País Vasco

O Concello de Irún celebra o Mes do Éuscaro

O Concello de Irún puxo en marcha o Mes do Éuscaro para fomentar o uso desta lingua cun programa que inclúe tres actividades: representacións teatrais para o alumnado no Centro Cultural Amaia, publicación dos seus traballos na revista Irunero e a celebración do Mintzodromo Gaztea no Espazo Palmera Montero.

Fonte: Ayuntamiento de Irún

País Vasco

Os concellos de Tolosaldea organizan unha campaña para poñer os apelidos en éuscaro

En Tolosaldea, os municipios e axentes sociais iniciaron a campaña ‘Abizenak ere euskaraz’ para cambiar a grafía dos apelidos ao éuscaro en documentos oficiais. A modificación, que require un proceso administrativo sinxelo, busca avanzar na normalización do idioma e fomentar o seu uso nas administracións.

Fonte: Tolosako Udala

País Vasco

A porcentaxe de estreas de cine en éuscaro só foi do 1,6 % en 2024

O colectivo Pantailak Euskaraz e o Observatorio de Dereitos Lingüísticos denuncian que só o 1,6 % das proxeccións cinematográficas de 2024 en Euskal Herria foron en éuscaro. Ante esta situación, reclámanlles ás institucións públicas a adopción de normativas que garantan a presenza do idioma nos cines e un incremento dos recursos para produción, dobraxe e subtitulación.

Fonte: EITB

País Vasco

As cooperativas de Fagor comprométense co éuscaro co seu apoio á iniciativa Euskaraldia

O Grupo Fagor e as súas cooperativas comprométense a participar na nova edición do Euskaraldia, que terá lugar do 15 ao 25 de maio, co obxectivo de reforzar os hábitos lingüísticos en éuscaro. Ademais de informar e visibilizar a iniciativa, buscarán medidas concretas para promover o uso do idioma no ámbito cooperativo.

Fonte: TuLankide

País Vasco

EITB e Euskaltzaindia asinan un convenio para colaborar na difusión do éuscaro e na preservación da súa riqueza dialectal

EITB e Euskaltzaindia asinaron un acordo de colaboración para o período 2025-2028 co obxectivo de promover a normalización do éuscaro nos medios, fortalecer o seu modelo estándar e preservar a diversidade dialectal. Entre as iniciativas, recollerase a produción lingüística de EITB no Corpus de Referencia do Éuscaro e a promoción do seu uso na intelixencia artificial. Ademais, impulsaranse accións formativas e proxectos enfocados na mocidade para garantir a transmisión do idioma mediante novas plataformas dixitais. Ambas as institucións destacan a colaboración como clave para a modernización e revitalización do éuscaro.

Fonte: EITB

País Vasco

O Concello de Donostia organiza unha nova edición do programa Parketarrak en 22 parques para xogar en éuscaro

O programa Parketarrak desenvolverase do 3 ao 21 de marzo en 22 parques de Donostia para promover o uso do éuscaro no lecer infantil. A iniciativa está dirixida á rapazada de 3 a 9 anos e estrutúrase en dous grupos segundo a idade. A través do xogo, reforzase a aprendizaxe da lingua e foméntase o seu uso en contornos sociais e familiares.

Fonte:  Donostiako Udala

País Vasco

Constitúese a comisión HAKOBA para tratar os desafíos futuros do éuscaro no sector público

Constitúese en Vitoria-Gasteiz a Comisión de Coordinación das Administracións Públicas (HAKOBA) co obxectivo de reforzar a colaboración entre as entidades públicas vascas na normalización lingüística. As súas funcións céntranse na coordinación institucional e na identificación de accións prioritarias neste ámbito. No encontro participan representantes do Goberno vasco, das deputacións forais, das tres capitais vascas, así como de EUDEL e UEMA.

Fonte: Gobierno Vasco

País Vasco

Ponse en marcha en Biscaia un programa para activar e organizar a persoas de distintos ámbitos arredor do uso do éuscaro

O programa Bizkaian Bagara, promovido pola Deputación Foral de Bizkaia e Taupa Euskaltzaleen Mugimendua, busca impulsar o uso do éuscaro mediante accións comunitarias en 30 municipios e 12 comarcas. Con iniciativas destinadas á mocidade, ás familias e á integración lingüística, pretende transformar hábitos e ampliar oportunidades para vivir en éuscaro. O obxectivo é chegar a 10.000 persoas nos próximos tres anos mediante 49 intervencións.

Fonte: Diputación Foral Bizkaia

País Vasco

O Goberno vasco impulsa Euskorpus, un proxecto que pon a IA e as tecnoloxías da linguaxe ao servizo do éuscaro

O Goberno vasco presentou Euskorpus, un proxecto estratéxico para fortalecer a presenza do éuscaro no ámbito dixital mediante a intelixencia artificial e as tecnoloxías da lingua. Cun orzamento inicial de 5,55 millóns de euros, a iniciativa busca desenvolver un corpus dixital que permita a integración do éuscaro en dispositivos e asistentes virtuais. A asociación Euskorpora liderará a súa execución en tres fases, que se centrarán na planificación, a compilación de recursos lingüísticos e a súa transferencia ao tecido industrial e social.

Fonte: Gobierno Vasco

País Vasco

Convócase a bolsa Xabier Lete á Creación Literaria en Éuscaro

Está aberta a convocatoria de 2025 da Bolsa Xabier Lete para a creación literaria en éuscaro, impulsada polo Goberno vasco e a Fundación BBVA. Dirixida a escritoras e escritores en proceso de consolidación, ofrece 70 000 euros para dedicarse durante un ano ao seu proxecto co obxectivo de fomentar o talento literario e a creación nesta lingua.

Fonte: Gobierno Vasco

País Vasco

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder