Aragón

Convócase unha nova edición do Premio IX Premio Espiello Agora x l'aragonés

Este galardón, convocado pola Dirección Xeral de Patrimonio de Aragón e a Comarca de Sobrarbe, procura impulsar a creación audiovisual nesta lingua e difundir o seu valor patrimonial. O certame inclúe unha categoría xeral, dotada con 900 euros, e outra escolar, cunha experiencia educativa valorada en 500 euros, para recoñecer obras realizadas en 2025 en aragonés, xa sexan gravadas, dobradas ou subtituladas.

Fonte: El Diario

Aragón

O Concello de Fonz e a Academia Aragonesa da Lingua asinan un convenio para a promoción das linguas e modalidades lingüísticas de Aragón

Ambas as entidades acordan colaborar para promover e protexer o aragonés, nomeadamente a súa variedade ribagorzá, mediante accións culturais, formativas e editoriais. O convenio prevé asesoramento lingüístico, revisión e tradución de textos, así como a posibilidade de organizar actividades conxuntas en distintos espazos municipais. O acordo terá vixencia de catro anos e contará cunha comisión mixta de seguimento integrada por representantes municipais e da Academia.

Fonte: Cinca Medio

Aragón

Lanzan o primeiro dicionario dixital multilingüe do aragonés

O Estudo de Filoloxía Aragonesa lanza DicAra, un dicionario dixital que ofrece unha visión completa do léxico aragonés, con equivalencias en castelán, catalán e inglés. Este proxecto, que inclúe 90 000 entradas lematizadas e máis de 130 000 variantes dialectais, destaca pola súa exhaustividade e facilita o acceso a unha lingua histórica, incorporando funcións avanzadas de busca. DicAra, que se basea no Diccionario aragonés-castellano-catalán lanzado en 2022, representa un fito na preservación do aragonés e ofrece información detallada, como etimoloxías e exemplos de uso.

Fonte: 24 H Aragón

Aragón

A Academia Aragonesa da Lingua lanza o primeiro volume da súa nova revista

A Academia Aragonesa da Lingua presentou o primeiro volume da súa nova revista científica, Revista de l'Academia Aragonesa de la Lengua (RAAL), que ten como obxectivo fomentar a investigación e debate sobre o aragonés e o catalán en Aragón, así como difundir e dignificar estas linguas. Esta publicación de acceso aberto recolle estudos de especialistas en áreas como sociolingüística, lexicografía, paremioloxía e dialectoloxía e estará dispoñible na web da institución.

Fonte: AraInfo

Aragón

Preséntase o primeiro curso de iniciación á lingua aragonesa

A Deputación de Zaragoza organiza, xunto con Rolde de Estudios Aragoneses, o primeiro curso en liña de iniciación á lingua aragonesa, «Aragonés. Lengua románica, lengua viva», con 30 horas lectivas e posible recoñecemento de créditos pola Universidade de Zaragoza. A iniciativa busca dar a coñecer a historia, características e situación actual do aragonés, unha lingua románica en perigo pero viva, e reforzar a súa difusión e valoración no ámbito educativo e cultural.

Fonte: Diputación de Zaragoza

Aragón

Un documental sobre a preservación do belsetán, unha variedade do aragonés, gaña un premio no Festival Internacional de Cine Villa de Ledesma

O documental 21000 Palabras (Un capezuto e dos collons), dirixido por Maxi Campo, iniciou a súa andaina internacional coa obtención do Premio a Mellor Longametraxe Documental no Festival Internacional de Cine Villa de Ledesma (Salamanca). Este galardón recoñece a súa achega á memoria e á identidade, centrado na preservación do belsetán, unha das variantes máis puras do aragonés. A película segue a Ánchel Loís Saludas, un pastor que leva máis de 47 anos recompilando e protexendo esta lingua.

Fonte: Aragón Cultura 

Aragón

A Deputación de Zaragoza convoca un premio de literatura en aragonés

A Deputación de Zaragoza convoca a primeira edición do Premio Santa Isabel de literatura en aragonés, dotado con 5000 euros e a publicación da obra gañadora. Poderán participar maiores de idade nacidos ou empadroados en Aragón, cun máximo de dúas propostas inéditas en narrativa, cómic, poesía, teatro ou ensaio. O galardón, o de maior contía económica nesta lingua, pretende visibilizar e revalorizar a creación literaria en aragonés e reforzar o compromiso institucional coa súa preservación e difusión.

Fonte: Diputación de Zaragoza

Aragón

O campus de Huesca imparte as únicas titulacións universitarias centradas na lingua aragonesa

O aragonés, considerado unha das linguas máis ameazadas de Europa, segue presente no norte de Aragón. A Universidade de Zaragoza converteu o campus de Huesca no referente da súa promoción, con titulacións específicas como o Diploma en Filoloxía Aragonesa, que combina formación teórica e práctica e alcanza a súa 15ª edición. Ademais, o alumnado de Maxisterio pode especializarse neste idioma mediante mencións en Educación Infantil e Primaria, e tamén se ofrecen materias complementarias abertas a outros graos.

Fonte: El Diario

Aragón

Lanzan a primeira axenda escolar en aragonés

A creadora de contido Silvia Cebolla lanza unha axenda escolar en aragonés para o curso 2025-2026, cun deseño coidado e ilustracións que homenaxean a cultura aragonesa. Inclúe frases semanais nesta lingua e un calendario con festas tradicionais, co obxectivo de achegar o aragonés ao día a día do alumnado e da cidadanía.

Fonte: Aragón Digital

Aragón

Persoal investigador da Universidade de Zaragoza adestra modelos de intelixencia artificial en lingua aragonesa

O investigador Miguel López Otal desenvolve un proxecto na Universidade de Zaragoza para adestrar intelixencia artificial en lingua aragonesa, cun dobre obxectivo: preservar este idioma en perigo e modernizalo mediante a súa presenza no ámbito dixital. A escaseza de textos dificulta o proceso, mais o equipo procura adaptar modelos en castelán ao aragonés e lograr así ferramentas útiles para a súa transmisión.

Fonte: El Diario

Aragón

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder