Cataluña
O Diario Oficial da Generalitat de Cataluña publica o primeiro censo de entidades de fomento do occitano
O pasado mes de xuño creouse o primeiro Censo de entidades de fomento do occitano, que acaba de publicarse. As entidades incluídas nel equipáranse así ás que promoven o catalán, o que supón un impulso para a lingua occitana, oficial en Cataluña como recolle o Estatuto e a Lei 35/2010.
Fonte: Generalitat de Catalunya
A Generalitat de Cataluña destina 550 000 euros a 82 proxectos que fomentan o catalán
O Departamento de Cultura da Generalitat vai destinar un total 550 000 euros a 82 proxectos realizados por 68 entidades que fomentan o catalán en ámbitos como o lecer, a acollida ou as relacións profesionais.
Fonte: La Vanguardia
Sete de cada dez usuarios de programas de mensaxería móbil en Cataluña utilizan o catalán

Segundo a enquisa territorial TIC nos fogares, un 72 % das persoas usuarias de mensaxería móbil emprega o catalán, unha porcentaxe que se eleva ata case o 83 % no caso da xente nova de 16 a 24 anos. Tamén se incrementa canto maior é o nivel de estudos, pois a utilización desta lingua supera o 90 % no caso de licenciadas/os e diplomadas/os.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Ponse en marcha un novo medio dixital especializado en lingua catalá

Diari de la llengua. El diari del català é un novo medio dixital, dirixido polo xornalista Raül G. Aranzueque, dedicado á lingua catalá, que ofrece reportaxes sobre temas relacionados tanto co catalán como con outras linguas, así como entrevistas a persoas relevantes neste ámbito.
Fonte: Generalitat de Catalunya
TV3 e Catalunya Radio integraran contidos en catalán ao servizo de voz Alexa de Amazon
TV3 e Catalunya Radio van converterse nos primeiros medios en ofrecer contidos en catalán no servizo de voz Alexa de Amazon, que estará dispoñible, entre outros, no último boletín de Catalunya Información e os titulares do Telexornal noite.
Fonte: El Nacional
A Generalitat de Cataluña estuda revisar o modelo de inmersión lingüística no ámbito educativo

A Generalitat vai revisar por primeira vez o seu modelo de inmersión lingüística nas aulas, un sistema que leva funcionando en Cataluña desde hai 30 anos e que prioriza o catalán como lingua habitual nas clases. Agora, o Goberno estuda intervir para reforzar con máis horas de castelán para o alumnado de contornos catalanfalantes.
Fonte: El País
O FC Barcelona e o Instituto Ramon Llull renovan o acordo para a realización de actividades de proxección exterior do catalán

O FC Barcelona e o Instituto Ramon Llull renovaron ata 2020 o acordo de colaboración que manteñen desde o ano 2012 para a realización conxunta de actividades destinadas á proxección exterior da lingua e a cultura catalás nas universidades estranxeiras.
Fonte: La Vanguardia
A Dirección Xeral de Política Lingüística de Cataluña fomenta o catalán no ámbito dixital

As novas tecnoloxías son unha oportunidade para difundir o catalán. Por este motivo, a Dirección Xeral de Política Lingüística convoca anualmente unha liña de axudas para incorporar esta lingua en apps e videoxogos.
Fonte: Generalitat de Catalunya
O avogado Carles Mundó recibe un premio pola súa defensa do catalán no ámbito xurídico
O avogado e ex-conselleiro Carles Mundó recibirá de mans do Consello da Avogacía Catalá o Premio Agustí Juandó i Royo, un galardón que recoñece o labor de entidades ou persoas a prol do uso do catalán no ámbito xurídico.
Fonte: La Vanguardia
Celébrase en Barcelona a primeira festa da lingua catalá

O Instituto de Estudos Cataláns celebra o 19 de outubro en Barcelona a primeira Fes-te de la Llengua, coa finalidade de mostrar o carácter expresivo e lúdico do catalán. Esta primeira edición estará dedicada ao colectivo do profesorado que imparte esta lingua, así como aos estudantes de Filoloxía Catalá.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Boletín
Subscríbase ao boletín