Cataluña
O Instituto de Estudos Cataláns incorpora ao seu dicionario 21 novas palabras
As novidades do ano 2022 do Diccionari de la llengua catalana (DIEC) supoñen a incorporación de 21 palabras novas, como trans, feminicidi ou negacionisme, así como 70 locucións e varias modificacións.
Fonte: Nius
Un total de 63 modelos de coche xa dispón de manual de uso en catalán

Sete marcas da industria automobilística (Cupra, Ford, Lexus, Mazda, Seat, Tesla e Toyota) publicaron en catalán os manuais de instrucións dos seus vehículos grazas ao contacto da Secretaría de Política Lingüística cos principais fabricantes para incrementar o uso desta lingua nos seus produtos e servizos.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Unha nova web ensinará gramática en función do nivel de coñecementos de catalán

O Consorcio para a Normalización Lingüística (CPNL) inclúe unha nova sección na web sobre gramática do catalán na que se estruturan os contidos segundo os niveis de aprendizaxe do alumnado, desde o nivel básico ata o superior.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Preséntase SAGA, un novo salón de videoxogos en catalán

O gaming catalán chega por vez primeira aos circuítos oficiais das competicións de videoxogos electrónicos cun novo salón, SAGA, impulsado por Plataforma per la Llengua e o apoio da Generalitat de Catalunya.
Fonte: La Vanguardia
Òmnium Cultural organiza unha nova campaña para impulsar o uso do catalán
Coa campaña «Treu la llengua, compartim el català!» búscase apelar ao orgullo da cidadanía para que utilice sen complexos o catalán co obxectivo de impulsar o seu uso, principalmente entre a mocidade.
Fonte: El Periódico
Increméntase o número de persoas que obteñen o certificado de nivel C2 de catalán
Case oito de cada dez persoas que se presentaron aos exames para obter o certificado C2 de catalán aprobaron, 6,5 puntos máis que no ano 2021. Previamente xa se incrementaran as inscricións, que se multiplicaron por tres, así como a proporción de presentados.
Fonte: El Periódico
O Concello de Barcelona impulsa unha serie de medidas para fomentar o uso do catalán na cidade

Ante a diminución do uso do catalán que constatan varios estudos, principalmente, entre a xente nova, o goberno local presentou unha serie de propostas para impulsar o uso desta lingua na cidade, distribuídas por ámbitos: ensino; mocidade, lecer e deporte; cultura, ciencia e universidades; empresa, comercio e turismo; sanidade, acollida e arraigo; e Administración.
Fonte: Ajuntament de Barcelona
O fomento do catalán na educación e na investigación sitúase como unha das principais demandas dos participantes no Pacto Nacional pola Lingua
O proceso participativo do Pacto Nacional pola Lingua recibiu case 2600 propostas para mellorar a situación do catalán, que se distribuíron en doce ámbitos sociais. As melloras no ámbito da educación e a investigación foron as máis demandadas, seguidas polas Administracións públicas e o sector audiovisual.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Segundo unha enquisa, seis de cada dez estudantes do Val de Arán teñen o castelán como lingua de identificación
A enquisa, realizada no único instituto de secundaria do Val de Arán, revela que o 61 % do alumnado ten o castelán como lingua de identificación; o 18,8 %, o aranés; o 10 %, o catalán; e un 9 %, outros idiomas.
Fonte: Catalunya Press
Créase un programa de actividades para promover o catalán fóra das aulas en Reus
O Centro de Normalización Lingüística da Área de Reus Miquel Ventura (CNL) crea Xalem! para favorecer o uso do catalán en espazos de ocio, a través da organización de diferentes actividades culturais gratuítas dirixidas ás persoas que o están aprendendo. O programa levarase a cabo en varios puntos do territorio do CNL e contará, entre outros, con obradoiros de teatro e rap, espectáculos infantís e visitas ao exterior.
Fonte: Diari Més
Boletín
Subscríbase ao boletín