Illas Baleares
Oito de cada dez familias elixen o catalán como lingua inicial de ensino en Educación Infantil nas Illas Baleares

Un 80,52 % das familias das illas Baleares que matriculan os seus fillos e fillas en 4º de Educación Infantil escolleu o catalán como lingua inicial de ensino, fronte ao 19,48 % que optou polo castelán. Menorca destaca cun 91,65 % de elección a prol do catalán, seguida de Mallorca e, en menor medida, Eivisa e Formentera.
Fonte: Diari de la Llengua
Unha moción demanda que a nova canle de RTVE en catalán poida retransmitirse nas Illas Baleares
A asociación Plataforma pola Lingua iniciou unha moción para que a nova canle da RTVE en catalán poida emitirse tamén nas Illas Baleares. A entidade denuncia que limitar esta oferta só a Cataluña vulneraría os dereitos dos falantes e constituiría un menosprezo para a unidade da lingua.
Fonte: dBalears
Póñense en marcha nas Baleares campañas para informar as familias dos beneficios da escolarización en catalán

A Obra Cultural Balear (OCB) e a Asemblea de Docentes puxeron en marcha campañas para promover a elección do catalán como lingua de ensino nas Illas Baleares, coincidindo co proceso de matriculación para o curso 2025-2026. Co lema “Tria catalán” quérese salientar a importancia de comezar o proceso educativo na lingua propia do país, destacando os beneficios para a cohesión social e a igualdade de oportunidades. As campañas inclúen material informativo dirixido ás familias para sensibilizalas sobre os efectos positivos da educación en catalán.
Fonte: Diari de la Llengua
O 75 % da poboación de Menorca móstrase preocupada pola situación do catalán
En total, tres de cada catro residentes amosan preocupación polo retroceso do uso social do catalán, o que sitúa a Menorca como a illa das Baleares con maior desasosego respecto á súa lingua. Aínda que o catalán segue sendo a lingua maioritaria en Menorca, tanto no ámbito familiar como noutros espazos sociais, persiste a inquietude polo seu futuro.
Fonte: Menorca
Ponse en marcha unha campaña nas Baleares que anima manter o catalán nas conversas diarias

A Obra Cultural Balear impulsa a campaña «No excloguis ningú. Comparteix el català» co fin de promover o uso habitual da lingua catalá en contextos cotiáns e combater a tendencia a mudar automaticamente ao castelán. A iniciativa, que decorrerá ata o 15 de xuño, difundirase a través de contidos audiovisuais e redes sociais para sensibilizar sobre os prexuízos lingüísticos e fomentar unha inclusión real a través da continuidade do catalán.
Fonte: Última Hora
O Goberno balear convoca axudas para o fomento do catalán
A Consellería de Fondos Europeos, Universidade e Cultura anunciou a convocatoria de axudas por valor de 225 000 euros para promover o uso do catalán. Estas axudas estarán dirixidas a concellos, persoas físicas e entidades sen ánimo de lucro que desenvolvan actividades que fomenten o uso desta lingua entre novembro de 2020 e outubro de 2021. O prazo para presentar solicitudes remata o 23 de xullo, e as iniciativas inclúen voluntariado lingüístico, formación, ocio e sensibilización.
Fonte: Mallorca Diario
A Universidade das Illas Baleares ofrece unha materia de catalán xurídico
A Facultade de Dereito da Universidade das Illas Baleares incorporou unha materia de catalán xurídico co fin de reforzar o uso desta lingua no ámbito legal. A iniciativa, enmarcada na campaña «La justícia, també en català», busca formar profesionais capaces de redactar textos xurídicos con precisión e dominio terminolóxico e pretende mellorar as competencias comunicativas do estudantado, así como promover a normalización lingüística na xustiza.
Fonte: Diari de la Llengua
Preséntase Saladina, unha publicación didáctica coas variedades dialectais das Illas Baleares
O Instituto de Estudos Baleáricos presentou Saladina, unha adaptación do manual A punt orientada ao ensino do catalán con atención ás variantes dialectais propias das Illas Baleares. Este novo material, dirixido a persoas adultas e elaborado cun enfoque comunicativo, afástase do modelo tradicional centrado na gramática. Inclúe contidos culturais e sociais actuais, con voces de todas as illas, e busca ofrecer unha aprendizaxe viva e contextualizada da lingua catalá.
Fonte: Nou Diari
Retómase a iniciativa «La llengua camina» para crear espazos de socialización para a práctica do catalán
O Instituto de Estudos Baleáricos retoma en marzo «La llengua camina», unha iniciativa que promove o uso do catalán a través de excursións. O obxectivo é crear espazos de socialización onde falantes desta lingua e persoas que queren practicala poidan interactuar. O programa, gratuíto, continuará ao longo do ano noutras illas, combinando práctica lingüística con coñecemento patrimonial e cultural.
Fonte: Última Hora
O Parlamento balear reclama respecto á toponimia en catalán nos aeroportos
O Parlamento das Illas Baleares aprobou unha proposición para instar a AENA a respectar a toponimia en catalán nos aeroportos do arquipélago. O texto reclama que as denominacións oficiais reflictan as formas propias en todas as comunicacións e informacións aeroportuarias. Denúnciase que actualmente os nomes dos destinos aparecen só en castelán, incluso en territorios de fala catalá.
Fonte: Diari de la Llengua
Boletín
Subscríbase ao boletín