País Vasco
Apróbase o convenio para impartir clases de éuscaro ás persoas privadas de liberdade no País Vasco
O Consello de Goberno acordou prorrogar o convenio con HABE para garantir a formación en éuscaro nas prisións vascas durante 2025, cunha dotación de 100 000 euros. Este acordo permitirá organizar e supervisar os cursos en formato presencial e de autoaprendizaxe para as persoas privadas de liberdade.
Fonte: Gobierno Vasco
Amplíanse as prazas na liña de éuscaro de Medicina na Universidade do País Vasco
O Departamento de Saúde do Goberno Vasco e a UPV/EHU acordaron aumentar en 40 as prazas de Medicina en éuscaro no curso 2025/2026, co obxectivo de fortalecer o sistema sanitario e equilibrar a oferta entre ambas as linguas. Actualmente, as prazas en castelán ascenden a 200, mentres que en éuscaro son 168.
Fonte: EITB
A cuarta edición do Euskaraldia buscará converterse nun movemento para activar o uso do éuscaro
A cuarta edición de Euskaraldia celebrarase en maio de 2025 coa intención de transformar a iniciativa nun movemento sostido para activar o uso do éuscaro. Co lema “Elkar mugituz egingo dugu”, preténdese fortalecer o compromiso cidadán e estender o hábito de empregar esta lingua desde as interaccións cotiás. Esta edición anima a superar as inercias lingüísticas, procurando un efecto multiplicador entre milleiros de persoas..
Fonte: EITB
Vitoria é a cidade vasca con menos falantes de éuscaro
O uso do éuscaro está en retroceso nas zonas urbanas do País Vasco. Segundo Eustat, o 43,3 % da poboación utiliza esta lingua de maneira preferente ou exclusiva. En Vitoria, só o 2,5 % das persoas fala principalmente en éuscaro, mentres que en Bilbao esta cifra é do 3,6 %. En San Sebastián, a porcentaxe increméntase, xa que o 14,1 % da poboación emprega o éuscaro como lingua principal.
Fonte: 20minutos
O Concello de Azkoitia convoca axuda para impulsar a presenza do éuscaro nas empresas
O prazo para solicitar subvencións que fomenten o uso do éuscaro en comercios, hostalería e empresas remata o 31 de outubro. O concello ofrece axudas de ata o 60 % para deseñar sitios web, publicidade ou material como bolsas e facturas en éuscaro, cun máximo de 600 ou 360 euros, segundo o caso. Tamén subvencionan o 50 % dos rótulos externos e o 100 % do custo de programas informáticos en éuscaro, cun tope de 600 euros.
Fonte: Azkoitia Udala
Preséntase en Biscaia o programa BIKEE para impulsar o uso do éuscaro no deporte

A Deputación Foral reforza o programa BIKEE para fomentar o uso do éuscaro no deporte escolar mediante un novo decálogo lingüístico e o uso de brazaletes identificativos para árbitras e árbitros. O Athletic Club e o Bilbao Basket únense a esta iniciativa para promover o éuscaro entre a mocidade. O programa busca normalizar o uso do idioma nas actividades deportivas a través de compromisos que implican toda a comunidade, desde deportistas e clubs ata familias e público dos partidos.
Fonte: Diputación Foral de Bizkaia
Vitoria acolle «Euskararen Hiria», unha xornada de festa que mestura diversidade e éuscaro
Vitoria celebra o evento «Gasteiz, euskararen hiria», unha xornada dedicada á cultura e á lingua vasca que inclúe 12 horas de actividades diversas. O programa ofrece espectáculos infantís, deporte rural, sesións de bertsos, kalejiras, teatro, monólogos e concertos, cunha ampla participación de falantes e estudantes de éuscaro.
Fonte: GasteizBerri
Durango acolle unha nova edición do programa de fomento do uso do éuscaro Berbalagun
O Euskaltegi de Durango lanza de novo o programa Berbalagun co obxectivo de fomentar o uso do éuscaro no día a día. Esta iniciativa ofrece a oportunidade de practicar a lingua nun ambiente relaxado e ameno, a través de grupos de conversación e diversas actividades como talleres, excursións, charlas e clubs de lectura. Ademais, inclúe grupos específicos para o uso do éuscaro en contornos laborais ou sociais. O proxecto está aberto a persoas de todas as idades e niveis, desde principiantes ata falantes avanzados.
Fonte: Radio Nervión
O informe de Elebide, o Servizo de Garantía dos Dereitos Lingüísticos do País Vasco, sinala que nove de cada dez queixas están relacionas co ámbito público
O informe de 2023 do servizo Elebide recolle que se tramitaron 176 incidencias por vulneración de dereitos lingüísticos, o número máis baixo nos últimos seis anos. A maioría das queixas referíase á imposibilidade de utilizar o éuscaro, especialmente no ámbito público, en sectores como a Administración xeral e local. As queixas restantes correspondían ao ámbito privado, en sectores como servizos e comercio. O 68,3 % das reclamacións resolveuse de forma satisfactoria, mentres que un 14,9 % quedou sen resposta.
Fonte: Gobierno Vasco
Anúnciase un plan piloto para a celebración de xuízos en éuscaro

O Tribunal Superior de Xustiza do País Vasco (TSJPV) presentará nun prazo de dous meses un plan piloto para realizar xuízos en éuscaro. Actualmente, só unha vintena dos case 300 xuíces que exercen na Comunidade Autónoma Vasca estarían capacitados para dirixir estas vistas en éuscaro. O proxecto pretende responder tanto ás esixencias legais como ás demandas cidadás para normalizar o uso desta lingua na administración de xustiza.
Fonte: EITB
Boletín
Subscríbase ao boletín