País Vasco

O Goberno vasco convoca axudas para proxectos audiovisuais, con especial atención aos realizados en éuscaro

O Consello de Goberno aprobou unha convocatoria de subvencións por valor de 1.116.400 euros para apoiar o desenvolvemento de longametraxes, series e miniseries ata 2026, con especial atención aos proxectos en éuscaro. As axudas cubrirán gastos previos á produción, como guión, márketing, localizacións ou asesoramento xurídico. A contía máxima variará segundo o formato, xénero e lingua, e será maior para as producións en éuscaro.

Fonte: Gobierno Vasco

País Vasco

Medra o uso do éuscaro nas redes sociais entre a mocidade

O uso do éuscaro nas redes sociais entre a mocidade de 15 a 29 anos aumentou ata o 43,6 % en 2025, cunha maior presenza entre as mulleres. Guipúscoa lidera esta tendencia con máis da metade da mocidade empregando a lingua, mentres que Biscaia e Áraba tamén experimentan subas significativas. Os datos, recollidos polo Observatorio Vasco da Xuventude, revelan un avance sostido cara á normalización do éuscaro nos espazos dixitais.

Fonte: Gobierno Vasco

País Vasco

Amplíase a liña de subvencións ás empresas que posibiliten a realización de prácticas de Formación Profesional Dual en éuscaro

As Xuntas Xerais de Araba aprobaron unha moción para ampliar as axudas ás empresas que faciliten prácticas de FP Dual en éuscaro. A proposta busca garantir que o alumnado poida completar a súa formación nesta lingua tamén no ámbito laboral.

Fonte: Radio Llodio

País Vasco

Arranca unha nova edición de Euskaraldia para impulsar o uso do éuscaro

O 15 de maio deu comezo unha nova edición de Euskaraldia, coa participación de milleiros de persoas que buscan modificar os seus hábitos lingüísticos e reforzar o uso do éuscaro. Durante once días, as persoas participantes levarán unha chapa que identifica o seu rol para fomentar conversas inclusivas e naturais en éuscaro en espazos cotiáns.

Fonte: Radio Popular

País Vasco

Aumenta nun 17 % o número de persoas inscritas nos exames de acreditación de nivel de éuscaro de HABE

Un total de 17 712 persoas inscribíronse nas probas para certificar o seu nivel de éuscaro, o que supón un incremento sostido nos últimos anos. As políticas de gratuidade impulsadas polo Goberno vasco contribuíron a aumentar significativamente as matrículas nos niveis A1 e C1, especialmente entre a mocidade. Estes datos evidencian un interese social crecente pola aprendizaxe e o uso do éuscaro como ferramenta de integración, cultura e oportunidades laborais.

Fonte: Gobierno Vasco

País Vasco

O Festival de Cine Fantástico-FANT selecciona o proxecto gañador como mellor curtametraxe en éuscaro

O proxecto Éxodo, de Nitya López, recibiu a axuda do Festival FANT de Bilbao para a produción de curtametraxes en éuscaro, dotada con 5000 euros. Esta iniciativa, que celebra a súa segunda edición, reafirma o seu compromiso coa creación audiovisual nesta lingua no ámbito do cinema fantástico.

Fonte: Ayuntamiento de Bilbao

País Vasco

Preséntase un dicionario de remo en éuscaro

Hibaika Arraun Elkartea presentou un dicionario bilingüe (éuscaro-castelán) de remo co obxectivo de promover o uso do éuscaro neste ámbito deportivo. A publicación distribuirase en centros educativos e bibliotecas de Errenteria e tamén terá versión dixital. Esta iniciativa procura un impacto positivo na mocidade e aproveitar o papel do deporte como canle de cohesión social e lingüística.

Fonte: Herri Bizia

País Vasco

Tafalla encherase en maio de actividades arredor do éuscaro

O Concello de Tafalla celebrará en maio o Día do Éuscaro cun amplo programa de actividades que se desenvolverán ao longo de todo o mes baixo o lema “Euskararen Udaberria” e que inclúen obradoiros culturais, literarios etc.

Fonte: Tafallako Udala

País Vasco

O Concello de Ermua convoca axudas para impulsar o uso do éuscaro

O Concello de Ermua abriu dúas liñas de axuda para fomentar o uso do éuscaro: unha destinada a proxectos promovidos por asociacións sen ánimo de lucro, cunha achega de 5000 euros, e outra para apoiar a presenza do éuscaro na paisaxe lingüística da vila, dotada con 4000 euros.

Fonte: Ayuntamiento de Ermua

País Vasco

O Concello de Amurrio organiza un programa lúdico e educativo para impulsar o éuscaro entre a mocidade

O Concello de Amurrio porá en marcha o programa «Oporretan ere Euskaraz» para fomentar o uso oral do éuscaro entre nenas e nenos de 5 a 12 anos durante o mes de xullo, combinando actividades educativas e lúdicas. A iniciativa busca crear espazos de lecer en éuscaro fóra do ámbito escolar.

Fonte: Radio Llodio

País Vasco

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder