Lusofonía
Un de cada catro estudantes estranxeiros en Portugal ten un coñecemento limitado do portugués
Segundo o Ministerio de Educación de Portugal, aproximadamente o 25 % dos máis de 140 000 alumnos estranxeiros ten un dominio limitado da lingua portuguesa. Para abordar esta situación, prevese a contratación de ata 287 mediadores lingüísticos e culturais en 319 escolas, así como a revisión da disciplina de Portugués Lingua Non Materna.
Fonte: Público
A AGAL lanza “Agalinhas”, un proxecto de videocontos para a infancia

A Associaçom Galega da Língua (AGAL) presentou Agalinhas, unha iniciativa que ofrece videocontos en galego-portugués para a infancia. O proxecto busca fomentar a creatividade e reforzar os vínculos de afecto coa lingua galega desde idades temperás.
Fonte: Portal Galego da Língua
Nos últimos anos medrou o interese pola cultura e lingua portuguesas en Goa
En Goa, o interese pola cultura e lingua portuguesas aumentou, especialmente entre os habitantes locais, que son cada vez máis conscientes da riqueza da cultura indo-portuguesa. O número de estudantes da lingua portuguesa tamén se incrementou grazas a iniciativas como a Fundación Oriente e o Instituto Camões.
Fonte: Notícias ao Minuto
A CPLP organiza en Berlín unha feira de libros escritos en lingua portuguesa
A Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP) organiza en Berlín unha feira do libro con máis de 400 títulos de autores de lingua portuguesa e as súas respectivas traducións ao alemán.
Fonte: TSF Rádio Notícias
A obra completa de Clarice Lispector será publicada en Portugal no 2025
A editorial Companhia das Letras anunciou que a obra completa de Clarice Lispector, considerada unha das máis importantes figuras da literatura lusófona contemporánea, vai ser publicada a partir do próximo ano 2025 en Portugal.
Fonte: Notícias ao Minuto
Unha película brasileira é candidata ao Globo de Ouro como mellor filme en lingua estranxeira
A longametraxe brasileira Ainda estou aquí foi anunciada como unha das nomeadas ao Globo de Ouro na categoría de mellor película en lingua estranxeira. A cerimonia de entrega dos premios terá lugar o 5 de xaneiro en California.
Fonte: Notícias ao Minuto
O Departamento de Portugués da Universidade Central de Venezuela fai 30 anos
A Universidade Central de Venezuela está a celebrar o 30 aniversario do Departamento de Portugués que foi creado en 1994 grazas a un protocolo de cooperación entre esta institución académica e o Instituto Camões.
Fonte: RTP Notícias
Bota a andar o Festival de Cinema da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa en Timor Leste
A cidade de Dili, en Timor Leste, acolle a celebración do Festival de Cinema da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP). Un dos obxectivos é difundir o cinema en lingua portuguesa no país asiático.
Fonte: Sapo
O primeiro ministro de Portugal despídese do Brasil coa promesa de valorizar a lingua portuguesa
O primeiro ministro de Portugal, Luís Montenegro, terminou a súa primeira viaxe oficial ao Brasil cunha visita ao Museo da Lingua Portuguesa de São Paulo, onde fixo a promesa de valorizar a lingua portuguesa.
Fonte: Observador
A Xunta pon en valor a importancia dos vínculos coa lusofonía na presentación do festival ‘aRi(T)mar’

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na rolda de prensa na que se anunciaron os detalles da Gala aRi(T)mar de música e poesía galego-portuguesas que, coa colaboración da Xunta, reunirá o vindeiro venres 22 de novembro no Auditorio de Galicia os galardoados e galardoadas nesta novena edición.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
Boletín
Subscríbase ao boletín