Aragón
O Goberno de Aragón asinará convenios de colaboración con varias organizacións para fomentar as linguas propias da comunidade
O Goberno de Aragón asinará oito convenios de colaboración con diferentes entidades para impulsar proxectos de fomento das linguas propias da comunidade, que se suman aos acordos xa existentes con entidades locais e asociacións.
Fonte: Diario del Alto Aragón
Un proxecto tenta recuperar vocabulario típico dos hortos en Aragón

O Concello de La Almunia, en colaboración co Goberno de Aragón, puxo en marcha a iniciativa 'Plantero de parolas de l'ortal' para a que se creou un blog (planterodeparolas.com) que servirá para recompilar e amosar palabras tradicionais relativas aos hortos, como traballos, produtos ou ferramentas.
Fonte: La Vanguardia
O Goberno aragonés crea unha web e unha guía didáctica dedicadas ás linguas que se falan en Aragón

O Goberno de Aragón puxo en marcha 'Aragón 3L Nuestras Lenguas', un proxecto que ten como obxectivo achegar a cultura e a diversidade lingüística desta comunidade aos centros educativos e, en xeral, a toda a sociedade. A través dunha web, acompañada dunha guía didáctica, fomentarase o coñecemento e o uso das linguas que se falan en Aragón (aragonés, catalán e castelán) e ofrecerase información sobre outros idiomas do mundo.
Fonte: La Vanguardia
O Goberno de Aragón convoca varios premios para a difusión do aragonés e o catalán
O Goberno de Aragón convoca tres galardóns: o Arnal Cavero, que premia unha obra de creación literaria en aragonés ou unha tradución a esta lingua; o Guillem Nicolau, que recoñece unha obra de creación literaria en catalán; e o Antonio Artero, que premia unha obra de creación de vídeo en aragonés.
Fonte: AraInfo
O Goberno de Aragón convoca unha liña de axudas para fomentar o aragonés e o catalán

A convocatoria de axudas en materia de política lingüística, que conta cun orzamento de 60 000 euros, está destinada a entidades locais e organizacións sen ánimo de lucro. Trátase de subvencións dirixidas á realización de actividades de fomento das linguas e modalidades lingüísticas de Aragón.
Fonte: Diario del Alto Aragón
Continúa o impulso do ensino do aragonés entre persoas adultas no Alto Gállego
O Alto Gállego subscribiu a renovación do convenio anual de colaboración coa Asociación Calibo de Sabiñánigo por un valor de 1500 euros. Este acordo ten como obxectivo impulsar actividades a prol da lingua aragonesa.
Fonte: Radio Huesca
Publícase a orde que regula a participación dos centros educativos aragoneses en proxectos lingüísticos
A Orde ECD/685/2020, de 21 de xullo, regula a participación en proxectos lingüísticos en linguas propias de Aragón (isto é, aragonés e catalán de Aragón) dos centros educativos públicos e privados concertados non universitarios desta comunidade autónoma.
Fonte: Iustel
O Goberno de Aragón asina convenios con sete comarcas para promover o aragonés e o catalán
O Goberno de Aragón destinará 5000 euros a cada unha das sete comarcas coas que vai asinar acordos de colaboración para o fomento da lingua aragonesa e as súas variedades dialectais, así como do catalán que se fala nesta comunidade.
Fonte: El Periódico de Aragón
Dous estudos inéditos avanzan na investigación académica da lingua aragonesa
Dous estudos engaden información sobre a lingua aragonesa á bibliografía existente. Un deles recopila vocabulario recente sobre a zona de Huesca e o outro recupera un documento filolóxico do século XVIII descuberto na Biblioteca Nacional de España.
Fonte: Aragón Cultura
Solicitan a emisión de contidos en aragonés no centro territorial de RTVE
Dende a Chunta Aragonesista pídenlle á administradora provisional única da Corporación RTVE o deseño de contidos específicos en lingua aragonesa para emitir en Aragón a través do Centro Territorial.
Fonte: La Vanguardia
Boletín
Subscríbase ao boletín