País Vasco
A Universidade do País Vasco realiza unha investigación en Durango sobre a relación entre o éuscaro e a cognición na terceira idade
A Universidade do País Vasco iniciou en Durango un estudo pioneiro para investigar como o uso do éuscaro e o bilingüismo inflúen nas capacidades cognitivas das persoas maiores de 60 anos durante o envellecemento. A investigación, que conta co apoio do Concello de Durango e da asociación Berbaro, incluirá probas cognitivas e actividades lingüísticas. As persoas participantes recibirán unha compensación económica pola súa colaboración co que se contribuirá á promoción dun envellecemento activo e saudable.
Fonte: Durangoko Udala
O éuscaro será requisito nunha cota das vacantes da Administración de Xustiza
O Congreso acordou reservar prazas específicas na Administración de Xustiza do País Vasco nas que o éuscaro será un requisito, co obxectivo de reducir a temporalidade ata un 8 % nestes postos, o que permitirá exixir un nivel de coñecemento nesta lingua nas prazas singularizadas por razón de idioma. Esta medida mellorará a atención á cidadanía vasca e garantirá o dereito de expresarse en éuscaro.
Fonte: Siglo XXI
EiTB verá reforzado o seu papel como referente da información en éuscaro
O Goberno vasco incrementará o seu orzamento de cultura en 2025 para impulsar o uso do éuscaro. Entre as partidas principais, destinaranse 119,7 millóns a EiTB para consolidala como referente informativo nesta lingua e promoverase a súa aprendizaxe gratuíta en todos os niveis.
Fonte: El Diario
Apróbase o convenio para impartir clases de éuscaro ás persoas privadas de liberdade no País Vasco
O Consello de Goberno acordou prorrogar o convenio con HABE para garantir a formación en éuscaro nas prisións vascas durante 2025, cunha dotación de 100 000 euros. Este acordo permitirá organizar e supervisar os cursos en formato presencial e de autoaprendizaxe para as persoas privadas de liberdade.
Fonte: Gobierno Vasco
Amplíanse as prazas na liña de éuscaro de Medicina na Universidade do País Vasco
O Departamento de Saúde do Goberno Vasco e a UPV/EHU acordaron aumentar en 40 as prazas de Medicina en éuscaro no curso 2025/2026, co obxectivo de fortalecer o sistema sanitario e equilibrar a oferta entre ambas as linguas. Actualmente, as prazas en castelán ascenden a 200, mentres que en éuscaro son 168.
Fonte: EITB
A cuarta edición do Euskaraldia buscará converterse nun movemento para activar o uso do éuscaro
A cuarta edición de Euskaraldia celebrarase en maio de 2025 coa intención de transformar a iniciativa nun movemento sostido para activar o uso do éuscaro. Co lema “Elkar mugituz egingo dugu”, preténdese fortalecer o compromiso cidadán e estender o hábito de empregar esta lingua desde as interaccións cotiás. Esta edición anima a superar as inercias lingüísticas, procurando un efecto multiplicador entre milleiros de persoas..
Fonte: EITB
Vitoria é a cidade vasca con menos falantes de éuscaro
O uso do éuscaro está en retroceso nas zonas urbanas do País Vasco. Segundo Eustat, o 43,3 % da poboación utiliza esta lingua de maneira preferente ou exclusiva. En Vitoria, só o 2,5 % das persoas fala principalmente en éuscaro, mentres que en Bilbao esta cifra é do 3,6 %. En San Sebastián, a porcentaxe increméntase, xa que o 14,1 % da poboación emprega o éuscaro como lingua principal.
Fonte: 20minutos
O Concello de Azkoitia convoca axuda para impulsar a presenza do éuscaro nas empresas
O prazo para solicitar subvencións que fomenten o uso do éuscaro en comercios, hostalería e empresas remata o 31 de outubro. O concello ofrece axudas de ata o 60 % para deseñar sitios web, publicidade ou material como bolsas e facturas en éuscaro, cun máximo de 600 ou 360 euros, segundo o caso. Tamén subvencionan o 50 % dos rótulos externos e o 100 % do custo de programas informáticos en éuscaro, cun tope de 600 euros.
Fonte: Azkoitia Udala
Preséntase en Biscaia o programa BIKEE para impulsar o uso do éuscaro no deporte

A Deputación Foral reforza o programa BIKEE para fomentar o uso do éuscaro no deporte escolar mediante un novo decálogo lingüístico e o uso de brazaletes identificativos para árbitras e árbitros. O Athletic Club e o Bilbao Basket únense a esta iniciativa para promover o éuscaro entre a mocidade. O programa busca normalizar o uso do idioma nas actividades deportivas a través de compromisos que implican toda a comunidade, desde deportistas e clubs ata familias e público dos partidos.
Fonte: Diputación Foral de Bizkaia
Vitoria acolle «Euskararen Hiria», unha xornada de festa que mestura diversidade e éuscaro
Vitoria celebra o evento «Gasteiz, euskararen hiria», unha xornada dedicada á cultura e á lingua vasca que inclúe 12 horas de actividades diversas. O programa ofrece espectáculos infantís, deporte rural, sesións de bertsos, kalejiras, teatro, monólogos e concertos, cunha ampla participación de falantes e estudantes de éuscaro.
Fonte: GasteizBerri
Boletín
Subscríbase ao boletín