Cataluña
A Generalitat de Cataluña publica un documento sobre o desenvolvemento do catalán nos asistentes virtuais con voz
O documento El desenvolupament de la llengua catalana en l’entorn dels assistents virtuals amb veu amosa a importancia que teñen os asistentes de voz para o catalán e para toda a sociedade e propón estratexias para avanzar neste ámbito.
Fonte: Generalitat de Catalunya
A Dirección Xeral de Política Lingüística de Cataluña ofrece servizos en liña para aprender e practicar catalán

A cidadanía poderá acceder, de xeito telemático, a diferentes recursos para aprender, practicar e promover o catalán, como cursos en liña, voluntariado lingüístico, servizo para atención de dúbidas lingüísticas etc.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Os editores de revistas en catalán ofrecen acceso gratuíto en liña ao seu quiosco

Os editores de revistas en catalán permitirán acceder de xeito gratuíto durante un mes ao seu quiosco virtual. En total, todas as persoas que o desexen poderán consultar de balde as 77 revistas dispoñibles de diferentes temáticas nesta lingua.
Fonte: La Vanguardia
O comercio de Reus valora o dominio de idiomas para a contratación de persoal

O comercio local de Reus valora moito para a contratación de persoal que os profesionais saiban inglés e francés. Malia supoñer un valor engadido, non é imprescindible, senón que serve para descartar perfís cando se fai un proceso de selección.
Fonte: Diari de Tarragona
A Xarxa Vives financiará a publicación de traballos científicos en catalán
A Xarxa Vives de universidades financiará a publicación de traballos científicos en catalán mediante un programa de axudas. O obxectivo da iniciativa é prestixiar esta lingua e fomentar o seu uso na difusión do coñecemento.
Fonte: La Vanguardia
A UGT de Cataluña presenta unha campaña para demandar a oficialidade do catalán na Unión Europea

A campaña "El dia a dia, en català", que conta co apoio da Dirección Xeral de Política Lingüística, ten como obxectivo demandar a oficialidade do catalán na Unión Europea.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Os gardas civís destinados en Cataluña terán que estudar catalán

Por primeira vez inclúese nos cursos de acceso de primeiro destino o estudo do catalán para axentes da Garda Civil destinados a Cataluña. Esta medida afectará a 176 membros do corpo que se van incorporar ao seu novo posto en Barcelona, Xirona, Lleida e Tarragona.
Fonte: Cadena SER
Un estudo analizará os usos lingüísticos no sistema sanitario público de Cataluña

O estudo, denominado Estudi-ULAS, diríxese ao persoal médico e de enfermería que traballa en centros públicos de Cataluña e ten como obxectivo coñecer as súas necesidades lingüísticas para así ofrecerlle os recursos e servizos que sirvan para fomentar o uso do catalán e mellorar deste xeito a atención aos usuarios.
Fonte: La Vanguardia
A Generalitat de Cataluña impulsa a presenza do catalán en videoxogos e aplicacións

Co obxectivo de fomentar a presenza do catalán nas novas tecnoloxías, especialmente as relacionadas co entretemento da xente nova, o Departamento de Cultura convoca unha liña de axudas, cunha dotación de 100 000 euros, dirixida ás empresas que incorporen esta lingua nos seus produtos dixitais.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Demandan o fomento dos contidos en catalán nas plataformas de vídeo baixo demanda

O Consello do Audiovisual de Cataluña reclama que a transposición da nova directiva de servizos de comunicación audiovisual impulse a presenza de contidos en catalán nos catálogos das plataformas de vídeo baixo demanda como Netflix.
Fonte: La Vanguardia
Boletín
Subscríbase ao boletín