País Vasco
As cooperativas de Lea Artibai e Busturialdea reafirman o seu compromiso co éuscaro
As cooperativas de Lea Artibai e Busturialdea reuníronse en Euskoopaldia, un encontro destinado a compartir experiencias sobre cooperativismo e a promover o uso do éuscaro no ámbito socioeconómico. Durante a xornada abordaron retos comúns, coñeceron os proxectos de cada entidade e reforzaron a colaboración mutua, ao tempo que amosaron o seu compromiso coa normalización lingüística nas súas comarcas.
Fonte: TULankide
Un estudo das universidades do País Vasco e de Navarra analiza as características das linguas illadas como o éuscaro
Un novo estudo, coordinado por docentes das universidades do País Vasco e de Navarra, analiza vinte linguas illadas de todo o mundo, entre elas o éuscaro, co obxectivo de estudar os seus trazos comúns e a súa evolución histórica. A obra desmonta mitos sobre estas linguas, demostrando que non son máis antigas nin máis complexas ca outras e que, malia careceren de parentesco coñecido, funcionan de xeito semellante ao resto dos idiomas.
Fonte: Universidad del País Vasco
O Goberno vasco sinala como prioridade achegar o éuscaro ás persoas inmigrantes
O Goberno vasco considera prioritario promover o acceso ao éuscaro das persoas inmigrantes, pola súa importancia na cohesión social e no futuro demográfico. A través do programa AISA, ofrece cursos de acollida en éuscaro de balde, nos que o número de participantes aumentou un 10 % no último ano. Ademais, ampliou a gratuidade nos cursos de nivel A1, o que favoreceu un incremento do 20 % no alumnado.
Fonte: Gobierno Vasco
Seis asociacións deportivas de Galdakao asumen novos retos para impulsar o uso do éuscaro
Seis clubs deportivos de Galdakao incorporaron novos compromisos para promover o uso do éuscaro entre a mocidade, no marco do proxecto municipal ‘Kirolean be bai’. Logo dun diagnóstico e sesións de sensibilización, cada entidade definiu accións adaptadas como entrevistas en éuscaro, redes sociais bilingües ou participación en Euskaraldia. A iniciativa confirma o deporte como ferramenta eficaz para avanzar na normalización lingüística desde a base social.
Fonte: Radio Popular
O Concello de Áraba abre o prazo de inscrición para as bolsas de creación cultural en éuscaro

A undécima edición do programa "Gazte Sortzaileak" abre o prazo de inscrición para mozas e mozos de entre 16 e 35 anos que desexen desenvolver propostas artísticas en éuscaro. O programa ofrece asesoramento profesional e axudas de ata 4000 euros para a realización de proxectos culturais, como teatro, música, poesía, bertsolarismo ou audiovisuais.
Preséntase o informe sobre a situación dos dereitos lingüísticos do ano 2024 no País Vasco
Behatokia, o Observatorio dos Dereitos Lingüísticos, presentou o seu informe sobre a situación dos dereitos lingüísticos en 2024. Destaca que recibiu 1206 mensaxes no último ano, das que 1112 foron queixas, principalmente dirixidas a organismos públicos. A maior parte delas afecta ao uso do éuscaro en ámbitos como a sanidade e a xustiza. A organización chamou a cidadanía a denunciar as vulneracións e lamentou a perpetuación da supremacía do castelán e o francés, que dificulta o acceso a servizos en éuscaro.
Fonte: EITB
A Mancomunidade de Urola Garaia presenta varias iniciativas para impulsar o uso do éuscaro no deporte
A Mancomunidade de Urola Garaia presenta novas accións para promover o uso do éuscaro nas asociacións deportivas da comarca. As iniciativas inclúen microplans de éuscaro en tres clubs deportivos, a creación dunha mesa deportiva para compartir experiencias e recursos, e unha campaña de sensibilización dirixida a adestradores e familias. Estas medidas buscan mellorar a integración do éuscaro no deporte local e fortalecer a súa presenza nas actividades deportivas da zona.
Fonte: Urretxuko Udala
Preséntase un corpus estándar de referencia para o éuscaro

Euskaltzaindia presentou en Bilbao o Corpus de Referencia do Éuscaro (EEC), unha ferramenta aberta e colectiva que recompila máis de 154 millóns de palabras de textos en éuscaro escritos entre 2000 e 2023. O corpus busca reflectir con equilibrio e representatividade a realidade actual da lingua, con exemplos procedentes de diversos ámbitos, rexistros e dialectos. Trátase dun recurso fundamental tanto para a investigación lingüística como para o ensino, a tradución ou o desenvolvemento de tecnoloxías lingüísticas.
Fonte: Gobierno Vasco
A Universidade de Deusto aprobou un plan de política lingüística que reforza o seu compromiso co éuscaro

A Universidade de Deusto aprobou o seu Plan director de política lingüística 2025-2030, co obxectivo de avanzar cara a un trilingüismo efectivo en castelán, éuscaro e inglés. O documento estrutúrase en catro eixes: docencia, comunidade universitaria, comunicación e compromiso social, e inclúe medidas para ampliar a oferta académica en éuscaro e inglés, mellorar a calidade lingüística e fomentar o uso equilibrado das tres linguas. Ademais, promoverá campañas de sensibilización e colaboración institucional para contribuír á normalización do éuscaro desde o ámbito universitario.
Fonte: Universidad de Deusto
Unha iniciativa impulsará o uso do éuscaro nos ximnasios e centros deportivos de Oarsoaldea
Os concellos de Oarsoaldea impulsan a campaña «Mugitu gorputza, indartu hizkuntza!» para reforzar o uso do éuscaro no comercio e na hostalería, centrada este 2025 nos ximnasios e establecementos vinculados á saúde. A iniciativa ofrece servizos gratuítos como traducións e asesoramento, ademais de materiais como carteis e glosarios. Tamén se premiará o uso da lingua co reparto de agasallos entre a clientela euscaldún. Ata o momento, adheríronse 34 negocios da comarca.
Fonte: Herri Bizia
Boletín
Subscríbase ao boletín