche Welle

 

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder