País Vasco
O Concello de Errentería anima a cidadanía a dirixirse en éuscaro ao consistorio
O Concello de Errenteria aprobou as directrices para o uso do éuscaro e o castelán no período 2023-2027 e quere fomentar o uso do éuscaro en comunicacións cidadás e trámites administrativos.
Fonte: Errenteria Udala
O Concello de Donostia organiza catro propostas para impulsar o coñecemento e o uso do éuscaro
O Servizo de Éuscaro lanzou catro programas para fomentar o coñecemento e o uso do éuscaro entre a infancia e a mocidade nos que participarán preto de 1000 menores.
Fonte: DonostiTik
O Concello de Portugalete organiza unha iniciativa para impulsar a comunicación en éuscaro nas familias
O Plan de éuscaro do Concello inclúe a iniciativa 'Eman Giltza', destinada a axudar ás familias na comunicación nesta lingua coas súas fillas e fillos a través de materiais educativos e proporcionando información sobre produtos culturais en éuscaro e recursos públicos dispoñibles para as familias.
Fonte: En Portugalete
O Concello de Deba anima a cidadanía a realizar a declaración da renda en éuscaro
Ata o 1 de xullo a poboación de Deba poderá realizar a declaración da renda 2023 en éuscaro. O ano pasado foron un terzo das declaración deste municipio as que se presentaron nesta lingua.
Fonte: Plone
O Concello de Vitoria-Gasteiz convoca axudas para a promoción do éuscaro no comercio e a hostalería
Destinaranse 6000 euros durante o 2024 para fomentar o uso e a presenza do éuscaro no sector comercial, hostaleiro e de servizos de Vitoria-Gasteiz. As axudas permitiranlles aos establecementos cubrir gastos como a tradución ao éuscaro das súas páxinas web, a rotulación exterior dos negocios, os gastos relacionados con diagnósticos e avaliacións sobre o uso do idioma, entre outros.
Un total de 17 federacións vascas apoian o acordo para o fomento do éuscaro no deporte

A colaboración entre a Unión de Federacións Deportivas Vascas e o Goberno vasco é crucial para promover o uso do éuscaro no deporte, un ámbito clave para impulsar o idioma entre as xeracións novas. Dezasete federacións, o que supón o 35% do total, comprometéronse dende 2022 co acordo para o fomento desta lingua. As medidas inclúen diagnósticos lingüísticos ou formación para adestradores e monitores de deporte escolar.
Fonte: Gobierno Vasco
Denuncian unha sentenza contra os perfís lingüísticos no Concello de Galdakao
O comité de empresa do Concello de Galdakao concentrouse para denunciar unha sentenza que considera "discriminatoria" a esixencia do perfil lingüístico para un posto de técnico/a de inserción sociolaboral, pois retira o coñecemento do éuscaro deste posto.
Fonte: EITB
O Goberno de Navarra renova o convenio coa Real Academia da Lingua Vasca para colaborar na promoción do éuscaro
O convenio, dotado cunha partida de 200 000 euros, promove o desenvolvemento e a promoción do éuscaro en Navarra a través de diferentes proxectos como a edición de libros, a realización de informes ou estudos etc.
Fonte: Gobierno de Navarra
O Goberno vasco e o Centro de Estudos Xurídicos O.A. asinan un convenio polo que se ofrece formación para ensinar éuscaro
Grazas a este convenio, cuxa vixencia é de catro anos, poderase expandir a formación para o persoal de xustiza en todo o Estado. A formación para aprender éuscaro será en liña e estará dispoñible para persoal titular, interino e en prácticas.
Fonte: Gobierno Vasco
O Goberno vasco asina un acordo co Ararteko para traballar a prol dos dereitos lingüísticos
O Servizo de Garantía dos Dereitos Lingüísticos e o Ararteko asinaron un acordo ata 2028 para protexer os dereitos lingüísticos da cidadanía. O convenio baséase na coordinación, a eficacia e a colaboración, e inclúe a remisión semestral de queixas sobre discriminacións lingüísticas. Tamén se organizarán actividades de promoción e concienciación sobre estes dereitos.
Fonte: Gobierno Vasco
Boletín
Subscríbase ao boletín