Cataluña
O Goberno de Cataluña pon en marcha unha nova campaña de fomento do catalán na que recupera o personaxe de Queta

O Goberno de Cataluña presentou a campaña de fomento do uso do catalán «Provem-ho en català. Molt per parlar, molt per viure» na que recupera a figura de Queta, empregada nunha campaña de 2005.
Fonte: El Periódico
Municipios da provincia de Xirona participan en la campaña «21 dies» para promover o uso do catalán

O Consorcio para a Normalización Lingüística (CPNL) de Xirona puxo en marcha a campaña «21 dies», unha iniciativa que consiste en falar de entrada en catalán con todo o mundo durante 21 días. O obxectivo é facer reflexionar os catalanfalantes sobre o cambio de lingua cando alguén lles fala en castelán.
Fonte: El País
Un estudo revela o texto máis antigo escrito integramente en catalán
Un catedrático e unha investigadora da Universidade Autónoma de Barcelona afirman que se trata do texto “Llibre dels jutges” do século XI, que foi copiado do latín entre os anos 1060 e 1080. Despois da súa investigación durante os últimos anos en arquivos de España, Francia, Italia e do Vaticano, tamén aseguran que a formación da lingua catalá se sitúa no século IV.
Fonte: La Vanguardia
O Concello de Barcelona pon en marcha un plan para promover o uso do catalán en todos os ámbitos

O plan, deseñado para os próximos catro anos cun orzamento de 24 216 100 €, consiste nun conxunto de 68 accións para fomentar o uso do catalán, restablecer os vínculos emocionais coa lingua e xerar motivación para que se utilice como lingua habitual. Algunhas das actuacións previstas son a creación da oficina da lingua catalá ou do Día da Lingua en Barcelona.
Fonte: Ajuntament de Barcelona
O Departamento de Cultura da Generalitat de Cataluña abre a liña de axudas para a tradución ao catalán de obras non literarias
O obxectivo desta liña de subvencións é promover a oferta en catalán de obras non literarias escritas orixinalmente noutras linguas. As empresas editoriais interesadas poden presentar as súas solicitudes ata o 30 de outubro.
Fonte: Generalitat de Catalunya
A Generalitat de Cataluña abre unha convocatoria de axudas para o fomento da lingua de signos catalá

O Departamento de Cultura busca promover iniciativas que fomenten o coñecemento e a difusión da lingua de signos catalá con proxectos de creación e divulgación cultural e lingüística, a través de subvencións destinadas a entidades privadas sen ánimo de lucro e a persoas físicas con sede e domiciliadas en Cataluña ou a empresas dun Estado membro da UE ou asociado ao Espazo Económico Europeo.
Fonte: Generalitat de Catalunya
A Generalitat de Cataluña destina 3,9 millóns de euros á dobraxe e ao subtitulado en catalán
O Departamento de Cultura abre a liña de axudas a empresas distribuidoras e a estudos de dobraxe para aumentar a oferta de contidos audiovisuais dobrados e subtitulados en catalán nas plataformas de vídeo, en Blu-ray e DVD. As solicitudes para dobrar e subtitular longametraxes e series nesta lingua poden presentarse ata o 30 de outubro.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Ponse en marcha un plan de fomento do catalán no sector das autoescolas
O Goberno de Cataluña asina un convenio coa Federación de Autoescolas de Cataluña para impulsar un plan de fomento do catalán no sector das autoescolas en coordinación e colaboración co sector. O Servizo Catalán de Tráfico ofrecerá tests en liña en catalán para o alumnado e materiais para a formación do profesorado. Tamén se difundirá a opción de estudar e obter o pemiso de conducir nesta lingua.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Persoal investigador da Universidade Rovira i Virgili crea un modelo lingüístico para avaliar os sentimentos nas mensaxes das redes sociais
O Departamento de Filoloxías Románicas da URV crea un modelo lingüístico para avaliar os sentimentos subxacentes das mensaxes que se escriben nas redes sociais baseándose no estudo da linguaxe avaliativa. Ao captar a valoración que existe detrás das expresións empregadas, a investigación permite identificar a actitude dunha persoa con respecto a un tema e o seu estado emocional ou o efecto que pretende causar no lector, o que pode ter múltiples aplicacións en ámbitos como a minaría de datos, ferramentas de autoaprendizaxe de linguas ou en detectores automáticos de autoría.
Fonte: La Vanguardia
As actuacións en catalán por parte dos avogados de oficio aumentan un 43 %
Segundo cifras do Departamento de Xustiza, o uso do catalán nas actuacións dos avogados da quenda de oficio e asistencia ao detido creceu un 43 % ao longo de 2022, cun total de 10 726 actuacións con respecto ás 7483 feitas no ano 2021, cando se reiniciou o plan de fomento da lingua catalá no ámbito da xustiza.
Fonte: La Vanguardia
Boletín
Subscríbase ao boletín