Illas Baleares
O Parlamento balear reclama respecto á toponimia en catalán nos aeroportos
O Parlamento das Illas Baleares aprobou unha proposición para instar a AENA a respectar a toponimia en catalán nos aeroportos do arquipélago. O texto reclama que as denominacións oficiais reflictan as formas propias en todas as comunicacións e informacións aeroportuarias. Denúnciase que actualmente os nomes dos destinos aparecen só en castelán, incluso en territorios de fala catalá.
Fonte: Diari de la Llengua
O uso do catalán alcanza o 60 % na conversas diarias da mocidade de Pollença
Un estudo sobre os usos lingüísticos da mocidade en Pollença conclúe que o catalán segue sendo a lingua predominante entre este colectivo, aínda que con diferenzas segundo o contexto. Nos adestramentos deportivos, por exemplo, hai variacións segundo o deporte, a idade e o xénero, pois son as rapazas quen máis utilizan a lingua. A análise baséase en 4442 interaccións en espazos educativos e deportivos.
Fonte: Última Hora
Publícase o dicionario académico da Universidade das Illas Baleares
A Universidade das Illas Baleares (UIB) publicou o seu dicionario académico en liña, que inclúe 404 termos en catalán acompañados das súas equivalencias en castelán e inglés, para unificar un modelo lingüístico na institución. Este recurso recolle vocabulario específico de xestión universitaria adaptado á UIB e está en constante actualización, integrada na colección de Dicionarios en Liña do TERMCAT.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Apenas o 20 % da mocidade balear escolle o catalán como lingua materna
A Primeira Enquisa da Xuventude en Baleares revela que só o 20,4 % da mocidade considera o catalán como lingua materna, fronte ao 47 % que opta polo castelán. Ademais, un número significativo de mozas e mozos elixe outros idiomas ou combinacións lingüísticas, unha situación máis frecuente que noutros territorios catalanófonos. O estudo, baseado en 2356 persoas de entre 15 e 34 anos, destaca que o uso do catalán diminúe a partir dos 20 anos e que se reduce ao 17,2 % entre os 30 e 34 anos.
Fonte: Última Hora
Ponse en marcha unha campaña para esixirlle á Administración de Xustiza que a cidadanía balear poida usar o catalán nos tribunais
As institucións e entidades adheridas á campaña «A xustiza, tamén en catalán» enviaron unha carta ao secretario de Estado de Xustiza denunciando as dificultades que existen nas Illas Baleares para exercer os dereitos lingüísticos no ámbito xudicial. Reclaman melloras nos sistemas informáticos para permitir a elaboración de documentos bilingües catalán-castelán e a elección do idioma nos procedementos e notificacións.
A Obra Cultural Balear solicítalle ao Goberno do arquipélago medidas de protección do catalán na zonas máis turísticas
A Obra Cultural Balear presentoulle ao Goberno das illas un plan con 50 medidas para reforzar a presenza do catalán en zonas turísticas onde case non se utiliza, como Calvià, Palma e Eivisa. O informe subliña a necesidade de fomentar o seu uso en establecementos de hostalería e reclama destinar un 5 % do Imposto do Turismo Sostible a proxectos de promoción desta lingua, co obxectivo de preservar a identidade cultural do arquipélago.
Fonte: Última Hora
As avaliacións ao alumnado de secundaria de Menorca mostran un empeoramento nas competencias lingüísticas en catalán
As probas de diagnóstico realizadas pola Consellería de Educación en maio revelan un preocupante descenso nas competencias lingüísticas do alumnado de segundo da ESO en Menorca, especialmente en catalán, xa que só o 66 % alcanzou os coñecementos mínimos, fronte ao 81 % en 2016-2017. A baixada tamén afecta o castelán, cunha redución de 7 puntos, atribuída a factores como a pandemia, o uso de pantallas e a nova lei educativa.
Fonte: Menorca
Palma acolle o encontro de profesionais da creación de contidos en catalán
A segunda edición de L’Aferrada, organizada pola Obra Cultural Balear, celébrase en Palma para reunir creadoras e creadores de contido en catalán, cunha programación ampliada respecto ao ano pasado. O evento incluirá charlas, debates e espazos de colaboración para impulsar a profesionalización no ámbito dixital e a presenza do catalán nas redes. Ademais, contará coa participación de plataformas e medios culturais de distintos territorios de fala catalá, co apoio de institucións culturais e medios de comunicación de diversas rexións.
Fonte: Diari de la Llengua
Mallorca acollerá tres seminarios para reforzar os discursos en defensa do catalán
A Plataforma per la Llengua organizará tres seminarios en Mallorca durante o 2024 para fortalecer os discursos en defensa do catalán. Abordarán a situación da lingua nos ámbitos da saúde, o turismo e a imposición lingüística, co foco no caso do catalán. Os seminarios celebraranse o 25 de outubro, 15 de novembro e 13 de decembro. A entidade reivindica o dereito á atención sanitaria en catalán e alerta sobre o impacto lingüístico do turismo.
Fonte: dBalears
O Concello de Manacor organiza un curso para ensinar catalán a través de técnicas teatrais
O curso ‘Llengua divertida’, organizado polo Servizo Lingüístico de Manacor, regresa cunha nova edición para ensinar catalán mediante técnicas teatrais. Dirixido a maiores de 16 anos, o obradoiro ten como obxectivo axudar tanto a quen sente vergonza de falar catalán como a falantes desta lingua que desexen mellorar a súa expresión oral. O taller, que terá lugar entre o 16 de novembro e o 15 de decembro, busca fomentar a confianza e a cohesión social a través da práctica lingüística e cultural.
Fonte: Manacor Noticias
Boletín
Subscríbase ao boletín