Cataluña
Publícase a cuarta temporada da serie “Màgia per conversar” con trucos para conversar en catalán

A Secretaría de Política Lingüística de Cataluña suma oito vídeos novos a esta serie, protagonizados polo mago Eduard Juanola, que propón temas de interese para iniciar conversas en catalán, como os grandes inventos da humanidade. Os vídeos van dirixidos a parellas lingüísticas do Voluntariado pola Lingua, ao alumnado do Consorcio para a Normalización Lingüística (CPNL) e a todos os aprendices desta lingua.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Case 7000 persoas están inscritas no exame para obter o certificado C2 de catalán
Preto de 7000 persoas inscribíronse para a obtención do certificado oficial de catalán C2, a cifra máis elevada alcanzada para este nivel, xa que se conseguiu un incremento do 192,38 % con respecto ao ano 2021.
Fonte: Generalitat de Catalunya
O Parlamento catalán apraza o debate sobre a reforma da Lei de política lingüística
A modificación da Lei de política lingüística, que busca equilibrar a presenza do catalán e o castelán no sistema educativo, volveuse aprazar debido ao debate interno polos cambios propostos.
Fonte: El País
A maioría da poboación catalá prefire a dobraxe de películas ou series

Unha enquisa do Centro de Estudos de Opinión mostra que, entre a dobraxe ao catalán ou ao castelán e o subtitulado en catalán ou castelán, un 62 % da poboación de Cataluña prefire a dobraxe de películas ou series.
Fonte: La Vanguardia
Preséntase Compendium.cat, un portal de referencia de linguaxe xurídica catalá

Compendium.cat, o novo portal xurídico catalán, é unha ferramenta gratuíta e fácil de usar. Pretende contribuír á normalización do uso da lingua catalá no ámbito da xustiza e converterse en referente da linguaxe xurídica.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Un vídeo mostra o éxito de catro empresas que fan negocio en catalán

A Fundación Vincle gravou un vídeo no que representantes de catro empresa de éxito explican a rendibilidade de facer negocios en catalán, con argumentos baseados na súa experiencia profesional.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Barcelona acolle unha manifestación a prol da inmersión en catalán nas escolas
A manifestación, convocada por parte da comunidade educativa, tiña como obxectivo rexeitar o cambio da lei de política lingüística e esixir que se blinde a inmersión en catalán nas escolas.
Fonte: Público
A reforma da Lei de política lingüística de Cataluña recoñece o castelán como lingua vehicular no sistema educativo

Rexistrouse no Parlamento unha proposición non de lei para modificar a Lei de política lingüística, de maneira que se admite o castelán como lingua vehicular, xunto co catalán, no ensino e que ambas estean presentes no currículo e nos proxectos lingüísticos dos centros educativos.
Fonte: La Vanguardia
Segundo un estudo, o catalán úsase no 60 % da xornada escolar
Segundo a enquisa realizada polo Síndic de Greuges entre máis de 50 000 estudantes de primaria e secundaria de máis de 1500 centros, o emprego do catalán nas aulas sitúase arredor do 60 %, mentres que o do castelán rolda o 33 %.
Fonte: La Vanguardia
Lanzan unha campaña para sensibilizar sobre o papel dos docentes cataláns como referentes lingüísticos
Plataforma per la Llengua e varios sindicatos poñen en marcha a segunda fase da campaña «Tots som referents lingüístics. No t'excusis!» que inclúe a publicación dunha guía con consellos para os docentes e a difusión nas redes sociais de vídeos humorísticos.
Fonte: Alerta
Boletín
Subscríbase ao boletín